moción para que o goberno local garanta o cumprimento da lexislación laboral nas concesionarias municipais.
Por Marea de Vigo

Moción para que o Goberno local garanta o cumprimento da lexislación laboral nas concesionarias municipais.
Históricamente as administracións públicas e os seus procedementos de contratación pública teñen sido un mecanismo esencial para as políticas de democratización do acceso da cidadanía aos servizos públicos, a políticas de benestar e á mellora das condicións materiais de vida en múltiples facetas. A contratación pública é unha ferramenta xurídica ao servizo dos poderes públicos para o cumprimento dos seus fins e valores fundamentais: cohesión social, redistribución da riqueza, igualdade e xustiza. Hoxe en día, o peso da contratación pública no conxunto da actividade económica cífrase en máis dun 15% no PIB do Estado Español; máis xa que sectores como a industria, que no ano 2020 caeu por debaixo desa cifra.
Polo tanto a contratación pública é tan ou máis estratéxica que os sectores que tradicionalmente vimos considerando como esenciais para a nosa economía, especialmente en cidades como Vigo onde actúan varias administracións e a actividade industrial languidece perigosamente.
Por desgraza, a corrente privatizadora dos anos 90 cronificou un sistema de xestión privada ou indirecto, no que a administración ou ben privatiza empresas ou servizos públicos para que mediante licitación o xestionen empresas privadas ou ben xa nacen os propios servizos xestionados de xeito externo. Un modelo que ademais estableceu prioritariamente os factores de prezo e aforro económico sobre a calidade ou consolidación do servizo público. Pese a que modificacións na lexislación de contratación pública, especialmente o marco normativo que introducíu a aprobación da Directiva sobre contratación Pública -Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello do 26 de febreiro de 2014-, matizaron esa maior ponderación do criterio prezo, entre os tidos en conta para adxudicar os contratos, o certo é que este factor segue incidindo negativamente en cuestións tan importantes como as condicións laborais e especialmente nos conceptos salariais.
No Concello de Vigo a práctica totalidade dos servizos públicos son prestados mediante empresas privadas que licitaron e gañaron contratos públicos. Algúns servizos naceron formulados así: Transporte, Servicio de Atención Domiciliaria,… pero outros veñen de procesos privatizadores vellos ou novos como o abastecemento e saneamento, ou máis recentemente a apertura e peche dos pabillóns deportivos municipais. En todas estas empresas actúan convenios colectivos, acordos salariais e cláusulas de revisión dos mesmos que teñen unha vinculación directa ao pregos concesionais xa que, en todos eles, o cumprimento dos mesmos está ligado ao réxime sancionador e mesmo a criterios de resolución do contrato de non cumprirse.
No contexto actual de crise inflacionaria provocada entre outras cousas pola guerra de Ucraína pero empregada esta claramente como escusa por diversas patronais para xustificar estratexias de parte, asistimos a un incremento notable do IPC, que no pasado mes de xuño por exemplo incrementouse en 1,5 puntos ata o 10,2% interanual, o que ven a constituír o dato máis elevado desde abril de 1985. Este incremento en tendencia ven a sumarse ao IPC que se estableceu para o 2021 de 6,5% e está fundamentado especialmente polo encarecemento dos carburantes, os alimentos e bebidas non alcohólicas, e ao enésimo incremento do prezo da electricidade.
Nesta situación as patronais que agrupan ás empresas que operan os servizos públicos municipais están tendo unha actitude claramente pactada de, por unha banda intentar evitar cumprir as cláusulas de revisións salariais vinculadas ao IPC argumentando a insuficiencia de recursos pese a que na práctica totalidade dos contratos suscritos co Concello de Vigo estas subas se garanten con incrementos de recursos por parte da administración; e por outro lado de bloquear a negociación colectiva de novos convenios e mesmo tentar dinamitar as cláusulas de revisión salarial. Como xa denunciou CCOO no conxunto do estado só o 32% da poboación asalariada con convenio pactou para 2022 incrementos de salario por encima do 2% e só o 21% pactou subidas por encima do 3%”.
Esta actitude xunto con outras prácticas de presión como ameazar con descolgues salariais aos cadros de persoal como está tentando o grupo Avanza en Vitrasa, supoñen un grave incumprimento dos pregos concesionais e ten que contar coa actuación decidida do Goberno local garantizando ademais que os recursos públicos que se adican a pagar a empresas por xestionar servizos públicos acabe realmente nos mesmos e no persoal e non na conta de resultados ou nos petos dos accionistas da mesma. Exemplos de concesións nas que o beneficio empresarial excede do realmente fixado nas ofertas temos de sobra, e curiosamente son as mesmas que non queren aplicar os dereitos laborais que o persoal ten garantido por convenio colectivo.
É fundamental que o Concello audite de xeito permanente a contratación pública, tanto no tocante a cuestións laborais como paara conseguir que a prestación de servizos públicos e as compras públicas sexan de calidade, estratéxicas, sostibles e socialmente responsables e ao mesmo tempo naqueles contratos nos que o compoñente económico fundamental vén constituído polo custo da man de obra, a maior ponderación do criterio prezo non pode ser o factor principal entre os tidos en conta para a súa adxudicación xa que pode incidir negativamente nas cuestións laborais, e pode ser utilizado de forma impropia para xustificar numerosas actuacións que acaban destruíndo emprego e empeorando as condicións laborais das e dos traballadores.
Polo exposto, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:
1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a revisar todas as concesións municipais nas que se formalizaron denucias por parte da representación sindical por incumprimentos en materia de convenios colectivos, cláusulas de revisión salarial ou xestión de persoal e abrir de xeito inmediato expedientes nas que se aprecien incumprimentos.
2. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a esixir que nas empresas concesionarias nas que operen convenios colectivos nos que sexa obrigatorio a suba do IPC do 2021 (6,5%), se garanta e se fiscalice o cumprimento destas cláusulas, tendo en conta que a empresa si que cobra dos cartos públicos a devandita suba por parte do Concello.
3. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a ser mediador activo para desbloquear a negociación colectiva nos sectores cos que ten contratos e se atopa paralizada e a incluír nos pregos de contratación cláusulas sociais e ambientais (criterios como a calidade das condicións de emprego, a inserción sociolaboral de colectivos desfavorecidos, a diversidade funcional, políticas de xénero, ambientais e de comercio xusto,…). Estes criterios tenderán a valorarse nun mínimo do 60% sobre a puntuación total.
4. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a estudar de xeito real e fundamentado as posibilidades de remunicipalización dos servizos que actualmente se realizan de xeito indirecto por empresas privadas de todo tipo.
5. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a non prorrogar os contratos vixentes sen que sexan clarificados e cumpridos os acordos en materia laboral e salarial.