moción maio 2018. en defensa do servizo público de correos.

29 de Maio de 2018

MOCIÓN PARA O CESE DO DETERIORO DO SERVIZO DE CORREOS NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA, A FALLA DE PERSOAL NO MUNICIPIO DE VIGO E A SÚA COMARCA E POLA REVERSIÓN DOS RECORTES.

O servizo postal público, deficitario en boa parte do territorio, tamén na comarca de Vigo, especialmente en ámbitos non urbanos, depende de Correos, entidade que, xa no exercicio orzamentario do 2017 viu recortado o seu financiamento pola prestación do Servizo Postal Universal nun 66% (120 millóns de euros).

No día de onte, tras a aprobación no Congreso dos Deputados dos Orzamentos Xerais do Estado, estes volven levar a cabo un novo recorte, alén de que o propio Estado xa lle endebeda á empresa postal pública máis de 250 millóns de euros correspondentes aos exercicios dos últimos anos.

Os prexudicados están sendo, no primeiro lugar, a cidadanía e as empresas de zonas rurais, lugares diseminados poboacionalmente así como polígonos industriais, ámbitos nos que o servizo prestado por Correos está experimentando un deterioro considerable, con medidas extremas como a supresión do propio servizo en moitos casos.

Neste sentido, e a consecuencia da redución dos medios de financiamento cos que conta Correos para a prestación do servizo público, a empresa recortou 15.000 postos de traballo desde o ano 2010, 155 na provincia de Pontevedra, que, ademais de provocar o empeoramento do servizo postal, supuxo unha perda de emprego na nosa provincia.

O recorte de servizos prestados á cidadanía, especialmente en zonas como Vigo e a súa comarca, implica a desaparición ou recorte do reparto domiciliario de correspondencia, peche de oficinas en zonas rurais ou de escasa poboación, redución de horarios de atención ao público ou supresión de postos de traballo de ámbito rural, que actualmente prestan servizo en miles de núcleos de poboación que se virán privados dun acceso mínimo aos servizos postais.

Este recorte, no ámbito do estado, afectará a máis de 16 millóns de persoas que viven en medianas e pequenas poboacións. Na nosa provincia, o axuste poderá implicar: 335 postos de carteiras e carteiros suprimidos e poboacións sen reparto regular de luns a venres, afectando a practicamente toda a veciñanza pola perda e/ou debilitamento do servizo postal.

Ante esta situación, os sindicatos de Correos xa advertiron do inicio dun proceso de mobilizacións e conflito laboral aberto no caso de non corrixirse o recorte en financiamento e emprego, feito xa consumado tras a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. Estas mobilizacións xa darán comezo no ámbito do Estado o vindeiro 7 de xuño, con paros de 2 horas.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede as seguintes propostas de

ACORDOS:

1. O Pleno do Concello de Vigo manifesta o seu rexeitamento ao recorte de financiamento, recorte que afectará a todas as localidades, e de forma especial a poboacións de ámbito rural e zonas non rendibles economicamente, implicando unha desigualdade manifesta respecto a ámbitos urbanos e grandes centros de poboación.

2. Instar ao Goberno, como máximo responsable na determinación de recursos adicados a garantir o servizo de Correos á cidadanía, a corrixir un recorte que ten consecuencias claramente negativas para a cidadanía, para Correos e para os seus traballadores e traballadoras. Así mesmo, esíxese a restitución dos 120 millóns de euros recortados nos Orzamentos Xerais do Estado do 2017 para garantir a prestación do Servizo Postal Universal a viabilidade da empresa pública.

3. Instar ao Ministerio de Facenda, como propietario de Correos, á aprobación do Plan Estratéxico que permita a súa adaptación empresarial ás necesidades e á demanda da cidadanía, así como á garantía do cadro de persoal suficiente para a prestación adecuada do servizo.

4. Instar ao Goberno a desbloquear o Convenio Colectivo e o Acordo funcionarial, bloqueado dende fai máis de 4 anos, da maior empresa pública do noso país con máis de 50.000 traballadoras e traballadores.

5. Instar ao conxunto de Grupos Parlamentarios con representación nas Cortes Xerais a impulsar as iniciativas necesarias para facer posible dita rectificación.