moción para a promoción de políticas en materia de vivenda e alugueiro.

10 de Setembro de 2021

Moción para artellar de urxencia políticas en materia de contención do prezo do alugueiro en Vigo e aumentar o parque de vivenda dispoñible para este fin así como a xestion pública directa municipal do futuro stock de vivenda pública.

Iniciamos o mes de setembro na cidade de Vigo cunha realidade extremadamente preocupante ante unha situación que xa viña cronificandose sendo xa agora un problema xeral que afecta especialmente aos mozos e mozas: a falla de opcións asequibles de vivenda en alugueiro e a inexistencia de alternativa de vivenda pública que poida palialo. Nos últimos meses hai unha preocupación xeralizada, por exemplo, entre os e as estudantes que buscan alugueiros durante o curso, sendo case imposible atopar vivenda neste réxime a prezo que non sexa desorbitado, pero tamén entre familias ás que os seus contratos de alugueiro remataban nos meses de verán producíndose entón alzas brutais nos prezos dos inmobles que rendaban ou literalmente estes son expusaldos coa escusa do uso familiar do inmoble, moitos dos cales acaban no parque de vivenda turística que non para de medrar nesta cidade.

Esta situación, que nada ten que ver coa existencia de vivenda nova nin coa necesidade de reservar máis vivenda libre no futuro PXOM, ten unha dimensión clara na incapacidade das administracións públicas de mobilizar gran parte do parque de vivenda baleira existente na cidade susceptible de ser empregado sen actuacións de rehabilitación (máis de 18.000 inmobles, o 10,25% do total do parque segundo recoñece o INE e o propio equipo redactor do futuro PXOM), pero tamén afonda a súa causalidade na inoperancia da administración con maiores competencias en materia de vivenda, a autonómica, en dotar a Vigo dun parque público de vivenda que permita a opción do alugueiro, condenando a case inexistente vivenda construída a ser vendida no mercado de compra-venda privada que, aínda con prezo taxado ao ser vivenda con algún grado de protección, segue sendo inalcanzable para unha parte substancial da mocidade e é unha opción que non recolle o feito de que a preferencia maiorítaria das máis de 5000 personas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública en Vigo é o alugueiro ou o alugueiro con opción a compra.

Paralela a esta situación, nos últimos anos, e especialmente nos barrios céntricos da cidade, estase a producir un alarmante incremento de número de vivendas rexistradas para uso turístico, moitas delas vivendas que anteriormente formaban parte da oferta de vivendas en alugueiro na cidade. Un aumento de máis do 50% anualmente do parque rexistrado no REAT (rexistro de empresas e actividades turisticas) e que na nosa cidade supón que actualmente 556 vivendas están sendo empregadas como aloxamentos turísticos. Vigo é o terceiro concello con máis vivendas deste tipo despois de Sanxenxo con 2036 e Santiago con 732. E isto, sen contar coas moitas destas vivendas que non están declaradas e rexistradas.

Fronte a esta grave situación, que afecta especialmente a mozos e mozas estudantes, familias traballadoras, moitas precarizadas ou mesmo a familias en situación de vulnerabilidade social e risco de pobreza, consideramos necesario evitar o discurso paralizante de quen ten ou non competencias en materia de vivenda (seguimos considerando que os Concellos, en base as competencias que outorga a Lei de Bases perfectamente pode asumir as devanditas competencias en materia de vivenda) e actuar xa para dotar a Vigo dun parque público ou dun stock accesible de vivendas en réxime de alugueiro. Por iso consideramos necesario que se concrete de xeito claro o formato co que o propio alcalde de Vigo anunciou que o Concello sería promotor directo de actuacións de vivenda protexida en ámbitos como o proxectado nos terrenos do actual parque móbil do Concello en Santa Cristina, Lavadores e que se garanta a titularidade municipal dos mesmos para garantir alugueiros con prezos asequibles e mesmo un futuro parque de vivenda social.

Corremos o serio risco de que unha xeración enteira de mozos e mozas non teñan acceso asequible a vivenda digna a curto e medio prazo, a que se cronifique a pobreza lastrada polo uso da meirande parte dos recursos das familias en pagar solucións habitacionais e mesmo de ir perdendo poboación na cidade en beneficio doutros concellos onde a vivenda sexa máis asequible e o dispoñible de vivendas para aluguer máis extenso.

Ante unha situación de extema gravidade, que pode cronificarse nos vindeiros meses, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:

ACORDOS:

1. Instar ao Concello de Vigo a que as tres grandes pezas urbanísticas que conteñen vivenda protexida no futuro PXOM: o ámbito de Santa Cristina-Lavadores, o de Ofimático-Avenida de Madrid e Guixar-Campsa, sexan as primeiras actuacións a desenvolver unha vez aprobado o Plan evitando que non se execute a vivenda pública e simplemente quede, como outros contidos no PXOM do 2008, como ámbitos de alta presencia en VPO para rebaixar a mesma noutros ámbitos e igualar a media legal en todo o Plan.

2. Instar ao Concello de Vigo á creación dunha empresa municipal de vivenda e empregar a propia Xerencia de Urbanismo como elemento de promoción pública directa de vivenda no termo municipal de Vigo.

3. Instar ao Concello de Vigo a reservar cando menos un 10% da vivenda en réxime de VPO promocionada directamente polo Concello e os aproveitamentos lucrativos dos convenios urbanísticos asinados como vivenda de emerxencia social, de titularidade pública e conformada nun Parque Municipal de Vivenda de Emerxencia Social para as familias e persoas máis vulnerables.

4. Instar á Xunta de Galicia a executar, no marco das súas competencias, as políticas en materia de vivenda e dar así cobertura urxente ás máis de 5.000 familias e particulares demandantes de VPO, maioritariamente en réxime de alugueiro con opción a compra, e executar na súa integridade os recursos comprometidos e que serán transferidos dentro do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025.

5. Instar á Xunta de Galicia á modificación do Decreto 12/2017 que regula a ordenación de apartamentos turísticos establecendo unha moratoria de 2 anos para poder incorporar vivendas que estaban en réxime de alugueiro ao parque de apartamentos turísticos, así como levar a cabo as inspeccións que sexan necesarias para detectar pisos turísticos non rexistrados tal e como marca a lexislación.

6. Instar ao Goberno do estado a regular, no marco do contido do acordo de Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos, e de xeito urxente, os prezos do alugueiros no marco da nova Lei Estatal de Vivenda para ter xa un proxecto lexislativo antes do 31 de decembro de este ano en curso.