moción febreiro 2019. polo control da proliferación das apostas on-line e casas de apostas e tomar medidas de prevención ante a ludopatía

21 de Febreiro de 2019

MOCIÓN PARA CONTROLAR A PROLIFERACIÓN DAS APOSTAS ON-LINE E CASAS DE APOSTAS E TOMAR MEDIDAS DE PREVENCIÓN ANTE A LUDOPATÍA

Exposición de motivos:

Dende hai poucos anos proliferan os anuncios de casas de apostas deportivas on-line na televisión, radio, prensa escrita, internet e redes sociais. Casas de apostas que insiren a súa publicidade en eventos deportivos, especialmente nas retransmisións deportivas e que mesmo chegan a utilizar estrelas do fútbol para animar aos televidentes a que aposten. Un sistema de xogo moito máis aditivo, sen pausas, con bonos «de balde» de entrada, e sobre todo cun inmenso investimento en publicidade, que representa xusto os valores contrarios ás formas máis pausadas e tradicionais de apostar, como a lotaría de Nadal, a quiniela ou os cupóns da ONCE.

Hai 613.812 persoas usuarias activas nas casas de apostas, segundo o último Informe Trimestral do Mercado do Xogo Online, un 13,44% máis que no mesmo segmento de 2016. Non só corresponde ás apostas deportivas, tamén a póker, casino e bingos virtuais. Até setembro de 2017, os operadores gastaron máis de 140 millóns de euros en promocionarse. No conxunto do Estado, hai máis de medio centenar de empresas con licenza no negocio on-line e presencial.

O xogo patolóxico é un trastorno que figura entre as adicións de tipo comportamental nas clasificacións médicas e psicolóxicas. Consiste na perda do control do comportamento en relación ao xogo que se caracteriza por ter graves consecuencias para as persoas como problemas académicos, laborais, económicos, sociais e/ou legais asociados ao xogo.

Non é estrano que nos barrios e localidades con rendas máis baixas, sexa onde as políticas neoliberais causen máis efectos negativos nesta ocasión a través das casas de apostas, ao causar un efecto demoledor sobre estas persoas e o seu entorno, que se chegan a ver sen recursos para o día a día.

Mais, o máis alarmante e a diferenza principal con respecto a hai poucos anos é o efecto que ten sobre a xuventude. Segundo as últimas enquisas, é precisamente a xuventude e sobre todo menores de idade o segmento de persoas usuarias que máis está crecendo. Isto resulta especialmente alarmante, e unha das principais razóns é a consagración do xogo como unha alternativa de ocio, feita a través da normalización deste tipo de publicidade.

Na nosa cidade tamén vimos observando un aumento das casas de xogo nos últimos anos, nas que tamén se usan as modalidades de apostas on-line, e incluso atopámonos con este tipo de “máquinas” mesmo nos bares e restaurantes. Mais o que vai acontecer nos vindeiros meses, debería alertarnos a todas e todos. Por unha banda, a apertura dunha gran casa de apostas en Navia, barrio cuxa pirámide poboacional baséase na xuventude, sendo un dos barrios con poboación máis nova de todo o Estado, e pola outra banda, a apertura dun casino no centro comercial de A Laxe, feito que non deixa de sorprender, tanto pola argucia legal á hora de permitir o seu desenvolvemento, coma pola falta de clarificación con respecto ás ordenanzas aplicadas nese ámbito. O que dende logo non ten sentido, é que sexa unha entidade coma Zona Franca que promova isto, non é acorde nin coa orixe construtiva do centro comercial nin co labor que debería ter Zona Franca.

É necesario prohibir a publicidade destes locais e frear a súa expansión a través das ordenanzas ou as normas urbanísticas, implementar medidas de prevención ante a ludopatía, así como, a nivel fiscal, é preciso aumentar o gravame á actividade das casas de apostas e do xogo on-line.

É o momento de que as diferentes institucións adapten a normativa á realidade social, económica e tecnolóxica da actividade do xogo antes de que se converta nunha secuela sen retorno.

Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar os seguintes

ACORDOS:

1.- Instar ao Goberno do Estado a reformar a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual e a Lei Xeral de Publicidade para que se regule a publicidade das casas de apostas para facer efectiva a protección do público infantil e xuvenil e a impulsar o Real Decreto de Comunicacións Comerciais das Actividades de Xogo e de Xogo Responsable co obxectivo de restrinxir a publicidade para xogos e apostas on-line.

2.- Instar ao Goberno autonómico a que, igual que pasa co gremio de tabacaleras ou farmacias, limite a apertura das casas de apostas físicas mediante o establecemento dun mínimo de metros de separación ou por núcleos de poboación, para frear así a súa expansión.

3.- Instar o Goberno local a que estude a revisión das ordenanzas e introduza no novo PXOM limitacións urbanísticas á implantación de locais de apostas nas inmediacións de espazos frecuentados pola infancia e a mocidade, como os centros educativos, culturais, deportivos ou xuvenís.

4.- Instar ao Goberno local a que, a través da Ordenanza de Publicidade, regule a eliminación de calqueira cartelaría do mobiliario urbano ou do espazo público deste tipo de establecementos, cinguíndose exclusivamente aos carteis do propio local incluíndo unicamente o nome e sen ningún tipo de publicidade.

5.- Instar ao Goberno local á implementación de campañas e actividades divulgativas, en colaboración coas asociacións de xogadores/as de azar rehabilitados nos centros escolares, para profundar no uso que fai a mocidade dos xogos on-line e de apostas e nos posibles problemas derivados deste uso como alternativa de ocio xuvenil, cara a poñer en marcha modelos de lecer para romper esta tendencia.

6.- Instar ao Goberno Local a que reforce a formación da Policía Local de modo que se familiaricen coas infracións máis habituais relacionadas coas apostas e o xogo, particularmente no acceso de menores de idade, persoas incapacitadas legais e persoas co acceso ao xogo legalmente restrinxido.

7.- Instar o Goberno Local á creación dunha taxa específica por utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público local, que teña que ser abonada polos establecementos que instalen pantallas ou outro tipo de dispositivos para desenvolver a súa actividade empresarial con fronte directa á vía pública ou en liña de fachada.

8.- Instar ao Goberno Autonómico á modificación do artigo 26 da Lei 14/85 do 23 de outubro, para integrar na Comisión de Xogo de Galicia a representantes das asociacións que traballan para prever e tratar a adicción ao xogo así como a referentes académicos relacionados coas investigacións neste campo.

9.- Instar ao Sergas á formación de profesionais da saúde para mellorar a prevención, detección e tratamento dos trastornos adictivos relacionados co xogo.

10.- Instar ao Goberno local a regular e clarificar de xeito análogo a situación urbanística do Centro Comercial A Laxe para que a futura ubicación dun casino, se finalmente non hai posibilidade de prohibilo, impida tamén a presenza de publicidade exterior visto que tanto a DEUPV coma o PEPV do Porto de Vigo delimitan esta zona como sometida ás ordenanzas municipais.