moción pola garantía de dereitos en procesos de violencia de xénero

4 de Setembro de 2017

MOCIÓN POLA GARANTÍA DE DEREITOS EN PROCESOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A situación de inseguridade e precarización das mulleres pola falta de dereitos básicos cando se atopan en situación de vulnerabilidade por ser vítimas de violencia machista, afecta a falta de prevención e formación e a súa protección.

Respecto ao ámbito policial, existe un desánimo que se crea nas mulleres que dan o paso a denunciar, por parte das forzas de seguridade; por exemplo dicíndolles que o avogado ou avogada pode demorarse horas para asistilas en comisaría e que mellor soliciten dito servizo de avogacía o día do xuízo no xulgado; provocando unha sensación de abandono e inseguridade que non axuda absolutamente nada a saír do inferno da violencia machista. Respecto a este ámbito, semella absolutamente inconcibible que haxa policías que non se limitan a recoller a denuncia, senón que xulgan o delito que as mulleres están denunciando e dinlles literalmente que “non merece a pena que o fagan porque non van obter nin orde de afastamento”, e “nin sequera será tipificado como violencia de xénero”.

En canto o ámbito xudicial, atopámonos con que o persoal dos servizos de xustiza seguen sendo xerais, sen formación específica en violencia de xénero ou o que é peor, en vítimas menores de idade. Hai mulleres que acoden alí sen saber o que asinaron, nin entenderon o que lle dixo a súa avogada/o xa que non comprenden os termos xurídicos; é importante que o persoal que atende a este tipo de vítimas utilicen unha linguaxe sinxela.

É moi grave o que está a acontecer contra o respecto á intimidade; hai moitos xulgados que carecen de salas de espera independentes para agresores e vítimas, o cal é máis grave no ámbito rural. Moitas/os das/os avogadas/os coñecen ás mulleres ás que van defender 10 minutos antes do xuízo, e estas declaran diante do agresor e como moito, detrás dun biombo. É intolerable que non se lles tome declaración por separado sen que a vítima estea nesta situación de absoluta vulnerabilidade.

En canto ás pulseiras de localización, terían que ser os policías os que detectasen o incumprimento da orde, e non as mulleres, que sofren episodios innecesarios de ansiedade, preocupación e angustia.

Atópanse moitos casos de retirada de denuncia, nestes episodios sería fundamental que a fiscalía actuase de oficio; é moi importante que a vítima se sinta segura e non reciba perigo por rematar asasinada, se isto está ocorrendo é porque este perigo non está atallado e moito menos se lle garante absolutamente nada á vítima.

As mulleres soen ter cargas familiares, principalmente de atención ás crianzas e dependentes ou maiores; é preciso reivindicar a importancia da información ás vítimas, deixándolles claro todo o proceso e os servizos dos que pode aproveitarse; como por exemplo a rede de acompañamento, que garante apoio e acompañamento durante o proceso; axudando a estas mulleres a non deixar de atender as súas cargas por ter que declarar.

Consideramos que non se está tendo en conta en organismos como o IMELGA a violencia psicolóxica; que poderiamos dicir que é o primeiro chanzo do que logo remata en asasinatos, deberiamos previr os problemas e non arranxalos despois de que acontezan; a isto súmaselle a falta de credibilidade que se lle outorga ás vítimas, así como a súa ridiculización e infantilización neste tipo de servizos, por unha falta de formación específica en violencia machista por parte dos profesionais das diferentes áreas, que evidentemente non é culpa dos profesionais senón do goberno, que non esixe dita formación específica e non a imparte tampouco.

Por outro lado, a atención ós/ás menores debería dar máis garantías ás vítimas; como declarar por videoconferencia ou non someter á vítima a etapas traumáticas no proceso de denuncia, escoitar á vítima e ter en conta o que relata. Pola súa parte, a lentitude da xustiza na implantación das medidas civís e nos divorcios inflúe moi negativamente no empobrecemento económico, que é unha das cuestións clave para a recuperación integral das mulleres.

Profundamente grave é o que acontece coas crianzas que tamén son vítimas colaterais da violencia machista; que son obrigados en moitos casos a cumprir o réxime de visitas co agresor contra a súa vontade. Moitas mulleres optan por incumprir o réxime pola seguridade da súa crianza, sendo condenadas aínda por enriba. Isto agrávase cando os agresores teñen a patria potestade; onde os menores poden quedar sen recibir atención psicolóxica se o agresor se nega. Algo inconcibible nun estado de dereito que di protexer ós menores. É inaudito que haxa xulgados que estean recoñecendo o Síndrome de Alienación Parental como arma para presentar ás nais como manipuladoras das crianzas; cando ningunha organización científica recoñece dito síndrome e o Consello Xeral do Poder Xudicial recomenda non aceptalo.

Hai unha importante falla de persoal nos puntos de encontro de Vigo, habendo mulleres que tiveron que desprazarse a Pontevedra, co que prexudica esta situación. A policía ou garda civil tería que acompañar ás vítimas a recoller os bens persoais ao domicilio familiar,

sen que a muller corra perigo físico ou psíquico.

En canto ás axudas económicas e recursos especializados, están suxeitos a créditos orzamentarios, e a maioría só pode solicitarse cunha orde de afastamento en vigor, desbotando a todas as vítimas de violencia machista que aínda non teñen dita orde pero están en situación de vulnerabilidade e exclusión. Estes procesos de adxudicación non deberían de demorarse máis de 30 días.

Non existen modelos de reinserción socio-laboral que garantan a independencia das mulleres vítimas da violencia machista; ao que se lle suma a falta de alternativa habitacional; simplemente poden entrar no Centro de Emerxencia, apartando á vítima e non ao maltratador.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes

ACORDOS:

1.- Cumprir os acordos do IV plan de igualdade aprobado en Pleno por este Concello no ano 2007, nos que se inclúen medidas de formación en igualdade para todas as persoas empregadas no propio Concello

2.- Modificación do acceso ao Centro de Emerxencia sen a obrigatoriedade dunha denuncia previa, se a consideración profesional do persoal que as atenda así o indica, xa que estas mulleres non están en condicións psicolóxicas favorables como para tomar tales decisións e estanse excluíndo e abandonando ás que non denuncian.

3.- Establecer medidas que garantan o acceso á vivenda dun xeito estable, non é suficiente cos pisos tutelados, senón vivendas sociais destinadas a este colectivo que sexan unha medida a longo prazo.

4.- Posta en marcha de programas de reincorporación laboral desde o Concello adaptado ás necesidades e a realidade das mulleres vítimas de violencia, e dicir, aberto durante todo o ano e con garantías de efectividade.

5.- Rexeitamento desta corporación ó Síndrome de Alienación Parental por carecer de base científica, tal e como recomenda o Consello Xeral do Poder Xudicial.

6.- Instar á Xunta ao aumento do persoal dos puntos de encontro, con formación específica en perspectiva de xénero demostrable e con experiencia en casos de violencia machista.

7.- Instar aos organismos pertinentes á formación específica en violencia machista a todas/os as/os profesionais que teñan que ter contacto coas vítimas (policías, fiscais, avogados/as da quenda de oficio, traballadoras/es sociais etc), así en áreas específicas en organismos como o IMELGA ou outros de iguais características. Esta formación deberá contar coas ferramentas para garantir a información integral das vítimas en todo o proceso, para que se sintan seguras do que asinan e fan en todo momento, así como unha utilización da linguaxe para que esta información lles chegue dun xeito óptimo.

8.- Instar ao Ministerio de Educación a incorporar na ESO a educación sobre igualdade entre homes e mulleres e contra a violencia de xénero como contido curricular.

9.- Instar ao Goberno do estado á promoción de modificacións no Código Penal en canto á suspensión definitiva da patria potestade en delitos moi graves (asasinato, intento de asasinato, violencia sexual) e nos delitos considerados menos graves, a obrigada avaliación e seguimento do agresor no que respecta á relación cos fillos/as e na posibilidade de darlle opción ás crianzas testemuñas de violencia de xénero a rexeitar ir co maltratador se así o deciden.