moción para solicitar ao goberno as accións oportunas para que audasa pague íntegramente o ibi.

27 de Xuño de 2018

En Galicia, a AP-9 é a única vía que non paga o 95% do IBI grazas ás bonificacións previstas na lei de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aprobada en 1972, en pleno franquismo. O decreto do 17 de agosto de 1973 polo que se adxudicaba a concesión administrativa para a infraestrutura galega prevía que esta se beneficiase dos “beneficios” que figuraban no artigo doce da devandita lei e “ao longo do período concesional”. Malia que a súa construción está máis que amortizada e a pesar dos millonarios beneficios que xera, a exención aí segue, aplicándose no nivel máximo de redución permitido pola lexislación daquela do réxime ditatorial.

Audasa é a concesionaria de autoestrada de todo o Estado que máis tarde rematará a súa explotación trala última prórroga de Aznar, estendendo a concesión ata os 75 anos, o máximo permitido. Audasa tamén e a concesionaria de autoestrada do Estado que está a dar o peor servizo mentres que é a que está obtendo unha maior marxe de beneficios.

A AP9 é a autoestrada de todo o Estado con máis reclamacións. A AP9 supón o 3% de usuarias/os da rede de autoestradas pero ten o 19% das reclamacións. Tamén é a que conta con menos persoal por Km, tres veces menos que a media despois de despedir a 150 persoas nos últimos tres anos. Por outra banda tamén é na AP9 ao seu paso pola provincia de Pontevedra onde se sitúa o punto con maior sinistralidade das autoestradas de todo o Estado.

Para ser a que está a dar o peor servizo de todas as autoestradas do Estado, é a que conta cunha maior marxe de beneficio sobre facturación. O 50% da facturación de Audasa é beneficio, cando a media das empresas do Estado se sitúa no 7%. Un balance propio dun monopolio que só se pode explicar dende unha suposta conivencia político-empresarial de quen utiliza as institucións para o seu beneficio privado.

Nos últimos 20 anos, dende 1997 a 2016, Audasa ten recadado 2344 millóns de euros en peaxes, unha cifra moi elevada pero que se queda pequena cando se analiza a marxe de beneficios. Dende o 2016 Audasa acumula 1900 millóns de euros antes de amortizacións, intereses e impostos, o resultado bruto de explotación de Audasa equivale ó 81% da facturación. Un de cada dos euros que as galegas e os galegos pagamos nas peaxes da AP9 é beneficio antes de impostos, e un de cada tres euros é beneficio neto para a empresa concesionaria.

Entre o 2011 e o 2015 o beneficio neto despois de impostos de Audasa pola xestión da AP9 foi de 186 millóns de euros, que adicaron integramente a retribuír aos seus accionistas, nada para melloras no servizo, nada para baixar a altísima sinistrabilidade laboral na provincia de Pontevedra, nada para manter os postos de traballo. No 2016 Audasa repartiu 45 millóns de euros de dividendos, practicamente 1 de cada 3 euros do que recada por peaxes.

Incluso coa lixeirísima rebaixa decretada para 2017, no primeiro trimestre, a cifra de negocio medrou un 3,5%, o resultado de explotación un 8% e o beneficio líquido nun 11,9%. Un negocio redondo á conta de galegos e galegas, e que se incrementará coa suba das peaxes anunciada para o próximo ano.

O certo é que a AP-9 segue a ser un exemplo da privatización dos beneficios e socialización das perdas, neste caso, en beneficio de Audasa.

Con estes datos, so unha conivencia político-empresarial pode xustificar que Audasa disfrute tamén dunha bonificación do 95% do IBI que ten que pagar ós concellos polos que transcorre, un privilexio co que non conta a maioría das empresas que operan no país, e que non ten ningún tipo de xustificación.

Este beneficio tributario do que goza Audasa é, en definitiva, un copago que asume inxustamente a veciñanza dos Concellos polos que atravesa a autoestrada.

No mes de xaneiro foi aprobada unha PNL no Parlamento de Galicia a proposta de En Marea na que se insta á Xunta de Galicia a apoiar ós Concellos polos que transcorre a AP-9 nas actuacións que estas poidan levar a cabo para reclamar o cobro íntegro deste imposto que di o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a instar ao Goberno do Estado a facer as modificacións lexislativas necesarias para eliminar os privilexios fiscais dos que goza a concesionaria, suprimindo a bonificación do 95% no IBI e a apoiar aos concellos polos que transcorre a AP9 nas accións que poidan levar a cabo para reclamar a Audasa o pago íntegro deste IBI.”

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes

ACORDOS:

1.- Instar ao Goberno do Estado a realizar as accións oportunas que permitan aos concellos por onde transcorre a AP-9 reclamar o pago íntegro do IBI por parte de Audasa.

2.- O concello de Vigo elaborará os informes económicos e xurídicos pertinentes cara a levar a cabo dita reclamación.

2.- Trasladar o presente acordo aos grupos parlamentarios no Congreso e no Parlamento Galego