moción instando a aprobar definitivamente unha ordenanza reguladora de mobilidade sostible e outros acordos complementarios

20 de Setembro de 2019

Os novos xeitos de mobilidade nas nosas cidades son cada día unha realidade máis complexa e con formulacións moi diferentes que requiren tanto de infraestruturas coma de organización diferentes. Vigo por desgraza chega tarde aos formatos de mobilidade sostible; cando en toda Europa as propostas de reforma dos viais urbanos xa conteñen espazos para a mobilidade ciclista, presentes mesmo dende as reconstrucións das cidades despois da II Guerra Mundial, as primeiras e cativas experiencias na mobilidade ciclista na nosa cidade están aínda hoxe en desenvolvemento; cando o vehículo eléctrico avanza como alternativa sostible e de mobilidade compartida en Vigo aínda non se colocaron os báculos de carga de esta tipoloxía de vehículos que dende hai máis dun ano tiñan que estar operativos dentro do contrato da XER.

E Vigo chega tarde tamén porque non se quixo tomar en serio nin os propios acordos municipais expresados no Plan de Mobilidade Sostible, que non deixaba de ser un documento de intencións sen dotacións económicas parellas, pero albiscaba un horizonte de implantación de políticas centradas na mobilidade sostible. Curiosamente soamente en 2017 se pretendeu artellar unha ordenanza de mobilidade sostible circunscrita especialmente ao vehículo eléctrico. A esta proposta de ordenanza os grupos municipais fixemos aportacións e dende entón non tivemos máis noticias e a ordenanza quedou esquecida nun caixón.

No Vigo de hoxe coexisten novas e vellas fórmulas de mobilidade sostible: hai cada vez máis persoas usuarias de bicicletas coma instrumento de mobilidade e non exclusivamente de ocio ou deporte; proliferan cada día máis patinetes eléctricos (aínda pendentes de ser regulados no seus desprazamentos pola DGT e polo tanto tamén das ordenanzas municipais), hai mesmo persoas que empregan os desprazamentos a pé e cada día en máis centros escolares crece o interese por empregar camiños escolares seguros para facelo. Non ter claro como organizar a mobilidade e non dispoñer dunha ordenanza clarificadora é un problema serio que Vigo ten que resolver xa. Non se planificaron as importantes obras na malla urbana que reducían os espazos aos vehículos particulares con propostas análogas de mobilidade sostible e fomento do uso do transporte colectivo de pasaxeiros. Debería ser urxente nesta lexislatura actualizar e dinamizar un Plan de Mobilidade Sostible para a cidade e aprobar as ordenanzas necesarias e os orzamentos axeitados para facelo.

Actualmente existe tamén en desenvolvemento a construción dun carril bici entre Avenida de Castelao e Camelias, que posteriormente será ampliado cara Teis e Samil. O proxecto ten que comportar para nós un estudo de seguridade e mobilidade completo xa que estamos a falar dun carril que comparte firme coa vía rodada e no que interactúa transporte público coma o colectivo e o servizo de taxi. Como dixemos na introdución das nosas achegas á proposta de ordenanza sobre mobilidade sostible para Vigo: “consideramos acertada a concreción dunha ordenanza sobre mobilidade sostible, pero entendemos que esta ten que artellarse dentro das liñas estratéxicas do PLAN DE MOBILIDADE URBANA SOSTIBLE (PMUS) aprobado polo Concello de Vigo o 27 de xuño de 2014 onde se recollía coma un dos obxectivos a mellora das condicións de mobilidade peonil e ciclista. Creemos que a decisión de que o carril bici trascorra por esta vías realmente non está acorde cos obxectivos marcados no PMUS e nas propostas iniciais de carrís bici que priorizaban outras vías precisamente polas dificultades de tráfico e deseño urbano que comportan tanto as rúa Pizarro como a rúa Camelias.

Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:

1. O pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a rematar a xestión administrativa e reguladora da nova ordenanza municipal de mobilidade sostible e procederá a aprobala no menor tempo posible.

2. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a prohibir cautelarmente a circulación de patinetes eléctricos polas beirarrúas (salvo que o condutor ou condutora circule andando con el) ate que a DGT regule definitivamente o seu uso tal e como están acordando numerosas cidades do estado.

3. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a esixir á concesionaria DORNIER a instalación dos báculos de recarga de vehículos eléctricos que figura no prego concesional vixente dende hai un ano.

4. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a establecer en todas as convocatorias do consello municipal de transporte un punto sobre mobilidade sostible no que abordar a súa incidencia tamén sobre o transporte público na cidade.