moción instando ao pleno do concello de vigo a tomar diferentes medidas ante a situación concesional do transporte público de pasaxeiros na cidade. decembro 2020.

24 de Decembro de 2020

A actual concesión de transporte público de Vigo, en mans de VIGUESA DE TRANSPORTE SL (VITRASA), pertencente ao grupo AVANZA, substánciase nun acordo tomado polo Pleno do Concello de Vigo do 26 de maio de 1994 con sucesivas modificacións realizadas a posteriori por motivos diversos e que alteraron tanto as condicións do contrato como o alcance económico do mesmo e os do billete ordinario.

Un contrato de máis de 25 anos, condicionado pola realidade dunha normativa de contratación pública non demasiado garantista naquela altura e por unha capacidade de presión da concesionaria tan evidente que instaurou un sistema de cálculo do billete mediante unha fórmula polinómica que permite que, actualmente, teñamos o billete máis caro de Galicia e un dos máis elevados do estado.

Posteriormente, e a cambio de varios servizos complementarios, acordouse un sistema concesional garantista que obrigaba a manter unha prognose de viaxeiros/as anual de 20 millóns e, de non acadalos, proceder a compensar á concesionaria. Compensación que se sumaría aos importes económicos que xa compensaban a Vitrasa pola tarxeta verde e as lanzadeiras ao Cuvi.

O propio alcalde calificaba de desfasado o contrato hai apenas un ano e apostaba por non ampliar a concesión (opción recollida no prego actual) e redactar novos pregos e concurso concesional. As declaracións naquela altura do alcalde de Vigo, Abel Caballero, desbotaban ampliar a concesión a pesar de figurar no prego formalizado no ano 1995 a posibilidade de prorrogar a concesión por 5 anos ate un máximo de 35 (incluído o prazo fixo concesional).

Coherente con esta decisión, decidiuse o 28 de decembro de 2018 denunciar a prórroga da concesión para, e citamos textualmente, “evitar a prórroga tácita do actual contrato”. Parello a isto, constitúese un comité técnico para os traballos de redacción de novas condicións do transporte público urbano e consecuentemente os pregos do novo concurso.
En febreiro do ano seguinte apróbase o perceptivo regulamento do servizo no que Marea de Vigo entendía que a aposta polo servizo concesionado indirectamente a unha empresa privada era un profundo erro e apostaba por deixar aberta a posibilidade da xestión pública directa do mesmo como é na maior parte das grades cidades do estado.

Con todas as reservas, o que entendíamos dende diferentes formacións políticas e colectivos da cidade era que por fin, 25 anos despois, abordábase a necesaria modernización e actualización dos criterios normativos e de funcionamento do transporte público colectivo na cidade de Vigo.

A crise provocada pola aparición da COVID-19 deste ano, tivo, dentro dos múltiples impactos, un evidente efecto sobre o transporte público da cidade, non só en canto a limitacións de mobilidade cidadá con impacto directo no transporte como no propio aforo dos autobuses e recadación. Impacto que Vitrasa claramente sabía menor ao ter garantido a cifra de 20 millóns de pasaxeiros que figura no contrato actualmente vixente, pero que dende o primeiro momento eximiu de xeito vitimista para condicionar a futuro posibles indemnizacións económicas.

Igualmente, e consciente deste impacto, o Goberno do estado aprobou o Real Decreto-lei do 8/2020 de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 polas medidas tomadas durante o estado de alarma, que entre outras cousas contemplaba “o dereito dos titulares das concesións de servizos ao restablecemento do equilibrio económico do contrato mediante a ampliación da duración inicial do contrato ata un máximo dun 15% o mediante a modificación das cláusulas de contido económico incluídas no contrato”.

Porteriormente, e rematado o estado de alarma, o Goberno do estado artellou unha proposta, incluída no Real Decreto lei 27/2020 de 4 de agosto, que pretendía regular a fórmula que determinaba a contía do reequilibrio para o ano 2020, que, a pesar de ser rexeitado polo Congreso abriu a porta a un acordo posterior de uso de remanentes que permitía aos concellos empregar recursos para a compensación e equilibrios económicos financeiros dos servizos públicos de transporte, feito que o Concello de Vigo decidiu non empregar e si outros concellos como o caso de Sevilla.

Pois neste contexto, chegamos ao mes de decembro donde o pasado día 14 VITRASA decide unilateralmente non aboar a paga extra do mes de decembro argumentando que o Concello de Vigo non compensou as perdas provocadas pola situación sanitaria, provocando a sorpresa do cadro de personal e o impago de nóminas por primeira vez na historia do transporte urbano da cidade de Vigo. Esta situación desbloquéase o día 21, despois da decisión do Goberno local de aboar 2.194.963,56 euros fronte aos 8.240.712 reclamados pola empresa privada. Unha diferenza que amosa o descontrol e disparidade de criterios interpretativos entre Goberno local e empresa concesionaria.
Esta situación manifesta, ao noso entender, que VITRASA emprega de xeito interesado a situación COVID coma complemento dunha situación de franca vantaxe que xa de por si atesora co contrato, pero amosa tamén, e é o máis grave, que o Concello de Vigo ten que se desdicir da denuncia do contrato e decidir unha prórroga de 5 anos que nada ten que ver con ese 15% de aumento que recolle o Real Decreto-lei do 8/2020 de 17 de marzo.

Porque o Goberno local non emprega, por así dicilo, a “fórmula COVID” para compensar a VITRASA, senón que sorpresivamente emprega a cláusula que figura no contrato do ano 1995, a de 5 anos prorrogables a un máximo de 35 contando o periodo concesional inicial. Decisión que para Marea de Vigo está evidentemente motivada porque ese 15% do Real Decreto non compensa, xa non as perdas de pasaxeiros e pasaxeiras por debaixo dos 20 millóns que ten que garantir a cidade, senón tamén o “pozo sen fondo” que é esta concesión, pozo sen fondo ao que os gobernos locais lanzan todo tipo de proxectos: publicidade noutras cidades para promocionar a cidade, cartas a toda a veciñanza de Vigo anunciando a Pass Vigo coa cara do alcalde, ou a inxustificada renovación e compra en vez de renting de vehículos cada poucos anos. Todo un elenco de decisións que logo VITRASA anota e coloca no “pendente de amortizar” na concesión. Unha ruína para a cidade pero un “negociazo” para a empresa, que a día de hoxe esgrime ter pendente 16 millóns de euros de amortización en forma de terreos das cocheiras, vehículos e outros conceptos.

Todas estas cuestións, feitas dende a decisión de activar a prórroga coma os criterios que marcan os futuros e presentes importes de reequilibrio económico da actual concesión nun marco de opacidade e falla de control democrático do que se negocia en nome de todos os vigueses e viguesas.
Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:

1.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a anular a decisión de activar a prórroga do contrato de xestión do transporte público de Vigo e facer valer a única decisión xurídicamente válida que é a denuncia do mesmo do 28 de decembro de 2018 que invalida a prórroga posteriormente anunciada.

2.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a convocar de xeito urxente un Pleno monográfico para informar sobre todo o proceso de negociación entre Concello de Vigo e a empresa VITRASA e o grupo propietario AVANZA.

3.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á convocatoria inmediata do Consello Sectorial de Transportes da cidade de Vigo para dar audencia a empresa, organizacións sindicais e colectivos veciñais e sociais da cidade para abordar esta situación na concesión.

4.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a retirar a proposta de Regulamento do Servizo Público de Transporte Colectivo de Viaxeiros en autobús da cidade de Vigo para permitir a posibilidade de xestión pública directa do Concello e realizar un estudo serio e rigoroso da posibilidade de xestión pública directa do transporte na nosa cidade.

5.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a abrir expediente disciplinario a VITRASA polo retraso na paga extra de decembro como medida preventiva ante impagos anunciados para as nóminas do mes de xaneiro que anunciaron públicamente entendendo este impago como falta grave recollida no articulado do prego concesional.

6.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a realizar inmediatamente unha auditoria externa, con concurso previo de cando menos tres consultoras e criterios obxectivos e independientes tal e como figura preceptivo no contrato actual de transporte urbano colectivo.

7.- Instar ao Goberno do estado a facer cumprir de xeito inmediato o acordo do Congreso dos Deputados e Deputadas e habilitar antes do 31 de decembro o fondo de axuda aos concellos para a compensación dos desequilibrios producidos pola crise da COVID-19 no transporte urbano colectivo de pasaxeiros.

 

 

 

*foto: wikipedia