moción para solicitar o incrememto de recursos e politicas destinadas a poboación migrante na cidade de vigo.

22 de Decembro de 2021

Moción para solicitar o incrememto de recursos e politicas destinadas a poboación migrante na cidade de Vigo.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A cidade de Vigo conta con perto de 18.500 persoas estranxeiras censadas, que veñen representar o 6% da cidadanía viguesa. Mais esta non é toda a realidade, xa que, segundo os datos que manexan as asociacións que traballan pola integración das persoas migrantes na nosa cidade, como a Asociación Diversidades, coñecemos que na realidade hai aproximadamente 1000 persoas máis que están en situación irregular.

Dende a Marea de Vigo consideramos que é fundamental contribuír dende o ámbito municipal, como o espazo público máis cercano á veciñanza, para garantir o cumprimento dos dereitos das persoas migrantes así como na súa inclusión na sociedade. O Concello de Vigo ten a capacidade e a potencialidade para promover estes dereitos mediante a toma de determinadas decisións, a promoción da participación, a igualdade de oportunidades e a integración social e laboral a través do desenvolvemento dos servizos municipais comunitarios.

Seguindo os valores recollidos pola Red Acoge, de asociacións e ONGs para o acollemento das persoas migrantes, os valores fundamentais que deben guiar a actuación dos Concellos así como das demais institucións públicas, son:

A acollida das persoas migrantes e/ou refuxiadas que chegan ao noso Concello, atendendo as súas demandas cara á integración na nosa cidade e sociedade.

Defensa da dignidade humana, especialmente naquelas situacións máis vulnerables como é o caso das persoas en situación administrativa irregular, maiormente mulleres e menores de idade.

Compromiso coa igualdade de todos os seres humanos, tanto no exercicio dos dereitos coma no cumprimento dos deberes.

Defensa dun modelo de cidadanía non configurado a partir da nacionalidade que poida conxugar igualdade e diversidade.

Aínda que se trata dunha materia regulada, fundamentalmente, dende o ámbito estatal, existen numerosas medidas que dende o ámbito municipal, o máis concreto e directo, se poden levar a cabo para favorecer a integración das persoas migrantes e a convivencia.

En primeiro lugar, cómpre reforzar os servizos sociais comunitarios, pois, como xa sinalamos en multitude de ocasións, están infradotados e teñen enormes dificultades á hora de orientar ás persoas migrantes no exercicio dos dereitos civís fundamentais: educación, vivenda ou Sanidade.

Nesta liña, é preciso ademais facer un claro chamamento as demais institucións con capacidade para incidir na mellora da situación das persoas migrantes, como é o Goberno do estado e a Xunta de Galicia.

A nosa cidade mellorará no presente e no futuro se favorece a integración social plena da poboación migrante, en condicións de legalidade e de seguridade.

Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:

ACORDOS:

1.- O Pleno do Concello de Vigo insta á Xunta a recoñecer como Prioridade, para o proximo período de programación do Fondo Social Europeo, a incorporación de traballadores/as inmigrantes en condicións de legalidade e de seguridade; de xeito que os fondos europeos non recorten o gasto neste ámbito.

2.- O Pleno do Concello de Vigo insta á Xunta a incrementar a partida orzamentaria relacionada coas políticas de integración das persoas migrantes, garantindo así os recursos necesarios para a implementación de ferramentas que faciliten a integración das persoas migrantes no ámbito laboral.

3.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a recuperar a Oficina Municipal de Atención ás Persoas Inmigrantes de xeito íntegro coa necesaria atención ao público para que o acompañamento e o asesoramento municipal sexa real e efectivo.

4.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a reforzar o cadro de persoal de servizos sociais adicado á atención de persoas migrantes así como aos programas adicados a migrantes garantindo así personal cualificado e programas concretos orientados a poboacion migrante.

5.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local á recuperación da figura do Mediador Intercultural Municipal como profesional que pode facilitar a explicación da información burocrática nunha clave cultural comprensible para as persoas migrantes.

6.- O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno do estado á modificación do Regulamento de Estranxería en base ás propostas da Red Acoge en canto ao acceso ao permiso de residencia tendo un contrato de traballo aínda que a persoa non leve tres anos de residencia así como á flexibilización das características do devandito contrato de traballo en canto a súa duración e xornada (actualmente debe ter a duración dun ano e ser en xornada completa).