mocion outubro 2016. comisión investigación mar de vigo

7 de Novembro de 2016

O auditorio Mar de Vigo está a converterse ano tras ano nun verdadeiro problema para esta cidade e para os recursos públicos. Ao acontecido durante a súa edificación, cun proxecto orixinal de de 85,7 millóns (proxecto orixinal aprobado polo Goberno Local en outubro de 2006) que finalmente foi de 154,5 millóns de euros, hai que sumar a adxudicación a unha UTE incapaz de darlle contido e viabilidade ao espazo e unha desidia institucional ante a discutible oferta de actos e eventos posta en marcha polos xestores do espazo.

A recente entrada en concurso de acredores da UTE ven a amosar que unha infraestrutura como esta non pode soamente concebirse como espazo de negocio rendible para a concesionaria, senón que require que toda unha cidade o sinta como espazo propio e asumible economicamente para poder realizar alí actividades.

En vez de abordar o problema central do auditorio Mar de Vigo, e o modelo de xestión e o papel das adminstracións públicas na súa viabilidade e utilidade funcional, o Concello de Vigo decidiu soterrar exercicio tras exercicio cartos públicos para “calmar á concesionaria” e evitar demandas da mesma.

En 2012 ampliouse a concesión a 25 anos e desembolsáronse 5 millóns de euros, argumentando a ampliación de prazas de rotación no actual aparcadoiro cando non existiu nunca demanda das mesmas.

Nos últimos exercicios o Concello aporta 500.000 euros directamente á empresa contratada pola concesionaria para xestionar a actividade cultural do auditorio, e actualmente preténdense desembolsar máis de 800.000 euros nun aluguer para as instalacións a UNED en base a un informe inmobiliario que conclúe que “non existe en Vigo outra instalación acorde para este fin”.

En base a todos estes episodios este Concello ten que abrir xa unha comisión especial de investigación que analice a oportunidade de seguir investindo recursos públicos nunha discutible programación cultural que entre outras cousas xustificou a eliminación de proxectos de dinamización xuvenil como “Súbete ao Castro”, que aclare a decisión de empregar un auditorio público como aulas da UNED e a realidade de ese uso nos terreos, así como a clasificación urbanística actual do edificio, que diga quen e como se tomaron determinadas decisións políticas moi cuestionables para a correcta xestión do interese público.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO
A apertura dunha Comisión Especial de Investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e todos os contratos, convenios, actividades ou calquera tipo de intervención existente no presente e pasado entre este concello e a empresa Pazo de Congresos S.A., así como calquera vínculo que poida existir, no presente e no pasado, en calquera aspecto, entre todos os actores que forman parte da mesma e o Concello en todas as súas áreas ou seccións.