moción para solicitar a reapertura inmediata de vigosónico.

20 de Xaneiro de 2022

MOCIÓN PARA SOLICITAR A REAPERTURA INMEDIATA DE VIGOSÓNICO.

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

Xa se fala de colapso de Vigo como cidade de cultura contemporánea. Se imos ao pasado inmediato, temos perdas que xa foron tantas veces sinaladas publicamente como ignoradas dende o Goberno local da cidade: o festival Are More de música clásica, a Fotobienal, o festival de jazz ImaxinaSons, o festival ALT de artes escénicas ou a despedida de Vigo do festival SinSal son mostras ben evidentes. Tamén os programas especialmente orientados a fomentar o talento da mocidade foron caendo: Súbete ao Castro ou a a xestión Casa da Xuventude e o Punto Xove, feitos todos denunciados no seu día por este Grupo municipal, obtendo, á vista está, ningunha resposta.

Hoxe presentamos esta moción porque consideramos especialmente grave a situación do VIGOSÓNICO, tal e como ademais estase denunciando por ducias de bandas de musica da cidade, organizadas actualmente na Plataforma Grupos de Vigo en Loita.

O Goberno local pecha VIGOSÓNICO en marzo de 2020 co inicio da pandemia, e en base ás diferentes normativas aprobadas polas administracións públicas en materia de sanidade, seguridade e contención.

Neste caso, o inicio da pandemia coincidiu ademais con certas problemáticas acontecidas arredor da licitación do servizo de xestión do VIGOSÓNICO que provocaron recursos xudiciais e suspensións cautelares. Feito que a día de hoxe non se sabe se ten que ver coa inaccion do Goberno local con respecto a este servizo.

Tras o peche, o Goberno local tardou oito meses en responder ás chamadas dos usuarios e usuarias que só pretendían entrar para recoller os seus instrumentos, que quedaran alí co peche súbito de marzo. Para cando puideron entrar a polos instrumentos, moitos estaban xa estragados pola humidade. Non podemos entender este desprezo, esta falta do mínimo respecto, a estas persoas.

Ás preguntas sobre o futuro de VIGOSÓNICO que se sucederon no Pleno do Concello de Vigo non houbo resposta algunha, en ningún sentido, e hoxe, case dous anos máis tarde, e con normas e medidas sanitarias absolutamente distintas ás que foron aplicándose nos pasados dous anos pola situación COVID, o espazo continua pechado, deixando sen máis motivos que a absoluta desidia e a falla de vontade do Goberno local como explicación á situación actual.

Dende a Marea de Vigo levamos denunciando o peche de VIGOSÓNICO sen ningún tipo de comunicacion pública nin explicación aos usuarios, deixando sen servizo a máis de 200 bandas locais, así como a moitas outras veciñas e veciños, maioritariamente mocidade, que empregaban as instalacións: a sala de ordenadores, os cursos (de fotografia, de iniciación á edición de son, entre outros) e os eventos que se organizaban.

Dende a Marea de Vigo volvemos esixir que o Goberno local o Gob local atenda á petición de reapertura que están facendo os grupos de música, que VIGOSÓNICO volva abrir as súas portas con xestión pública que garanta a continuidade do servizo, porque a cultura de base ten que promoverse e protexerse dende o concello, non maltratarse, que é o que se está facendo. Un maltrato e unha falta de apoio que levou á disolución dalgunhas desas bandas pola imposibilidade económica de alugar espazos privados de ensaio. Tanto se utilizaba VIGOSÓNICO que había lista de espera para os locais de ensaio, xa que eran os únicos locais de ensaio municipais en toda a cidade, porque os anteriores -no Castro e na Casa da Xuventude- tamén foron clausurados polo Goberno local de Caballero.
Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:
ACORDOS:

1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a levar a cabo a reapertura inmediata das instalacións de VIGOSÓNICO.

2. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a manter interlocución coas bandas usuarias de VIGOSÓNICO para escoitar as súas demandas e poder programar con elas futuros concertos.

En Vigo, a 20 de xaneiro do 2022.