moción maio 2020 instando a cumprir os compromisos de loita contra o cambio climático aprobados en setembro do 2019.
Por Marea de Vigo


MOCIÓN INSTANDO A CUMPRIR OS COMPROMISOS DE LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO APROBADOS NO PLENO DO CONCELLO DE VIGO E A ADAPTAR A CIDADE AOS FACTORES DERIVADOS DA APARICIÓN DA COVID-19 EN TERMOS DE MOBILIDADE E SUSTENTABILIDADE.
Vivimos tempos de incerteza e de preocupación cidadá ante a situación provocada pola COVID-19. O que estalou en forma de crise puramente epidemiolóxica e sanitaria, derivou cara a unha crise económica e social cuxas consecuencias máis crueis non poden volver pagar de novo as clases traballadoras.
Do mesmo xeito, con esta crise non podemos esquecer que viviamos xa unha crise ambiental que, en parte, favoreceu a aparición de epidemias e doutros problemas sanitarios de carácter global. Unha emerxencia ambiental que analizaba de xeito acertado o Pleno do Concello de Vigo o pasado 4 de setembro de 2019 cando aprobou unha moción para a Declaración da Emerxencia Climática que fora deseñada, fundamentalmente, polos colectivos ecoloxistas e presentada pola Marea de Vigo.
Moitas das medidas concretas que propuña esa Declaración afectan a aspectos centrais que poden presentar solucións para crises análogas a da COVID-19: restaurar ecosistemas para evitar o colapso de todos os sistemas naturais (incluído o humano e a súa dimensión sociosanitaria), crear máis espazos peonís e mobilidades sostibles que hoxe reclamamos con urxencia no período de desescalada que estamos a vivir, avanzar na economía de proximidade e no fomento do comercio local, pois hoxe maniféstase o seu papel central na sociedade viguesa.
Cando transcorreron máis de 6 meses despois de ser aprobada esta Declaración, e tendo en conta as novas realidades chegadas coa crise que vivimos, dende a Marea de Vigo consideramos que a Declaración de Emerxencia Climática non pode quedar en papel mollado e que debe verificarse o seu cumprimento. É imprescindible comezar a implantar, canto antes, medidas para acadar os obxectivos aprobados na moción do pasado mes de setembro, atendendo, loxicamente, aos retos que a sociedade “postcovid19” obriga.
Observamos que esta crise evidenciou a necesidade de repensar o espazo público. Vimos que era posible o que antes se negaba: unha distribución máis racional e ecolóxica do espazo común. A limitación do tráfico rodado e a redución a mínimos históricos da contaminación sonora e atmosférica debe facernos reflexionar sobre que modelo de cidade queremos. Celebramos as peonalizacións propostas dende o Concello e instamos a que estas sexan sometidas a estudo de cara ao futuro. Probablemente, non poida nin teña por que manterse idéntico aquilo que foi deseñado para superar unha crise sanitaria, pero é necesario planificar unha nova realidade que dea prioridade á mobilidade sostible, comezando polas peonalizacións e seguindo por favorecer zonas de sombra e arboredo en todos os barrios da cidade. Zonas seguras e tranquilas que promovan o uso activo do espazo público e que teñan en conta a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida. É fundamental que todos os novos proxectos contemplen esa adaptación para non deixar ninguén atrás.
O proceso de revisión do PXOM no que nos atopamos é un momento idóneo para reconsiderar todas as cuestións relativas ao noso espazo común, ao espazo de todas. Cómpre crear espazos amables que sexan compatibles coa necesaria masa arbórea urbana, evitando rotundamente tallas de árbores sans. Porque unha mobilidade sostible e ecolóxica sería un proxecto eivado se non se acompaña da protección adecuada e do fomento de arboredos na cidade. Os casos da Gran Vía, Marqués de Valladares, Manuel Olivié, o entorno do Castro e do areal de Samil son algúns exemplos de tallas masivas que a cidadanía vén denunciando activamente.
No relativo ao proxecto de remodelación da Porta do Sol – Paseo de Alfonso, non ten xustificación que o soporte esencial desta obra sexa a construción dun túnel para fomentar unha peonalización segura. Esta obra non só non preserva o centro da cidade do tráfico de vehículos para establecer zonas libres de emisións, senón que promove o efecto contrario. O aumento do tráfico baixo superficie poría en dificultade cumprir, nos vindeiros anos, a obrigatoriedade de establecer zonas de baixas emisións nos centros urbanos das cidades que, como Vigo, teñen máis de 50.000 habitantes.
Por último, a chegada desta crise obríganos xa a reconsiderar gastos e destinos concretos dos recursos económicos do Concello. Seguimos a defender a redimensión dos gastos relacionados co alumeado de Nadal porque, en boa medida, son necesarios dende xa para o fomento dese comercio local e de proximidade que ten un protagonismo evidente na reconstrución económica de Vigo. E tamén porque un alumeado que colectivos ecoloxistas como Amigos da Terra calculan que consumiu 2.400 megawatios durante os 45 días de acendido o ano pasado, contravén absolutamente a promoción da eficiencia enerxética aprobada na Declaración de Emerxencia Climática.
Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:
1. Desenvolver medidas para cumprir coa Declaración de Emerxencia Climática aprobada polo Pleno municipal o 4 de setembro de 2019, recoñecendo de xeito explícito a crise ecolóxica e aplicando cambios reais no Concello.
2. Crear unha comisión de seguimento da aplicación da Declaración de Emerxencia Climática coa participación da cidadanía e de colectivos ecoloxistas da cidade.
3. Reformular o urbanismo na cidade, tendo en conta o proceso de revisión do PXOM de 1993, cara a unha mobilidade sostible que aposte pola peonalización permanente de rúas en todos os barrios da cidade, polos carrís bici e polo transporte público colectivo.
4. Completar unha rede de carrís bici seguros, incluír a bicicleta na intermodalidade do transporte e crear unha rede municipal de alugueiro de bicicletas para o aproveitamento dos novos espazos creados, enfocando este proxecto como outro xeito de transporte municipal.
5. Ampliar a zona verde perimetral do Paseo do Lagares mediante compra, anexión ou expropiación de terreos limítrofes para crear un corredor verde que sirva tanto de lugar de esparexemento ás persoas como de pulmón da cidade e habitat para a biodiversidade; tendo en conta a necesidade dun 65% máis de zonas verdes que o propio equipo redactor do PXOM recoñece.
6. Redeseñar o plan de peonalización da Porta do Sol, aceptando un proceso de participación e debate aberto e público sobre o proxecto mais apropiado para esa actuación e establecendo medidas tendentes á eliminación do tráfico no centro da cidade, con redución real da contaminación de cara á creación dunha zona de baixas emisións.
7. Reformular dos baldeos de rúas e beirarrúas, substituíndo estes por medios de limpeza e desinfección adaptados á eliminación da posible presenza da COVID-19 nos espazos públicos, incluíndo limpeza con elementos mecánicos (aire comprimido con baixa emisión de auga).