moción maio 2017. apoio ao sector da estiba

29 de Maio de 2017

O sector da estiba, formado por máis de 6.000 traballadores e traballadoras, supón unha importante actividade económica.

En 2010 levouse a cabo a reforma da Lei de Réxime Económico e de Prestación de Servizos dos Portos de Interese Xeral do Estado cun amplo apoio parlamentario, sobre a cal, a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado 11 de decembro de 2014 obriga a España a levar a cabo determinadas modificacións legais e convencionais, provocando así a incerteza nas empresas portuarias e nas/os traballadoras/es do sector. A favor da solución do conflito xerado, nos últimos tres anos realizáronse numerosos encontros entre o Ministerio de Fomento ou Portos do Estado, a patronal do sector (ANESCO) e os sindicatos maioritarios da estiba.

Sendo conscientes de que a normativa que regula a relación laboral, o Real Decreto 371/1987, de 13 de Marzo, polo que se aproba o Regulamento para la execución do Real Decreto-Lei 2/1986, de 23 de Maio, da estiba e desestiba, debe de ser sometida a diversas modificacións, as mesmas non poden, precisamente, acometer recortes nos dereitos laborais acadados pola traxectoria reivindicativa do sector. As reformas teñen que abordar necesariamente un avance nos mesmos, garantindo o principio de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego, sen discriminación de ningún tipo de acordo co artigo 14 da Constitución.

O pasado día 24 de febreiro, o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto Lei que liberaliza o sector da estiba, quedando entón en mans do Congreso dos/as deputados/as a aprobación definitiva.

O Decreto foi rexeitado no Congreso o 16 de marzo, mais o Goberno volveu poñelo enriba da mesa atopados os apoios suficientes, e o pasado 18 de maio, despois da aprobación no Consello de Ministros, foi aprobado no Congreso, esta vez co apoio de PNV, C’s, Foro Asturias e UPN.

Dadas as nulas intencións que tivo o Goberno para respectar o compromiso do mantemento de emprego e mesmo ter en conta os resultados das negociacións entre as partes (patronal e representación sindical), acordos obviados ao non ser os desexados, xunto á posterior aprobación do RD no Congreso, cos apoios antes citados, a Marea de Vigo considera que é necesario marcar un posicionamento desde concellos como o de Vigo, nos que o sector da estiba ten unha gran relevancia, por contar cun dos portos máis importantes a nivel mundial.

E, precisamente, en momentos nos que a propia xestión do Porto está vivindo situacións nas que as súas posturas poden resultar decisivas e de gran impacto tanto na economía da cidade como nas vidas de decenas de traballadoras e traballadores.

Polo exposto, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO

1.-Reafirmar o respaldo ao sector da estiba e instar ao Ministerio de Fomento, ás empresas e aos traballadores a que consensuen as medidas que permitan superar a incerteza xerada dende a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en 2014.
2.- Instar ao Goberno do Estado español e a Patronal da Estiba ANESCO a que na mesa de diálogo cos sectores e axentes sociais e industriais correspondentes se respecten todos os dereitos laborais conquistados polo sector ao mesmo tempo que introduza garantías para o acceso ao emprego sen discriminación de ningún tipo de acordo co artigo 14 da Constitución Española e de acordo aos principios de igualdade, mérito e capacidade.
3.-Apoiar publicamente as mobilizacións e folgas que se convoquen no sector da estiba dentro do marco da defensa dos dereitos das e dos traballadores da estiba que se está levando a cabo a causa da situación actual.
4.- Instar ao Goberno do Estado español a cumprir os acordos da OIT establecidos pola convención 137.
5.- Dar traslado do seguinte Acordo ao Goberno do Estado Español e aos distintos grupos parlamentarios das Cortes Xerais.