moción instando ao pleno do concello de vigo a solicitar de xeito urxente axudas para o sector do comercio e hostalería local antes do inicio da campaña de verán

29 de Xuño de 2020

Dende o inicio da crise da COVID-19, tanto no Pleno do Concello como nas accións e anuncios promovidos polo goberno local, asegurouse que un dos piares da acción pública institucional para paliar as posibles afeccións económicas desta pandemia serían os programas de apoio ao comercio local, sector hostaleiro máis exposto á dependencia estacional e turística e aos pequenos autónomos da nosa cidade.

Diversas reunións entre representantes do sector, varios escritos e mocións da oposición a este Pleno, amplos consensos políticos nesta corporación, horas e páxinas nos medios locais anunciando grandes actuacións, etc… durante 3 meses fixeron albergar a un sector económico esencial da cidade a existencia dun apoio audaz por parte do goberno local. A evidencia é, que a día de hoxe, non existe ningunha medida concreta máis aló do aprazamento de pago de impostos municipais (que supoñen menos do 10% do gasto contable dun comercio medio na nosa cidade) e de afirmar que se seguirá coa rebaixa da taxas das terrazas que dende hai anos xa se ven aplicando na cidade.

Esta situación provocou a remisión, por parte de 16 asociacións de comercio e hostalería dun escrito esixindo medidas concretas xa, especialmente motivado porque, en sucesivas xuntanzas, se lle prometeran medidas concretas e inmediatamente análogas aos procesos de apertura dos negocios que quedaran pechados durante o confinamento da poboación e o cese forzoso da actividade.

Medidas ademais que se tomaron na práctica totalidade dos grandes municipios do Estado e de Galicia, orientándose, debido á urxencia da situación, a liñas de axuda directas para a apertura segura dos negocios, a adquisición de equipamento de protección e seguridade de traballadores e traballadoras e clientes e mesmo a colaborar nos custes dos negocios (alugueiros, consumos, seguros, etc…) durante os meses de cese de actividade.

Ante o proposto por estas asociacións agrupadas na Federación de Comercio de Pontevedra que representan a práctica totalidade do sector na nosa cidade, consideramos necesario que volva tratarse no Pleno a adopción de medidas concretas, tanto no referente a modificacións orzamentarias que doten de recursos, como no relativo a esixir á Xunta de Galicia que derive os recursos públicos transferidos polo goberno central para a reconstrución económica a axudas directas a este sector de extremada importancia en Vigo. Pois as axudas da Xunta non foron máis aló de tímidas propostas de subvención de máscaras e xeles (apenas 16 millóns de euros para toda Galicia) e non hai que esquecer que as competencias en materia de comercio e promoción económica, aínda que poden ser completadas polos concellos atendendo á Lei de Bases e a criterios de benestar da poboación, son principalmente competencias autonómicas que hoxe se exercen de xeito absolutamente precario.
POLO EXPOSTO O PLENO DO CONCELLO DE VIGO ACORDA:

PRIMEIRO. Instar á Xunta de Galicia a adicar ao comercio, hostalería e autónomos de Vigo unha cantidade non inferior aos 10 millóns de euros en base ao peso específico no PIB local e no emprego destes sectores económicos

SEGUNDO. Instar ao Concello de Vigo a realizar as modificacións orzamentarias seguintes para empregar créditos de partidas importantes sen execución previsible no 2020:

-PROMOCIÓN TURÍSTICA DESTINOS RUTAS AÉREAS: 2.855.200€
-FESTAS DE VIGO: 1.900.000€, do que propoñemos utilizar 900.000€ en programas de axuda ao comercio e hostalería local.
-Investimento mellora BALAÍDOS: 3.800.000€ que non se executarán en 2020 e mais unha partida adicional ate completar, con remanente de tesourería e superávit, un importe de 8 millóns de euros.

TERCEIRO. Reactivar a Mesa Municipal do Comercio Local como instrumento que priorice os destinos finais destes recursos e que sirva como órgano de traballo permanente entre comercio local e administración pública.