moción marzo 2017. recuperación antigo hospital rebullón

24 de Marzo de 2017

O peche do antigo hospital do Rebullón, en xaneiro do 2016, cun total de 25.666 metros cadrados de construción, rodeado por 6 hectáreas de terra supón ter inutilizado un edificio con moitas posibilidades de uso. O uso actual é de menos de 16.000 metros cadrados; estando a inmensa maioría del nos anexos ao edificio principal: dependencias da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e Almacén de Historias Clínicas. O edificio Principal está destinado maiormente ao almacenamento de mobiliario e equipamento sanitario en diferentes graos de conservación, mais unha mínima parte que ven sendo a base da ambulancia medicalizada do 061.

Neste momento está pendente de definir o destino de este edificio; sobre ese aspecto o director da área de saúde de Vigo, Felix Rubial, manifestou cando se fixo o traslado do Psiquiátrico o seguinte: “considero que é “a sociedade” quen debe decidir cal é destino..”

Consideramos que é o momento de definir o destino destas instalacións, das que pode beneficiarse a comarca e área sanitaria de Vigo, coa implantación de servizos de atención pública sociosanitaria nas mesmas.

Existen carencias de servizos públicos sociosanitario na Comarca e en Galiza. 1.700 persoas agardan por unha praza nunha residencia para maiores: coa habilitación de este edificio poden paliarse as necesidade neste sentido e outros, tales como Centro de Día, Atención á muller etc etc

Este edificio público, está nun entorno natural moi agradábel con numerosos espazos verdes , nun lugar tranquilo con amplo aparcadoiro, fácil acceso para a veciñanza da comarca polas seguintes características: ampla vía diante, tránsito do transporte público con paradas no Alto de Puxeiros, e na proximidade dos pasos e cruces das Autovías A55, AP9, AG57; constituíndo así unha excelente accesibilidade que facilitaría o servizo público que nel se instaurase.

O deterioro do Edificio e entorno xa se observa e acrecentarase co paso do tempo se non se toman medidas de recuperación e uso activo de este importante recurso propiedade da Xunta de Galiza. De modo que, calquera demora na recuperación (actualmente máis dun ano) dificulta e encarecerá a adecuación, feito que incide na urxencia de darlle unha solución.

Por todo iso, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguinte

ACORDO

1.- Instar á Xunta de Galiza que en breve prazo leve a cabo a recuperación do antigo Hospital do Rebullón e organice a implantación de servizos sociosanitarios públicos como poden ser Residencia Xeriátrica, Centro de Dia etc que beneficien á veciñanza da comarca e de Galiza .