moción marzo 2023 instando á creación dun observatorio da contratación pública
Por Marea de Vigo

Excmo. Sr D. Abel Caballero Álvarez
Alcalde-Presidente do Concello de Vigo
Oriana Méndez Fuentes e Rubén Pérez Correa, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), presentan para o seu debate en Pleno e aprobación, se procede, a seguinte:
MOCIÓN SOLICITANDO A CREACIÓN DUN OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN NO CONCELLO DE VIGO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Dende as dúas últimas lexislaturas o Grupo Municipal de Marea de Vigo ven reclamando un debate sobre os mecanismos públicos de auditoría dos múltiples servizos municipais de Vigo xestionados por entidades privadas en réxime de concesión, fundamentalmente empresas privadas.
Porque o feito de que estes servizos sexan xestionados por unha entidade allea aos servizos públicos municipais non exime ao concello da súa responsabilidade como garante da xestión dos mesmos, responsabilidade atribuída pola lei de bases de réxime local que arbitra á corporación unha serie de obrigacións que non se esgotan no proceso de contratación, senón que continúan durante toda a vida do contrato, durante o cal debe velar polo bo cumprimento e desenvolvemento de contrato por parte da empresa adxudicataria.
Esta obrigación é básica dado que un factor determinante da calidade dos servizos ten que ver co cumprimento de todos os requirimentos establecidos nos pregos de contratación, entre os que se inclúen as funcións obxecto do contrato e as condicións laborais dos traballadores das empresas. Só desde un eficaz labor de fiscalización exercida con total transparencia os cidadáns poderán coñecer se a forma de xestión é eficaz e resulta economicamente viable, ou ben o servizo debe volver ao campo do exercicio directo por parte da administración.
Na nosa cidade, neste contexto, son frecuentes e habituais os conflitos e denuncias veciñais sobre a calidade dos servizos públicos, do cumprimento das obrigas que figuran nos pregos, etc.. o que deixa entrever unha moi pobre acción de control e supervisión destas por parte do equipo de goberno municipal. Dende as queixas polas rutas de transporte urbano, a situación de moitos parques e xardíns, o SAF, etc… son diarias as chamadas ao 010 e aos departamentos municipais implicados, moitas veces sen resposta ao depender da vontade da empresa concesionaria de resolvelo.
En definitiva, son vicisitudes consecuencia da privatización de servizos públicos municipais que a veciñanza de Vigo debe coñecer, pero que ten especial dificultade para estes a o non estar xestionada polos servizos municipais, sometidos ao dereito público e a normas estritas de transparencia. A fiscalización da prestación destes servizos debe ser unha actividade que exceda o labor da Xunta de Goberno Local dada a importancia que ten para a veciñanza o coñecemento da eficaz xestión dos servizos públicos e a toma de coñecemento do mellor modelo de xestión destes.
Non existe nin se quixo constituír unha comisión de pleno de seguimento da contratación que mesmo figura de obrigada constitución no Regulamento do Pleno e que Marea de Vigo leva dúas lexislaturas reclamando, pero e que tampouco existe un órgano análogo que teña como obxecto o estudo específico e a vixilancia da contratación, como si existe noutros concellos similares ao noso.
Por esa razón propoñemos a figura do Observatorio de Contratación Municipal, organismo que se convertería nunha peza crave de seguimento e control da execución dos servizos municipais sometidos a concesión ou contrato público. É obrigación do Concello de Vigo adaptar e perfeccionar os mecanismos oportunos co fin de cumprir ese innegable mandato consistente en garantir que a rede pública de servizos municipais responda e sexa eficaz para atender as necesidades básicas da poboación á que están suxeitos.
Por este motivo, imponse establecer desde o concello as ferramentas para que poida valorarse a calidade destes servizos públicos privatizados baixo os criterios da máxima transparencia, coas seguintes premisas:
- observatorio primará as funcións de control, seguimento e valoración e mellora das condicións de servizo, tanto no referente á prestación do mesmo e tanto no caso de servizos externalizados e xestionados por empresas privadas, así como os sometidos a concesión e exercidos por empresas privadas. Igualmente elaboraranse no mesmo as medidas correctoras oportunas.
- A cidadanía en xeral, opinando e valorando como suxeito protagonista, non só desde a súa condición de persoas usuarias, senón tamén desde o seu obrigado rol político dentro do debate de mellora da rede pública de servizos.
- Os traballadores e traballadoras que desempeñan os servizos terán o seu propio papel dentro do Observatorio, tanto no seu rol como veciños como en canto ao cumprimento das condicións laborais por parte das empresas que os xestionen
- Observatorio non suporía custo específico algún para as arcas municipais nin fai interferencia en competencia algunha atribuída por lei a calquera outro órgano, tanto os servizos administrativos afectados ou á unidade de tramitación de cada expediente. As súas funcións esenciais serían a emisión de informes, a realización de peticións ou recomendacións que puidesen orientar as decisións dos órganos municipais relativa ao seguimento da adxudicación e desenvolvemento dos contratos adxudicados polo consistorio.
Pero a principal función do Observatorio sería axudar a facer máis transparente a xestión, permitindo aos veciños coñecer o cumprimento das condicións de execución dos servizos, a calidade da prestación e o grao de eficacia e eficiencia tanto económica como social e ambiental dos mesmos.
Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación, se procede, o seguinte:
ACORDO
- Poñer en marcha un grupo de traballo de carácter consultivo denominado “Observatorio de Contratación do Concello de Vigo”, do que formarían parte, ademais dos grupos políticos do consistorio e o concelleiro non adscrito, os técnicos responsables dos servizos municipais contratados, así como representantes dos axentes sociais da cidade, das seccións sindicais das empresas municipais ou concesionarias e do Comité de Empresa do Concello.
En Vigo, a 23 de marzo de 2023.