moción outubro 2018. pola introdución de orzamentos participativos no vindeiro proxecto orzamentario.

31 de Outubro de 2018

MOCIÓN POLA INTRODUCIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS NO VINDEIRO PROXECTO ORZAMENTARIO DO 2019 DESTINANDO O 7% DO CAPÍTULO DE INVESTIMENTOS.

A calidade da democracia debe ser medida pola participación popular no goberno. Mais esa participación non só debe ser como mero receptor de información e só no propio e individual, senón que se debe facilitar á cidadanía a súa participación no político, o económico, o cultural e o social; o que é o mesmo: favorecer e poñer os medios para establecer a participación na construción dunha sociedade mellor. Este é o instrumento fundamental se queremos chegar a articular unha democracia autenticamente participativa.

En diversos concellos no conxunto do Estado xa se teñen articulado mecanismos participativos co obxectivo de implicar á cidadanía na toma de decisións sobre os orzamentos do seu propio concello. A veciñanza ten a oportunidade de expresar e participar en decidir cales son as prioridades nas que se van investir os impostos que aportaron. Isto supón xerar un proceso de achega da política municipal aos intereses reais da cidadanía e ás súas necesidades.

Neste sentido, concellos como Santiago de Compostela, A Coruña, Sabadell, Córdoba, Sevilla ou Getafe entre outros, teñen feito importantes avances recoñecendo á cidadanía e o seu dereito á participación na xestión municipal, recoñecendo así a súa capacidade non só para escoller aos seus representantes, senón na posibilidade de tomar decisións respecto ao gasto do orzamento, en algo que é de todas e todos e para o ben común.

A través dos orzamentos participativos, non só se decide o destino dunha parte dos investimentos municipais, senón que a veciñanza asume un papel protagonista, co-responsable e vén colocarse como un piar importante da política municipal, máis aló da miraxe que significa o feito de obter unha resposta positiva e interesada a través dun medio de comunicación dun xeito quasi unidireccional. E dicir, dun xeito garantista en canto ao principio de igualdade á hora de acceder á toma de decisións, xérase un espazo de busca de solucións comúns, para problemas comúns.

Esta fórmula de participación cidadá inicia o modo de considerar a democracia como un exercicio de cidadanía activa, responsable, propoñendo a construción colectiva dun novo modelo de desenvolvemento sostible; Os orzamentos participativos esixen que sexa a propia sociedade quen decida como e en que se gastan os cartos públicos. É o modo no que as veciñas e veciños, que coñecen as necesidades cotiás dos seus barrios e da cidade, decidan como se distribúen os recursos.

A cantidade adicada para os orzamentos participativos, que vén do capítulo de investimentos, iría circunscrita na nosa cidade a unha serie de actuacións concretas, como poden ser cuestións relacionadas coas humanizacións, que os veciños poidan decidir sobre parques públicos, parques infantís, xardíns, melloras nos mercados e espazos públicos…etc, introducindo na nosa cidade unha cultura de decisión veciñal real, na que calquera veciño ou veciña que queira participar no proceso e converter os orzamentos da cidade nun orzamento colectivo poida ter o seu espazo; deste xeito as inversións non quedarían ao arbítreo unipersoal dun concelleiro ou concelleira, senón ao criterio colectivo da cidadanía, que en moitas ocasións se queixa precisamente desa arbitrariedade nas inversións, afirmando que existen grandes desigualdades entre os barrios e parroquias viguesas.

A Red Estatal por los Presupuestos Participativos fixa os principios necesarios para que un proceso de orzamentos participativos poida obter tal catalogación, este baséase fundamentalmente en: a existencia dun proceso deliberativo previo á toma de decisións, os criterios de inclusión e xustiza social, mecanismos de seguimento dos acordos e rendición de contas. Do mesmo xeito, deben cumprir os tres principios básicos: universalidade (unha persoa, un voto); auto-reglamentación (as persoas participantes deciden as normas do proceso participativo) e o carácter vinculante (a Corporación Municipal asume o resultado do debate e votación da cidadanía).

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar os seguintes

ACORDOS:

1.- Iniciar a elaboración dunha proposta de Regulamento para a implantación no noso municipio dos Orzamentos Municipais Participativos, así como articulación dos mecanismos necesarios de participación cidadá respectando os principios de igualdade, solidariedade e equilibrio entre os distintos barrios e núcleos de poboación do termo municipal.

2.- Adicar no próximo proxecto orzamentario unha partida non inferior a 2 millóns de euros para tal fin (7% do total do capítulo) no capítulo de investimentos.