moción para a implantación de medidas específicas contra as violencias machistas ante a celebración de eventos masivos no período estival.
Por Marea de Vigo


MOCIÓN PARA A IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS ESPECÍFICAS CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS ANTE A CELEBRACIÓN DE EVENTOS MASIVOS NO PERÍODO ESTIVAL.
Estamos a padecer un moi preocupante aumento da violencia machista. No que levamos de ano, no conxunto do Estado, son xa 21 as mulleres asasinadas e 4 menores de idade; sendo o cómputo xeral de 1.099 mulleres asasinadas desde 2003, 39 menores desde 2013 e 312 nenos e nenas orfas desde 2013. Porén, os asasinatos machistas son só a punta do iceberg: hai unha gran masa mergullada de violencia física, psicolóxica ou sexual que sofren o 57,3% das mulleres no conxunto do Estado, segundo a Macroenquisa de Violencia Contra a Muller.
A partir da consulta que este Grupo municipal realizou á Concellería de Seguridade, sabemos que, en Vigo, o número de casos de violencia machista atendidos pola Policía Local dende os inicios de 2020 ata o mes de marzo deste ano ascende a 184. Isto volve a poñer enriba da mesa prioridades que o Concello de Vigo debe atender en materia de loita contra a violencia de xénero.
No contexto descrito, emerxendo ademais dun ano especialmente duro marcado pola crise da pandemia da COVID-19, é esencial frear este incremento da violencia contra as mulleres.
Ante esta realidade, o pasado 22 de xuño, a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e mais a FEMP dirixíanse ao conxunto de entidades locais co obxectivo de facer un chamamento para impulsar un verán libre de violencias machistas, ante a previsible celebración de festas e/ou eventos que xa poden adquirir grandes dimensións e nos que, do mesmo xeito que ocorreu nos pasados anos, existe un risco claro de incremento de agresións machistas.
Coas actuais cifras de visitantes e coa informacion que temos sobre acosos e agresións sexuais durante a celebración das festas de verán, é fundamental que unha cidade do tamaño e relevancia de Vigo dispoña dun Protocolo concreto de actuación con obxectivos como: prever e sensibilizar contra as violencias machistas, mellorar a seguridade para as mulleres nas contornas festivas, informar ao conxunto da cidadanía sobre os recursos dispoñibles de orientación, atención e denuncia de agresións machistas nas festas e sensibilizar sobre a importancia da resposta cidadá contra este tipo de agresións.
Por outra banda, os locais de ocio nocturno, discotecas ou salas de concerto volverán abrir, por fin e felizmente, as súas portas tras o peche obrigado pola pandemia. Non obstante, cómpre ter presente que estse espazos de encontro adoitan converterse en escenario de comportamentos que impiden que todas as persoas poidan disfrutalos por igual. A violencia sexual ou a ameaza de sufrila é unha forma de limitación do acceso aos espazos públicos en clave de igualdade para as mulleres. Por iso, cómpre tamén Protocolo concreto que reserve ás persoas responsables e traballadoras dos locais de ocio nocturno un papel relevante á hora de detectar situacións potencialmente perigosas e en atender ás vítimas, cando se produciu unha agresión, para garantir que estes espazos teñan un rol activo contra a violencia machista, do mesmo xeito que o teñen outros actores sociais, culturais e políticos da cidade.
Vigo precisa un compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres. Por un Vigo libre de violencias machistas. Porque non é non, cando sexa e como sexa. Urxe, por tanto, implementar medidas concretas co obxectivo de que as festas nas rúas sexan realmente un espazo de diversión e liberdade no que as mulleres non sintan medo.
Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:
ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a que en cada festa ou celebración haxa un lugar de atención, información e axuda fronte ás agresións machistas, tomando como referencia os coñecidos como “puntos violeta”.
2.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á elaboración e posta en marcha dun protocolo concreto que se active nos meses de verán, dirixido especialmente á mocidade, co obxectivo de que as festas na rúa sexan realmente un espazo de diversión e liberdade no que as mulleres non sintan medo.
3. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á elaboración e posta en marcha dun Protocolo contra as agresións sexuais en espazos de ocio nocturno privado, a partir da colaboración con diversos espazos e asociacións de ocio nocturno da cidade, para garantir a súa implicación e a posterior execución.
4.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a solicitar o financiamento correspondente para os programas de prevención de violencias machistas con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que prevén unha cantidade mínima de 1.000€ por Concello e 0,18€ por cada habitante ademais doutros factores adicionais incluídos no RD do 17 de novembro de 2020.
En Vigo, a 24 de xuño do 2021.