moción novembro 2018.

23 de Novembro de 2018

MOCIÓN POLO BO FUNCIONAMENTO DA AGRUPACIÓN DE VOLUNTARIOS/AS DE PROTECCIÓN CIVIL.

Exposición de motivos:

O acontecido no pasado mes de agosto co accidente de O Marisquiño, onde, á marxe da excelente resposta por parte das forzas de seguridade e mesmo por parte da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Vigo, pon de relevo a necesidade de coordinar estes servizos dun xeito óptimo, cara a prever e paliar, na medida das posibilidades, os posibles accidentes ou catástrofes que poidamos sufrir na nosa cidade no futuro.

Tal e como vén de recoñecer o Director Xeral de emerxencias de Galicia na Comisión de Investigación do accidente de O Marisquiño, o Concello de Vigo segue sen actualizar o seu Plan de Emerxencias e segue sen considerar ao servizo de Protección Civil como elemento substancial do mesmo, carecendo de sentido o seu papel no propio Plan se non muda a actitude, por parte do Goberno local, de non prestarlle atención nin outorgarlle a importancia e relevancia que este precisa.

O propio Regulamento da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (AVPC ) marca, dentro da súa finalidade, dispoñer da estrutura organizativa convinte en consonancia coa tipoloxía de riscos definidos no Plan de Emerxencias Municipal, e mesmo é responsabilidade do Concello a autorización de todas as actuacións que o AVPC leve a cabo. Polo tanto, e ao albor do propio Regulamento, que tamén indica que a Agrupación depende directamente do Alcalde ou no seu defecto en quen el delegue, é unha obviedade o afirmar que é o propio Concello, e en concreto, o Goberno local, quen debe garantir unha correcta organización da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil.

A situación na que se atopa a Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil (AVPC) e as moitas queixas por parte de parte dos seus membros é xa coñecida nesta corporación municipal, tanto a través do propio persoal voluntario da AVPC, que se ten dirixido en varias ocasións ao Goberno local, como a través deste Grupo municipal, o cal ten formulado en máis dunha ocasión preguntas no Pleno do Concello a este respecto.

Esta circunstancia viu motivada no seu día pola situación xerada a raíz da dimisión da persoa que ocupaba o posto de Tesoureiro da Agrupación. Nese momento, moitas das persoas voluntarias entendían que era necesaria unha nova convocatoria de eleccións á Xunta directiva, e así se trasladou por parte do Grupo municipal da Marea de Vigo neste Pleno. A resposta obtida por parte do Goberno local foi unha interpretación do Regulamento na que non consideraban que había que facer nada, e pasados xa case tres anos, a situación non mudou, permanecendo aínda sen tesoureiro/a e sucedéndose, paulatinamente, unha serie de abandonos e expulsións de voluntarios/as da AVPC que consideramos é necesario xa nesta altura tomar en serio desde esta Corporación Municipal, sendo o Concello o máximo responsable do bo funcionamento deste servizo.

Se ben non están establecidas de xeito explícito no Regulamento as accións a levar a cabo no caso de dimisión dun dos tres membros da Xunta directiva, si semella emanar do mesmo a indivisibilidade da mesma, tal e como reflicten os artigos que tratan sobre o proceso de elección da directiva, e dicir, a dimisión dun dos membros debería provocar un novo proceso electoral cara a cubrir a Xunta directiva de xeito completo ao terse presentado en conxunto e só dese modo. O que si está establecido de xeito específico son as labores da presidencia, entre as cales figura a Moción de Confianza (art. 13.A), articulada a través da celebración dunha asemblea xeral na que, por parte da presidencia, se realiza un balance da xestión e as propostas de actuación para o vindeiro ano, someténdoo á aprobación da asemblea, e de non conseguir a aprobación por parte da maioría, isto provocaría a dimisión inmediata e convocatoria de novo proceso electoral. Esta asemblea aínda non se convocou neste ano, tendo que ser convocada no primeiro trimestre do mesmo, tal e como especifica o regulamento.

O feito de non convocar eleccións, así como a falta de convocatoria da asemblea, leva sido denunciado en varias ocasións por parte de persoas voluntarias, obtendo, en varios casos, unha resposta a modo de expulsión por parte da xunta directiva, que, facendo un uso interesado do Regulamento, executa as sancións por, por exemplo, falta de horas de traballo voluntario, feito que na realidade vén motivado en moitas ocasións precisamente pola actitude da actual dirección cara ao conxunto do voluntariado, denotando unha falta de vontade de entendemento (antes de emitir sancións, en moitas ocasións existen opcións de diálogo para reconducir a situación). Non consideramos coherente usar o Regulamento ao arbítreo e interese dunha parte, e, en todo caso, a responsabilidade do seu cumprimento, de ser maior para algunha das partes, sen dúbida debería ser para a Xunta Directiva, como garante ademais do cumprimento das normas establecidas na Agrupación.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO:

1.- O Goberno local instará á Xunta Directiva da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Vigo a convocar a asemblea xeral na que se realiza a Moción de confianza de xeito inmediato, dando cumprimento así ao artigo 13.a do Regulamento.