mocion marzo. para garantir un transporte metropolitano público e xusto para a cidadanía de vigo e da área metropolitana

9 de Abril de 2018

MOCIÓN PARA GARANTIR UN TRANSPORTE METROPOLITANO PÚBLICO E XUSTO PARA A CIDADANÍA DE VIGO E DA ÁREA METROPOLITANA

O recente proceso de substitución da antiga tarxeta verde de transporte urbano de Vigo pola chamada passvigo vén a poñer luz sobre unha realidade que vive o transporte público urbano na nosa cidade: a evidente capacidade que ten a actual concesionaria Vitrasa e seu o grupo matriz Avanza de condicionar calquera cambio nas políticas de transporte, así como a súa particular necesidade de seguir contando cun marco tan vantaxoso como é o actual prego concesional de 25 anos que remata o vindeiro 2019.

A máis que cuestionable necesidade de modificar a actual tarxeta con custe á empresa concesionaria no último ano de explotación concesional so pode responder a un interese empresarial; ou ben de ampliar a concesión unha vez rematada en 2019 (algo que o alcalde de Vigo Abel Caballero sinalaba como imposible mentres “seguira sendo alcalde” xa no ano 2012), ou ben da tentativa de que este custe forme parte das futuras amortizacións de inversións que condicionen calquera intento de cambio concesional.

Un veciño ou veciña de Vigo pode facerse a mesma pregunta que nos facemos dende o grupo municipal da Marea de Vigo:

  • ¿Que interese pode ter o grupo Avanza en ter unha flota excesivamente nova de autobuses dunha media de 6,5 anos mesmo adiantando para 2017 renovacións de autobuses que corresponderían para 2019 despois de rematada a concesión?
  • ¿Que intereses agocha enviar decenas de miles de cartas coa cara do alcalde Abel Caballero, para promocionar unha tarxeta (de usos múltiples municipais en principio), pero pagada polo grupo Avanza que soamente xestiona o transporte?
  • E especialmente ¿Que empresa fai no seu último ano de xestión dunha concesión de 25 anos unha inversión tan importante sen esperar nada a cambio?.

É rigorosamente certo que para evitar o excesivo prezo do billete urbano (regulado mediante o uso dunha fórmula polinómica no propio prego) o Concello de Vigo habilita dende fai anos dos seus recursos propios partidas importantes (hoxe de máis de 12 millóns de euros) subvencionando cada billete ordinario, establecendo liñas ao CUVI, habilitando o billete de transferencia así como outras melloras no transporte urbano. Pode existir por tanto e con toda lóxica un debate sobre se se pode ligar esta inversión ao feito do empadroamento como existe debate mesmo xurídico sobre axudas análogas ao IBI e outros impostos municipais e a legalidade de vinculalas ao empadroamento.

Mais o debate non debería estar neste feito da condición de figurar no padrón municipal, habitual en moitos modelos de transporte urbano noutras cidades, senón nos motivos polos que non existe un transporte metropolitano co-financiado entre Concello e Xunta (administración con competencias en materia de transporte) que permita tamén á veciñanza da área ter os mesmos niveis de bonificación sobre os billetes ordinarios do transporte urbano de Vigo.

Non fai falla nin sequera ter Lei de Área Metropolitana, podendo asinar acordos de transporte xa (hai unha lei de transporte público e plan de transportes análogos que o permiten) e deixar o desenvolvemento da lei para despois do 2019. Porque trátase de evitar de xeito urxente agravios tales como que un vigués ou viguesa poida usar o transporte interurbano a Nigrán ou transporte de ría a Cangas bonificado sen que o Concello de Vigo poña un euro e os veciños e veciñas destes concellos non poidan facer o mesmo porque Xunta e Concello de Vigo non chegan a un acordo.

De recuperar o convenio asinado entre Concello de Vigo e Xunta no 2016, clarificando que por suposto o transporte metropolitano é o que se produce entre dous concellos con medios de transporte públicos onde parte abona Concello e  parte a Xunta de Galicia, evitaríamos un esperpento e un aproveitamento oportunista de partidos políticos e alcaldes dunha situación que soamente beneficia a unha concesionaria privada como Vitrasa.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede as seguintes propostas de

ACORDOS:

  1. O pleno do Concello de Vigo esixe a Xunta de Galicia a presentar de xeito inmediato un novo borrador dun convenio de transporte metropolitano para os concellos relacionados na lei de área metropolitana de Vigo que deixe claras as dúbidas existentes na interpretación dos anexos do asinado en 2016 e as tarifas actualizadas a data de 2018.
  1. O pleno do Concello de Vigo insta ao alcalde de Vigo a asumir o seu compromiso de “non prorrogar a concesión do transporte urbano de Vigo” que finaliza en 2019 e estudar fórmulas máis vantaxosas para a cidadanía de Vigo (dende creación de empresa pública e remunicipalizar o servizo ate, de non poder ser factible, abrir un novo prego que corrixa os condicionantes anteriores)
  1. O pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno Local a condicionar calquera inversión inmediata do grupo Avanza en Vitrasa a unha auditoría previa que avalíe o seu alcance no futuro concurso público de contratación do transporte urbano de Vigo.

En Vigo, a 2 de abril do 2018

Asdo: Rubén Pérez Correa