mocion mes de xullo 2019. situación de recursos nos centros educativos públicos

30 de Xullo de 2019

Excmo. Sr D. Abel Caballero Álvarez

Alcalde-Presidente do Concello de Vigo

Oriana Méndez Fuentes, concelleira do Grupo Mixto (Marea de Vigo-Son En Común), presenta para o seu debate en Pleno, e aprobación se procede, a seguinte

MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA DE GALICIA A SOLVENTAR AS GRAVES EIVAS DOTACIONAIS E DE RECURSOS DOS CENTROS EDUCATIVOS PÚBLICOS DE VIGO

As sucesivas medidas económicas e lexislativas que se teñen aplicado en Galicia e na nosa cidade dentro do ámbito do sistema educativo público teñen sido presentadas como accións ineludibles orientadas a optimizar o funcionamento dos centros educativos en aras dunha suposta excelencia e dunha racionalización dos recursos. A Lomce, as decisións enmarcadas nos sucesivos orzamentos da Xunta de Galicia e dos gobernos centrais, as zonificacións escolares arbitrarias e as redimensión do cadro de persoal docente xustificáronse como decisións estratéxicas e ineludibles, pero a realidade do que estamos a vivir na cidade de Vigo amosa outras aristas preocupantes. Nada pode xustificar a merma de recursos educativos e de consensos na comunidade educativa.

Co remate do curso escolar numerosos centros educativos de Vigo se teñen atopado con casuísticas variadas de recortes educativos e falla de planificación escolar. Nuns centros a problemática é pola merma de atención educativa como no Eduardo Pondal, no barrio de San Paio, cunha nada despreciable matriculación de 75 nenos e nenas para o curso 2019/2020, e onde sufriron a eliminación do servizo de apoio pedagóxico para os nenos e nenas con diversas problemáticas que precisan deste servizo complementario á tarefa docente do/da profesor/a-titor/a. Noutros centros a situación é máis grave ao eliminarse este servizo coa promesa de restablecelo, sen novas ate o día de hoxe.

Na totalidade da demarcación educativa de Vigo a Consellería segue sen abrir un diálogo franco e participativo sobre a necesaria nova zonificación escolar. Zonificación que permita dunha vez por todas considerar o transporte escolar coma un servizo público e que sexan as necesidades dos centros escolares as que unicamente determinen as necesidades dese transporte e non ao revés.

En varios centros da cidade, tamén no anteriormente citado Eduardo Pondal, asistimos a unha negativa permanente a restablecer as líñas retiradas para o próximo ano en Primaria, e cunha escaseza de docentes que se cronifica curso a curso.

Son exemplos dun modelo de xestión educativa que fai augas, especialmente nunha cidade onde gaña espazo a educación privada e concertada fronte á educación pública (temos xa unha matriculación maior nos primeiros que nos centros públicos).

Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo-Son En Común presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:

  1. O Pleno do Concello de Vigo insta á Xunta de Galicia a aumentar sensiblemente as dotacións educativas dos centros educativos de Vigo, recuperando liñas educativas, dotando de docentes permanentes e en todos os centros para o alumnado con necesidades educativas especiais nos centros que, como o Eduardo Pondal, foron privados destes servizos en datas recentes e naqueles que non o teñen actualmente.
  1. O Pleno do Concello de Vigo insta á Consellería de Educación a abrir urxentemente o diálogo coa comunidade educativa viguesa, co consello municipal de educación, con Foanpas, etc.. de cara a artellar unha axeitada e consensuada nova zonificación escolar para Vigo.

 

En Vigo, a 26 de xullo do 2019

 

Asdo: Oriana Méndez Fuentes

Concelleira do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo-Son En Común)