moción pola defensa da xestión pública directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia.

29 de Maio de 2020

MOCIÓN POLA DEFENSA DA XESTIÓN PÚBLICA DIRECTA DOS CENTROS SOCIO-SANITARIOS DE ATENCIÓN Á DEPENDENCIA.

A crise derivada da COVID19 amosou de xeito descarnado o que en Galicia levaban anos denunciando traballadoras e asociacións de familiares sobre as residencias de maiores e, en xeral, sobre a atención a dependentes: o Partido Popular, dende a Xunta de Galicia, impuxo un modelo privatizador da atención a maiores que prioriza o negocio sobre o dereito a unha atención de calidade.

En Galicia, o 77% das prazas en residencias pertencen ao sector privado. Aínda que temos unha das poboacións máis envellecidas do Estado español, o noso ratio de prazas é máis baixo que a media estatal. Temos, polo tanto, unha demanda crecente de prazas e unha oferta escasa (aínda máis escasa se buscamos residencias públicas); o cal revela a existencia dun suculento pastel para o negocio particular. Cando chegou a crise do coronavirus, na área de Vigo contabamos con 72.000 persoas xubiladas, pero só dispoñíamos de 2.080 prazas en residencias para maiores e, delas, só 604 -é dicir, o 29%- son públicas. Nestes momentos, en Vigo existen soamente tres residencias de titularidade pública. Atendendo ás demandas das principais centrais sindicais e aos colectivos de pensionistas, sería necesario construír tres novas residencias de maiores en Vigo.

Na última década, a Xunta de Galicia de Núñez Feijóo tomou decisións conscientes para converter a atención dos nosos maiores -o que debera ser un dereito da cidadanía- nun campo propicio para unhas poucas empresas amigas, capitalizadas con fondos voitre na procura de pingües beneficios. Só así se explica que en Galicia levemos os mesmos anos que leva gobernando Alberto Núñez Feijóo sen crear nin unha soa nova praza en ningunha residencia de xestión pública directa. E, malia todo isto, son as residencias públicas de xestión directa as que, asumindo mudanzas necesarias e mellorando a calidade, demostraron ser, no tempo da COVID19, moito máis seguras para a vida que as residencias de xestión privada. Aproximadamente o 45% das mortes por COVID19 en Galicia foron en residencias e, desa porcentaxe, o 98% de mortes foron en residencias privatizadas.

Os colectivos de traballadoras e familiares denunciaron constantemente o incumprimento das normas legalmente establecidas en canto a ratios de persoal, a insuficiente calidade na alimentación e noutros servizos, o que se traducía nunha mala atención nestes centros. E, por outra banda, o Consello de Contas emitiu un Informe sobre a situación das residencias privatizadas no ano 2017 no que constataba as denuncias de traballadores e de familias e afirmaba que, a pesardo labor dos inspectores, a Xunta de Galicia non fixo nada para corrixir incumprimentos nos ratios do persoal de atención e noutros aspectos sobre os que nin se iniciaran expedientes sancionadores.
É dicir, que se a Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo tomase en serio o traballo dos inspectores no seu momento, entón poderían terse salvado vidas en Galicia cando chegou o coronavirus.

Polo tanto, é necesario apostar por un cambio de modelo que protexa a vida e a atención digna e de calidade aos nosos maiores como un dereito. O lucro non pode estar por riba dos dereitos. A mercantilización da saúde constitúe un perigo para a vida das persoas, polo que a implantación e a defensa dun modelo de titularidade e de xestión pública é fundamental. Temos que protexer o dereito aos coidados, o dereito a unha atención digna aos nosos maiores, por riba de calquera beneficio económico privado.

Durante demasiado tempo as denuncias reiteradas por parte das traballadoras e traballadores e familiares foron desatendidas, pero agora, ante a evidencia do fracaso que para o coidado dos maiores representa o modelo privatizador na atención á dependencia, cómpre mudar as políticas que se desenvolveron na última década. A crise da COVID19 deixou patente que un sistema público forte é a mellor garantía para afrontar o futuro.

Polo exposto, o Grupo municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:

ACORDOS:
1.- O Pleno do Concello instar ao Concello de Vigo a defender e apostar, no marco das súas competencias, polo modelo público de xestión directa de atención aos dependentes.

2.- O Pleno de Concello insta á Xunta de Galicia a mudar as súas políticas de privatización e a camiñar cara a xestión directa dos centros socio-sanitarios de atención á dependencia, dotando estas políticas dos niveis orzamentarios necesarios e reducindo progresivamente o gasto público en concertos e no Bono Social da Consellería de Política Social.

3.- O Pleno do Concello insta ao Concello de Vigo a apoiar explicitamente a convocatoria realizada polos colectivos sociais en homenaxe ás vitimas da covid-19 nas residencias e a prol duns servizos sociais 100% públicos para o vindeiro 11 de xuño.