moción decembro 2019 para instar ao concello de vigo a cubrir a oferta educativa e fomentar co correcto funcionamento da escola municipal de artes e oficios de vigo.

18 de Decembro de 2019

O desenvolvemento económico da cidade de Vigo ao longo da súa historia contemporánea foi sempre acompañado de iniciativas colectivas e individuais de mecenazgo para que este estivese acompañado de melloras educativas, socioeconómicas e culturais para a poboación da cidade. Exemplo disto foi a iniciativa no fabril Vigo de 1885 da Sociedade de Socorros Mutuos La Cooperativa de artellar unha institución que dera formación ás clases populares obreiras da cidade, cristalizado na apertura dunha Escola de Artes e Oficios que puido ve-la luz un lustro despois coa iniciativa dun deses mecenas, García Barbón, ao encargar ao afamado arquitecto Pacewiz o proxecto dun local que permitise esa función formativa e que tivese como condición irrenunciable para a cesión do mesmo á cidade que o ensino e formación que esta nova institución brindase fose totalmente gratuíto.

O centro, a imaxe doutras institucións deste tipo que aparecían de xeito análogo no conxunto do país, tiña unha misión de aprendizaxe de formación artística para mulleres e de aprendizaxe de oficios para homes, obviamente no encaixe de discriminación de xénero dunha sociedade do século XIX aínda pouco receptiva á formación das mulleres para o mundo do traballo. Comezaba así un traballo filantrópico que continuou décadas e que tivo importantes alteracións na etapa final do franquismo para adecuar os estudos ao ensino regrado da época e que mesmo significou o renome da institución como Universidade Popular (en inspiración da importante institución xixonesa así denominada), permanecendo, iso si, coa mesma misión e como organismo dependente do Concello de Vigo.

Na transición xeralizáronse os estudos de todo tipo, tomando especial relevancia os artísticos, que acabarán sendo, dende diversas ópticas, os máis relevantes na escola. Dende estudos artísticos ate os relacionados coas tecnoloxías nacentes: informática, vídeo e imaxe, etc…

O feito da súa orientación a formación de adultos, a necesidade de evitar o seu solapamento co ensino regrado, e especialmente a misión orixinaria da cesión do edificio por García Barbón fixo que xa cos primeiros gobernos democráticos se constituíse o centro como un organismo autónomo do Concello de Vigo, mantendo a súa autonomía e dotando de funcionamentos con presencia permanente do alumnado nos órganos de goberno da escola..

Nos anos 90 e 2000 aumenta considerablemente a demanda popular, amplíanse ciclos formativos relacionados co téxtil, cerámica, artes gráficas, coiro e ourivaría, lutheria antiga, talla de madeira, etc…. converténdose nunha institución valorada e respectada pola cidadanía viguesa ao non abandonar a misión orixinaria filantrópica e gratuíta.

É na década do 2000 cando retoma a súa nomenclatura orixinal de Escola Oficial de Artes e Oficios, que mantén actualmente, pero é a partir de aí cando comezan os problemas no centro. Permanece pechado varios anos por obras de reacondicionamento ante o perigo de derruba do edificio, ten que adaptarse aos modelos educativos do Ministerio de Educación para os modelos análogos de universidades populares, e acometer a adaptación dentro do ensino regrado de títulos oficiais con problemas iniciais de homologación dos mesmos.
Coa crise a as novas lexislacións de sustentabilidade da administración local, en 2015 deixa de ser organismo autónomo e pasa a depender directamente da estrutura de persoal e do orzamento do Concello de Vigo, o que, conxugado ás taxas raquíticas de reposición de empregados públicos, impedirá no sucesivo a reposición de persoal administrativo e docente no centro.

Con esta situación pero con demandas crecentes de matriculación entre a poboación viguesa chegase á situación actual, cunha falla evidente de persoal administrativo e docente no centro, onde se tiveron que suspender clases por falla de persoal docente e soamente agora en decembro, tarde, e cos cursos xa iniciados rematarase a oferta pública de emprego para dotar de persoal laboral a ciclos concretos: Debuxo Artístico, Moda e Confección, Ourivaría, Pintura e Serigrafía Artística.

Actualmente, pese a que se está a finalizar o proceso selectivo, alumnos e alumnas do centro non saben cal vai ser o futuro das súas disciplinas. Xunto a un orzamento municipal adicado ao mantemento e funcionamento da institución que languidece exercicio tras exercicio, non queda máis que unha gran incerteza sobre o futuro da institución, por primeira vez en máis de cen anos.

Polo exposto, o Grupo municipal da Marea de Vigo-Son En Común presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:

1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a cubrir completamente o cadro de persoal docente pendente antes do reinicio do curso o día 8 de xaneiro, xerando a bolsa pertinente para cubrir de xeito inmediato baixas de docentes.

2. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a establecer os mecanismos necesarios para que o alumando poida recuperar as horas lectivas de este curso perdido.

3. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a incluír na bolsa de contratación docente tamén a especialidade de lutheria antiga.

4. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a adiantar consecuentemente o proceso de selección de alumnos e alumas de 1º curso das especialidades afectadas polo parón pola falla de docentes actual.

5. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a incrementar as partida orzamentaria adicada a EMAO, o seu funcionamento e a difusión da súa misión e actividades mediante modificación orzamentaria urxente no exercicio 2020.

6. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a outorgar a medalla da cidade a EMAO neste ano 2020.