moción instando a aprobar diferentes medidas sobre memoria histórica e democrática na cidade de vigo

26 de Novembro de 2019

MOCIÓN INSTANDO A APROBAR DIFERENTES MEDIDAS SOBRE MEMORIA HISTÓRICA E DEMOCRÁTICA NA CIDADE DE VIGO

A represión franquista violenta en Vigo comezou a actuar con suma rapidez, dende o mesmo momento do triunfo militar contra a legalidade republicana na cidade. A lectura do propio bando, declarando o estado de guerra na mesma Porta do Sol, converteuse nun masacre cun saldo próximo aos 20 mortos. Os encarceramentos sen orde xudicial e fusilamentos nocturnos comezaron ao día seguinte. Os xuízos sumarísimos sen ningunha garantía procesal comezaron o 1 de agosto. Paralelamente, tamén a comezos de agosto, se iniciaban as primeiras depuracións contra todos os funcionarios republicanos que prestaban os seus servizos na cidade. O número de detidos nos cárceres é tan grande que se teñen que habilitar cada vez máis espazos de reclusión en distintos puntos de Vigo e arredores: a cadea de Príncipe, o enorme frontón de María Berdiales, os cuarteis da garda civil ou a illa de San Simón. En setembro, comezan a aparecer os corpos dos paseados nas cunetas da estrada de Puxeiros, nas cunetas da estrada a Valadares, nas tapias dos cemiterios locais, na praia de Cesantes, na de Coruxo, nas praias de Alcabre, Samil, o Bao e Panxón, na estrada de Baiona a Vigo, na liña do tranvía que comunicaba Vigo con varias vilas próximas ás que posteriormente, mentres avanzaba o verán, se foron sumando outras localizacións do terror.

A comarca de Vigo foi a última zona de Galicia en caer nas mans dos golpistas, con episodios de resistencia moi significativos no Calvario e no que, daquela, era o Concello de Lavadores. Non obstante, a cidade de Vigo foi dominada durante toda a guerra polos rebeldes, polo que sufriu o repertorio represivo completo. A represión na cidade adoptou todas as formas posibles, con ritmos e intensidades adaptadas a cada momento. Logrou a destrución dos cadros dos partidos da Fronte Popular, comezando polos alcaldes socialistas Emilio Martínez Garrido e Antela Conde, así como numerosos concelleiros e deputados, tamén a destrución dos sindicatos obreiros, sen deixar de lado aos partidos políticos moderados e ás personalidades de público sentir republicano, liberal ou simplemente democrático. A esta represión con resultado de morte, haille que sumar a poboación castigada por efecto da segunda

represión; a represión económica e laboral. Son os castigos impostos pola Comisión Depuradora do Concello e pola Comisión Depuradora de Correos e Telégrafos, polos que máis de 226 funcionarios foron expulsados dos seus postos de traballo e represalidados en distintos niveis. Tras o final da guerra, a Comisión de Incautación de Bens e os tribunais especiais de Represión da Masonería e Responsabilidades Políticas seguiron aplicando numerosas incautacións, despoxos de patrimonios, desterros e inxentes multas económicas.
Durante a longa noite de pedra que supuxo o franquismo, a represión, a tortura, a censura e os consellos de guerra continuaron, ata o último día.

Tendo en conta a gravidade dos feitos acontecidos na nosa cidade e tendo en conta tamén o prescrito pola Lei de Memoria Histórica de 2007, faise necesario que o Concello de Vigo se dote dunha política de memoria histórica e democrática sistematizada. Ata agora, as distintas medidas levadas a cabo foron o resultado do impulso de circunstancias concretas, moitas delas condicionadas pola presión dos distintos colectivos sociais implicados no activismo memorialístico. Hoxe, ás portas de pechar xa a segunda década do século XXI, non podemos agardar máis para ofrecer un proxecto municipal de memoria democrática, comezando por crear unha Oficina da Memoria Histórica que demostre o compromiso do Concello de Vigo coa memoria, a xustiza, a reparación e a garantía de non repetición.

Estas carencias, pois, preocúpanos e, ante elas, realizamos as seguintes propostas de ACORDOS:

1. Creación dunha Oficina de Memoria Histórica que se organice en dúas mesas de traballo -unha Mesa Técnica e unha Mesa de Participación- co obxectivo de abordar, de xeito planificado e sistematizado, as principais medidas que precisa Vigo neste ámbito.

2. Revisar a simboloxía franquista dos edificios de titularidade municipal co obxectivo de eliminala e instar a outras Administracións a que fagan o propio nos edificios da súa titularidade, tendo en conta o artigo 15 da Lei de Memoria Histórica e tamén a recente aprobación da eliminación do escudo do Santa Irene. A presenza do monumento fascista coñecido como a cruz do Castro, inaugurada polo mesmo ditador como homenaxe aos caídos dun bando, continúa a exercer violencia simbólica sobre miles de vigueses e viguesas; polo que propoñemos a súa eliminación.

3. Sinalización, mediante placas ou outro tipo de soporte, dos escenarios representativos da memoria de Vigo: Porta do Sol, Pereiró, cárcere no actual MARCO, Frontón de María Berdiales, porto de Vigo, Lavadores, entre outros. A partir desa sinaléctica, podería elaborarse un “Roteiro da Memoria de Vigo”. Cómpre identificar os lugares referenciais da historia para evitar que se convertan en lugares de esquecemento, como paso previo á súa conversión en lugares de negación.

4. Recoñecemento específico a tres vigueses, loitadores pola liberdade e pola democracia, que estiveron entre os últimos asasinados polo franquismo: José Humberto Baena Alonso, José Luis Sánchez-Bravo Solla e Xosé Ramón Reboiras Noia. Propoñemos a colocación dunha placa ou monumento conmemorativo.

5. Recoñecemento institucional aos 226 funcionarios municipais represalidados pola Comisión Depuradora do Concello no período inicial da ditadura e iniciacion, xunto con cantos grupos, entidades e cidadáns queiran sumarse, do traballo necesario para a interposición dunha querela ante os Xulgados de Instrución de Vigo a efectos de que por parte de estos se investigue os crimes contra a humanidade cometidos pola ditadura franquista que afectaron a veciños e veciñas deste concello.

6. Revisión das condecoracións da cidade outorgadas durante o réxime franquista, na medida en que moitas delas responderon a criterios antidemocráticos de afección ao réxime.