moción decembro 2022 instando ao cumprimento dos pregos por parte das concesionarias municipais
Por Marea de Vigo


Oriana Méndez Fuentes e Rubén Pérez Correa, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), presentan para o seu debate no Pleno e aprobación, se procede, a seguinte
MOCIÓN INSTANDO A GARANTIR OS DEREITOS LABORAIS NA CONTRATACIÓN PÚBLICA E O SEGUIMENTO DO CUMPRIMIENTO DOS PREGOS CONCESIONAIS
Dende hai tempo o Concello de Vigo vén de configurar a xestión dos seus servizos públicos coa formulación dunha convivencia de dous modelos: a asignación de servizos básicos mediante empresas públicas e xestión pública directa, por exemplo con Emavisa para a xestión da auga, ou directamente coa concesión administrativa, fórmula coa que, por exemplo, naceu directamente Vitrasa, para a xestión do transporte urbano colectivo de viaxeiros. Os dous modelos foron convivindo ata a vaga privatizadora dos anos 90 que exterminou directamente empresas públicas ou servizos xestionados directamente con persoal municipal.
Dende entón, a concesión administrativa vén de ser practicamente o único modelo de xestión dos servizos públicos esenciais, independentemente ademais das diferentes forzas políticas que ostentaron a alcaldía na cidade. Dende escolas infantís ata obra pública pasando por aparcadoiros, ben fose por decisión política ou por imposibilidade de afrontar con recursos propios a xestión directa, Vigo configúrase actualmente coma unha rara avis entre as grandes cidades do Estado: sen ningunha empresa ou ente público operando entre os numerosos servizos públicos e actuacións que diariamente se realizan.
Se ben é certo que as concesións administrativas existen como norma administrativa xa dende o Reglamento de Servicios de las Corporaciones Locales (RSCL) do ano 1955 e moitos concellos coma o de Vigo as empregaban con normalidade, foi o continuo adelgazamento da administración local, as sucesivas crises económicas e a doutrina neoliberal de “mellor privatizar que xetionar” os factores que fixeron cada vez máis complicado manter a xestión pública dos servizos municipais. A crise económica padecida a partir do ano 2008 e a lexislación restritiva como a lei Montoro do 2012 ou mesmo a reforma da Constitución no 2011 fixeron que a aposta pola xestión pública directa fose case imposible para os concellos que decidían esta fórmula. A propia UE arbitraba en xaneiro de 2014 unha directiva sobre contratos de concesión administrativa de obras e servizos que basicamente consideraba esta fórmula de contratación parte do desenvolvemento estrutural a longo prazo das infraestruturas e os servizos estratéxicos na Unión Europea e que, ademais, era un elemento nuclear para o “desenvolvemento da competencia no mercado interior, permitindo que se aproveiten as competencias do sector privado, o que contribúe a lograr eficiencia e a aportar innovación”. Discurso este que se probou en poucos anos carente de toda lóxica en canto a criterios de aforro, eficiencia e universalidade dos servizos públicos municipais.
A propia Ley de racionalización y sostenibilidad financiera de la administración local (LRSFAL), partindo desta directiva deu en considerar que as administracións locais tiñan total liberdade para decidir o mellor xeito de xestionar a execución de obras ou a prestación de servizos, puidendo optar por realizar as súas funcións de interese público con recurso propios ou en colaboración con outras autoridades, ou ben confialas a operadores económicos, esquecendo en moitas ocasións criterios rigorosos para avaliar se a fórmula de xestión indirecta era realmente a máis eficiente e sostible.
Despois chegaron os plans de axuste, os criterios de reposición de persoal público, que tan só conseguiron aumentar a vaga privatizadora sobre os servizos públicos municipais impoñendo aos concellos o artigo 85 cun criterio de deber de xestionar os servizos públicos de competencia local do xeito máis sostible e eficiente, e establecendo mecanismos onde a rebaixa de custos efectivos (especialmente salariais) era entendida como o sostible malia as reiteradas denuncias sindicais sobre a precarización que se cronificaba en todos aqueles equipos de traballo afectados. Vigo é hoxe, con varios conflitos laborais abertos, boa proba disto.
Hoxe Vigo configúrase como unha cidade onde os gobernos municipais sucesivos veñen de cultivar a concesión administrativa como opción case única, onde todos os servizos (auga, trasporte, limpeza, instalacións e dotacións públicas) son xestionados mediante empresas pequenas, medianas e grandes, o que xera que o capítulo 2 de gastos en bens e servizos medre notablemente en cada exercicio orzamentario e o capítulo 1 de gastos de persoal non medre de xeito análogo ao desenvolvemento competencial e á diversificación de servizos dos que se vai dotando o Concello.
Dende Marea de Vigo queremos, con esta moción que tramos a pleno, pór o foco na cuestión central malia esta decisión política e subsidiariamente administrativa: NADA DO QUE SE CONFIGURA COMO CONCESIÓN ADMINISTRATIVA EXIME DO CUMPRIMENTO DE PREGOS ADMINISTRATIVOS E DAS CONDICIÓNS DE SERVIZO, LABORAIS OU DE TODO TIPO QUE SE ESPECIFICAN NELES.
O noso grupo municipal, dende a chegada a este Pleno, foi rotundo, diante dos constantes conflitos laborais (XER, Limpeza de edificios municipais, recadación executiva, etc), diante das anulacións xudiciais de adxudicacións, coma do baile de adxudicatarias na anterior licitación de Parques e Xardíns: defendemos a necesidade (e mandato obrigatorio do Regulamento do Pleno) de constituír a Comisión de Seguimento da Contratación Pública, solicitamos reiteradamente que se tomase en serio a importancia de sancionar os incumprimentos dos pregos de condicións administrativas ou técnicas porque entendiamos que estes eran basicamente o documento contractual que regula toda a formulación do contrato e permitían o control eficaz da Administración local sobre o concesionario.
Se ben cando os servizos se vían afectados na súa prestación o goberno local actuaba ante a alarma social que se xeraba, o certo é que de xeito habitual se trasladaba á relación “empresa e persoal” as cuestións de índole laboral. Nas numerosas ocasións nas que solicitamos a intervención do Concello de Vigo para intervir nos conflitos laborais emanados da negociación colectiva, impago de salarios ou escaseza de recursos humanos nas concesionarias do Concello, esa era a resposta que este grupo municipal obtiña, cando a realidade é ben diferente.
Son evidentes as potestades administrativas para vixiar e controlar o cumprimento das obrigas do concesionario que ten que facer o Concello, porque nada que comporte a xestión indirecta dun servizo a través dunha concesión administrativa diminúe, en maneira algunha, a responsabilidade da Administración polo seu axeitado funcionamento.
Para estas funcións, o propio TRLCSP mesmo fala de fórmulas xurídicas que van dende o rescate da concesión por parte da Administración (artigo 287) ata a asunción temporal da execución directa do servizo nos casos nos que non se prestase ou non se puidera prestar por parte do concesionario (artigo 285) pasando pola potestade de ordenar variacións do servizo que aconselle o interese público (artigo 282).
Nestes momentos en Vigo permanecen abertos numerosos conflitos colectivos en concesións administrativas, dende a tentativa de descolgue salarial planeada polo grupo Avanza para o persoal de Vitrasa, os graves incumprimentos de Servisar no relativo ao abono de incrementos salariais vencellados ao IPC ao persoa do Servizo de Atención no Fogar, os sucesivos desencontros en limpeza de escolas, edificios e dependencias municipais, incumprindo en numerosas ocasións (como vén de denunciar Marea de Vigo reiteradamente) os pregos das concesións.
Reducir estes conflitos á escala das relacións laborais de empresas privadas é non cumprir o papel fiscalizador da administración, papel que debería ser permanente e notoriamente público en cuestións tan centrais coma o cumprimento das obrigas con respecto á cualificación ou categorías laborais, dereitos laborais ou sociais do persoal así coma o cumprimento da calidade dos servizos, a súa adecuación ao ofertado na mesa de contratación. Así o indican os artigos 249 e 279 do TRLCSP onde recoñecen á Administración contratante, neste caso o Concello de Vigo, a potestade de vixiar e controlar o cumprimento das obrigas do concesionario, puidendo inspeccionar o servizo, as obras, instalacións e locais, así coma a documentación relacionada co obxecto da concesión, conservando ademais os poderes de policía precisos para garantir a boa marcha do servizo público que xestione o concesionario.
A empresa sempre actúa, baixo esa visión, como axente colaborador da Administración pública e non no exercicio da súa liberdade de empresa, ao igual que a Administración delega na mesma a facultade de execución do servizo, quedando sometida ao longo da vida do contrato á vixilancia e control da Administración, á que o ordenamento lle recoñece un conxunto de potestades para dirixir e inspeccionar ao concesionario ou, no seu caso, modificar, resolver ou secuestrar o contrato subscrito co concesionario, sempre por razóns de interese público.
Mesmo existen figuras normativas de control: o propio RSCL, no seu artigo 131, prevé a designación dun Interventor técnico pouco antes de que finalice o prazo da concesión, para que vixíe a conservación das obras e do material e informe á Corporación Municipal ou provincial sobre as reparacións e reposicións precisas para mantelos nas condicións previstas. Tamén a Ley de Contratos del Sector Público (LCSP) regula a figura do responsable do contrato coa finalidade de reforzar o control do cumprimento do contrato e axilizar a solución das diversas incidencias que poida xurdir durante a súa execución.
Para garantir que as condicións e obrigas establecidas nos pregos e nos regulamentos dos servizos se cumpran, a lexislación sobre contratos establece un sistema de sancións. Así, o artigo 211 do TRLCSP dispón que os pregos ou o documento contractual poidan establecer penas para o caso de cumprimento defectuoso da prestación obxecto do mesmo ou para o suposto incumprimento dos compromisos ou das condicións especiais de execución do contrato que se tivesen establecido nos mesmos. Estas penas deberán ser proporcionais á gravidade do incumprimento e a súa contía non poderá ser superior ao 10 por 100 do orzamento do contrato. O órgano de contratación poderá acordar a inclusión no prego de cláusulas administrativas particulares de penas atendendo ás especiais características do contrato, sempre que se considere preciso para a súa correcta execución e así se xustifique no expediente.
Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:
ACORDOS
O pleno do Concello de Vigo insta ao goberno local, en base á posibilidade de xestionar de xeito público directo todos e cada un dos servizos públicos actualmente desenvolvidos baixo a fórmula de concesión administrativa, a realizar estudos para a reversión dos mesmos á xestión pública no momento da finalización da súa vixencia administrativa optando de xeito preferencia sempre por esta última en todos os procesos de contratación.
O pleno do Concello de Vigo insta a dar cumprimento do artigo 131 nomeando un interventor técnico antes da finalización do prazo de cada concesión para a auditoría do mesmo e dos elementos materiais adscritos.
O pleno do Concello de Vigo insta ao goberno local á apertura de expedientes informativos en todas e cada una das concesións administrativas que actualmente teñen abertos conflitos colectivos en materia de cuestións de carácter laboral.
O pleno do Concello de Vigo insta ao goberno local a establecer en todos os contratos cláusulas sociais que penalicen os incumprimentos en materia de convenios colectivos, categorías ou que comporten accións de descolgue salarial ou de contidos dos convenios colectivos de referencia.
En Vigo, a 21 de decembro de 2022.
Asdo.:
Oriana Méndez Fuentes Rubén Pérez Correa
Concelleira do Grupo Mixto Concelleiro do Grupo Mixto
(Marea de Vigo) (Marea de Vigo)