moción para a eliminación da cortaderia selloana (herba da pampa)

3 de Maio de 2017

Segundo o BOE, onde se publica este RD o 3 de agosto do 2013, as especies exóticas invasoras constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade. A introdución destas especies invasoras tamén pode ocasionar graves prexuízos á economía, especialmente á produción agrícola, gandeira e forestal, e inclusive á saúde pública.

Existe unha gran preocupación pola crecente expansión destas especies. O Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España no 1993, recoñeceu a existencia deste problema e estableceu no seu artigo 8.h, que cada Parte Contratante, na medida das súas posibilidades, impedirá que se introduzan, controlará, ou erradicará as especies exóticas que ameacen os ecosistemas, os hábitats ou as especies.

No caso da nosa cidade, temos un gran problema coa Cortaderia Selloana, proveniente da América do Sur e moi propensa a crecer masivamente en zonas costeiras como Vigo. A tamén coñecida como “Herba da Pampa” é unha das plantas invasoras catalogadas como máis perigosas pola UICN (Unión Internacional Para a Conservación da Natureza). En Vigo foi plantada no axardinamento da Gran Vía e introducida na cidade cando fixeron a AP-9. Hoxe en día libera milleiros de sementes que producen a súa rápida expansión. A Cortaderia selloana xera un forte impacto visual, posto que as súas grandes dimensións fan que a súa presenza sexa moi clara, alterando fortemente a paisaxe. Ademais, as follas afiadas poden danar a pel e mesmo realizar profundos cortes. A acumulación de follas e inflorescencias secas aumenta o risco de incendios, algo moi grave tendo en conta que somos un país con milleiros de lumes ao ano. Esta especie está incluída en varias listaxes e atlas relevantes da nosa xeografía como as seguintes:

Listaxe e Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (R.D 1628/2011).

Atlas das Plantas Alóctonas Invasoras en España.

Programa Andaluz para o control de especies exóticas invasoras.

Listaxes de plantas exóticas e invasoras de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e País Vasco.

Especies vexetais exóticas sometidas a réxime de limitacións na CCAA Valenciana (Decreto 213/2009).

Non estamos por tanto ante un problema menor. Os principais impactos descritos polo MAPAMA (Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente) son varios:

1.- Modifica a paisaxe e compite con especies autóctonas dos ecosistemas que invade, onde modifica a dispoñibilidade dos recursos hídricos. As súas grandes espigas acaban por desprazar a outras especies autóctonas.

2.- Fanse moi dominantes en ecosistemas dunares, xa que unha vez establecida, pode estender as súas raíces laterais até dous metros ao redor e 3,5 metros de profundidade, ocupando un volume de chan de máis de 30 m3.

Para a súa eliminación e control, o MAPAMA propón nun primeiro caso o “control mecánico de arranque con maquinara de toda a espiga e as súas raíces”. Sería conveniente trasladar estes restos ao vertedoiro. Posteriormente, para unha eliminación eficaz, habería que aplicar o herbicida chamado glisofato sobre os restos que quedasen para evitar que volvan crecer. Estando nós en contra do glisofato polos seus efectos altamente contaminantes, consideramos que habería que substituír ese producto por outro menos agresivo ou mesmo ecolóxico.

As accións que hai que contemplar non supoñen un especial esforzo económico, sempre e cando se incorporen ao desempeño do persoal de mantemento e de xardinaxe.

Por todo iso, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes

ACORDOS

1  Tratar as zonas axardinadas, eliminando as especies exóticas invasoras e prestando especial atención á Cortaderia Selloana.

2  Substituír, se procede, os exemplares de “herba da Pampa” por outros exemplares autóctonos ou de carácter non invasivo. Un bo exemplar sería a Stipa Gigantea, de aspecto semellante pero autóctona.

3 Eliminar a Cortaderia Selloana mediante as indicacións do MAPAMA; de arranque con maquinara e aplique de productos ecolóxicos ou de escaso poder contaminante.

4  Recoller a información referida ás zonas tratadas e ás especies eliminadas e trasladalas á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.