moción marzo 2019. para solicitar a inclusión da conexión vigo-porto no corredor atlántico de mercadorías

26 de Marzo de 2019

MOCIÓN PARA SOLICITAR AO GOBERNO DO ESTADO A INCLUSIÓN DA CONEXIÓN VIGO-PORTO NO CORREDOR ATLÁNTICO DE MERCADORÍAS

Recentemente vimos de coñecer que a conexión Vigo-Porto non será incluída na Rede Básica Transeuropea de Mercadorías, o que supón unha mala nova para a cidade e para Galicia

O acordo anunciado, resultado da negociación no Trílogo, non so supón a exclusión da rede básica, que vai recibir maior financiamento UE, tanto en termos absolutos como relativos, porcentaxe de financiamento, senon tamén a ampliación do prazo de execución da Rede Transeuropea de Transportes en máis 20 anos, xa que os periodos de execución son de 2030 para a básica e 2050 para a global.

A inclusión da liña Vigo-Porto na rede global, e non na básica, tamén vai dificultar a demanda de inclusión do porto de Vigo na rede básica portuaria da UE ,do Regulamento da RTE-T.

Esta realidade é resultado dunha decisión política do Goberno español que priorizou o corredor Mediterráneo, e do desleixo do Goberno galego e mesmo do do Concello de Vigo.

O Regulamento (UE) 913/2010 do Parlamento Europeo e do Consello do 22 de setembro de 2010 sobre unha rede ferroviaria europea para un transporte de mercadorías competitivo estableceu unha serie de corredores europeos de mercadorías para aumentar a competitividade do ferrocarril fronte a outros medios de transporte.

Estes corredores europeos de mercadorías constitúen así mesmo a espiña dorsal das Redes Transeuropeas de Transporte definidas nos Regulamentos UE 1315/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de Decembro de 2013 sobre as orientacións da Unión para o desenvolvemento da Rede Transeuropea de Transporte, e 1316/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de Decembro de 2013 polo que se crea o mecanismo “Conectar Europa”.

Neste contexto, a mellora da conectividade entre Galicia e Norte de Portugal é fundamental, xa que estamos a falar dunha rexión duns 6 millóns de habitantes cun grande dinamismo económico, e que conta cunha importantísima rede de portos cuia interconexión suporía a creación de grandes sinerxias. Portugal é un dos principais mercados exteriores de Galicia e non se debe de tolerar polo tanto a desvertebración de Galicia e Portugal. Na proposta inicial de corredor Atlántico, como é coñecido, non estaba Galicia nin Vigo e a súa área de influencia.

No mes de xuño de 2018 a Comisión da Unión Europea aprobaba a proposta de integración de Galicia no Corredor Atlántico, o que significou unha boa nova e a reparación parcial do sinsentido que era a exclusión total de Galicia da rede de corredores de mercadurías europea.

Ante este feito o Parlamento galego, a iniciativa do Grupo parlamentario de En Marea, aprobaba unha proposición non de lei na que se instaba á inclusión da conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico, por ser unha conexión fundamental para Galicia que atopa na unión co norte de Portugal un dos piares do seu futuro a nivel económico.

Máis tarde a Comisión de Transportes do Parlamento europeo , no día de 22 de novembro, aprobou a inclusión de varias conexións, entre ellas a Vigo-Porto no Corredor Atlántico ou a Madrid-Valencia-Sagunto-Teruel-Zaragoza no Corredor Mediterráneo.

Sorprendentemente, na xuntanza do Consello da Unión Europea de 3 de decembro, non se incluiu na proposta debatida a conexión Vigo-Porto e sí en cambio a Madrid-Valencia-Sagunto-Teruel-Zaragoza.

Finalmente, e a pesar de que o Parlamento europeo sí aprobou a inclusión da conexión, a negociación final no Trílogo, deixouna fora da rede básica coas consecuencias antes explicadas.

A conexión Vigo-Porto queda fora por falta de vontade política do goberno español e polo desleixo da Xunta de Galicia, que só no tramo final do procedemento de reforma do regulamento tivo algunha iniciativa política, pero non traballou con previsión e tempo suficiente un asunto que debera de ser estratéxico para este país.

Por outra banda o alcalde de Vigo que é, xunto con Nuñez Feijoo, un dos dous galegos membros do Comité Europeo das Rexións, nada alegou, a pesar de que o Comité sí fixo alegacións incorporando demandas de líderes doutras rexións europeas.

Descoñecemos a razón pola que o Goberno español non apostou pola conexión Vigo-Porto, pero consideramos que foi unha decisión que supuxo un trato desigual e inxusto con Vigo e Galicia, á que se aparta da posibilidade de acceder en mellores condicións ao financiamento de actuacións de modernización e mellora da competitividade das conexións ferroviarias de mercadorías.

Aínda así consideramos que hai que traballar para que inmediatamente os gobernos se poñan a traballar na mellora da conexión de Vigo con Porto e a mellora das conexións co Porto de Vigo e demáis portos galegos.

Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:

  1. O Concello de Vigo considera como estratéxico e irrenunciable a Conexión Vigo-Porto no Corredor Atlántico e considera a actitude que mantivo o goberno español neste asunto de tanta trascendencia para Vigo foi un agravio para a nosa cidade e Galicia, e un hándicap negativo para a mellora das infraestructuras ferroviarias que conectan con Portugal.
  1. O Concello de Vigo demanda do Goberno do Estado un Plan Estratéxico para o impulso da mellora da conexión ferroviaria Vigo-Porto, dotándoo de recursos orzamentarios, e solicitando adicionalmente o financiamento dos investimentos para dito proxecto á Unión Europea.

 

 

 

 

 

 

En Vigo, a 22 de marzo do 2019

 

 

 

 

Asdo: Rubén Pérez Correa

 

 

 

Voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo