moción para a creación dun plan director do arboredo na cidade de vigo.

15 de Xaneiro de 2021

MOCIÓN PARA A CREACIÓN DUN PLAN DIRECTOR DO ARBOREDO NA CIDADE DE VIGO.

Por un arboredo urbano que viva coa cidadanía, contribuíndo á mellora da calidade de vida presente e futura. Porque o o conxunto arbóreo urbano debe ser, de vez, unha infraestrutura verde da cidade e un recurso natural que contribúa a engrandecer a nosa cidade grazas aos servizos ambientais e sociais que proporciona á poboación actual e ás xeracións futuras.

Dende a Marea de Vigo, defendemos conservar a biodiversidade e desterrar a consideración do arboredo coma unha peza máis do mobiliario urbano, incluso unha peza de pouco valor, daquelas pezas decorativas que, carecendo de historia e de vencello coa cidade, poden substituírse en calquera momento. O municipalismo de postal de Caballero aposta pola vexetación de postal, vexetación de usar e tirar sobre soportes de formigón. Arbustos, sebes e microoliveiras van substituíndo aquelas árbores que afondaran as súas raíces durante décadas na Gran Vía ou na praza de Don Bosco.

A política de tallas innecesarias e a política da polarización política, acusando á oposición de responsable das críticas cidadás a estas actuacións antiecolóxicas, deben rematar.
Ata agora, as denuncias das organizacións ecoloxistas, veciñais e tamén políticas que, como a Marea de Vigo, vimos reclamando ao Goberno local o cese de tallas e de traslados innecesarios e arriscados non foi escoitada. Pero o clamor está na cidadanía de Vigo: o Concello de Vigo debe impulsar a conservación do patrimonio verde.

Propoñemos un Plan Director do Arboredo de Vigo, que conteña, cando menos, estas sete liñas estratéxicas:

1. Preservar o patrimonio arbóreo e a biodiversidade. Inventariar, de xeito detallado e actualizado, o arboredo do municipio e coñecer a diversidade biolóxica que o integra, así como a fauna que vive nel, achega o coñecemento necesario para actuar co máximo rigor técnico en materia de planificación, xestión e mantemento do arboredo. Isto implica a necesaria observancia do establecido no capítulo VI da Ordenanza Municipal de Medio Ambiente, referida a Zonas naturais e espazos verdes, vixente dende 1994. Esta Ordenanza establece xa o compromiso de contar cun catálogo municipal actualizado de “formacións e especies vexetais singulares [plantadas sobre solos de propiedade municipal ou terreos particulares] que pola súa beleza, antigüidade, historia ou rareza merezan ser conservadas”.
Para a preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, propoñemos tamén o decidido aumento das zonas verdes peonís en toda a cidade e mais a concreción dun Plan de Protección do Patrimonio Histórico e Natural do monte do Castro, como espazo verde destinado a peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor.

2. O coñecemento. O coñecemento achega máis seguridade e rigor técnico á hora de actuar. Avanzar no coñecemento das árbores no seu conxunto, e de cada especie en particular, permite planificar, xestionar e manter con garantías o patrimonio arbóreo da cidade. Cómpre estudar as funcións, valores e servizos do arboredo, estudar os efectos do cambio global sobre o micro clima urbano e o seu impacto no arboredo e tecer redes de coñecemento e intercambio de experiencias con outras cidades galegas, estatais e internacionais.

3. A comunicación e a participación. É fundamental difundir os servizos das árbores entre a cidadanía, facéndoa partícipe da súa conservación. E isto implica compartir coa comunidade os valores da árbore como ser vivo, así os servizos beneficios que o conxunto do arboredo achega á habitabilidade da cidade e á saúde das persoas. As ferramentas para acadar estes retos de coidado comunitario son os espazos de participación, a educación ambiental e as campañas de comunicación e de información. De comunicación, non de propaganda.

4. A planificación e a conectividade. Cómpre planificar o arboredo coma unha infraestrutura verde que se estende en forma de rede por toda a cidade, de maneira semellante a como o fan o resto de infraestruturas e servizos urbanos. Incrementar a biomasa arbórea da cidade, revisar os criterios de planificación e deseño da plantación de árbores nos proxectos urbanos e potenciar os corredores verdes son cuestións esenciais para maximizar os beneficios ambientais e sociais do arboredo urbano. Neste sentido, xa propuxemos nas suxestións ao borrador do PXOM, a concreción dun Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade que permita unha planificación global para a protección e potenciación do patrimonio natural e a biodiversidade de Vigo. Deste xeito, evitaríanse actuacións perniciosas, como as tallas masivas no centro da cidade e tamén no corredor do río Lagares, que están provocando a conversión do corredor natural do río Lagares nun paseo sen vexetación de ribeira, no canto de actuar como corredor natural de conexión entre os ecosistemas do monte, do val e da ría.

5. A saúde das árbores. As árbores son seres vivos sensibles, coma o resto de organismos, a determinadas enfermidades e pragas que poden chegar a ser graves e causar a morte, se non se vela periodicamente polo seu estado de saúde. Aplicar as tallas porque as árbores están doentes non é unha política de protección do patrimonio arbóreo. Cómpre aplicar un control integrado de pragas e de enfermidades, así como potenciar e difundir o valor das plantas beneficiosas, favorecendo o desenvolvemento da vexetación espontánea.

6. A poda e a seguridade. Cada especie de árbore ten unhas características determinadas. Deixar que as árbores medren libremente e desenvolven o seu máximo porte natural, reducindo as accións de poda ás mínimas imprescindibles, dá lugar a un arboredo de calidade, á vez que debe dispor de todas as garantías de seguridade para a cidadanía. Cómpre revisar os criterios de poda do arboredo e eliminar, para sempre, a política de tallas que ameaza, dende hai uns anos, as árbores de Vigo.

7. O solo. É preciso proporcionar ás árbores máis volume de solo e de máis calidade, pois iso facilitará o enraizamento e garantirá máis e mellor calidade de vida ás árbores ao longo do seu ciclo de desenvolvemento. As raíces das árbores son, ademais dun elemento de suxeición estrutural, unha parte fundamental para a supervivencia destes seres vivos, xa que a través delas captan os nutrientes da auga do solo necesarios para realizar as súas funcións.

Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:

1.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á creación dun Plan Director do Arboredo que garanta a preservación do patrimonio arbóreo e a biodiversidade, así como a saúde integral das árbores tendo en conta as especificidades e necesidades de cada especie en canto a calidade e espazo do solo, tallas, e demáis coidados para o seu óptimo ciclo de desenvolvemento.

2.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a manter actualizado o inventario municipal, segundo o establecido no capítulo VI da Ordenanza Municipal de Medioambiente.

3.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á planificación dun aumento da masa arbórea da cidade e dos corredores verdes.

4.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á concreción dun Plan de Protección do Patrimonio Histórico e Natural do monte do Castro, como espazo verde destinado a peóns e ciclistas, libre da circulación interior de vehículos a motor.

5.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á concreción dun Plan de Infraestruturas Verdes e Biodiversidade que permita unha planificación global para a protección e potenciación do patrimonio natural e a biodiversidade de Vigo e evite as actuacións perniciosas.
6.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a establecer canles de comunicación e participación coa cidadanía co obxectivo de facela partícipe da conservación do patrimonio arbóreo vigués, co desenvolvemento de ferramentas como espazos de participación, educación amnbiental e campañas de difusión da información.