moción polos dereitos do colectivo lgtbi. xuño 2016

10 de Xuño de 2016

lgtbi_vigoPor desgracia a LGTBIfobia (o odio e o rexeitamento ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais ou intersexuais) persiste na nosa sociedade, mostrándose con moitas e diversas caras. A discriminación exercida contra este colectivo é violencia e como tal debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade, como polos propios poderes públicos (só no que vai deste ano rexistráronse máis de setenta agresións contra a diversidade sexual en todo o Estado; moitas outras nunca se chegan a coñecer, pese a existir).
O Estado Español ofrece unha realidade paradóxica a aquelas persoas que coas súas vidas desbordan a “normalidade” acerca da vivencia do xénero ou a orientación sexual. O Estado Español, por un lado, é considerado un dos países máis avanzados en igualdade real da UE, neste sentido, é certo que dimos algúns pasos en positivo. Pero, por outro lado, queda moito traballo por facer e moitos dereitos por conquistar:
Non queremos ser un país preocupado unicamente por liderar rankings económicos, pero no que á súa vez se sigan suicidando vítimas de bullying LGTBIfóbico; no que a medicina se siga guiando por convencións como o Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders (DSM) e a Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE) que aínda patoloxizan a transexualidade como disforia de xénero; no que ás lesbianas e ás bisexuais se lles poda privar do seu dereito a acceder a tratamentos públicos de reprodución asistida, se lles continúe invisibilizando nos protocolos xinecolóxicos e na sociedade, debido ao sistema heteropatriarcal que nos oprime; no que persista un exercicio impune da violencia nas rúas (en aumento), nas aulas e nos centros de emprego por motivos de orientación sexual ou vivencia do xénero non normativo.
Somos conscientes de que este traballo require dun esforzo educativo enorme, trátase de deconstruir moitos dos prexuízos naturalizados pola sociedade e que as institucións reproducen de forma automática. É un esforzo que require un cambio estrutural das lóxicas do sistema a todos os niveis. Pero que non pode seguir sendo a materia pendente da maioría de países, e os/as representantes galegas deben ter iso en conta á hora de dirixirse a outros países do ámbito internacional.
Por todo isto, cremos que desde as institucións temos que seguir traballando en prol da igualdade legal, social e de facto entre todas as persoas. Hai que impedir que as conviccións morais o ideolóxicas individuais sigan minando o avance da igualdade, que é o camiño da democracia.
Polo exposto, instamos a esta Corporación Municipal a adoptar os seguintes

ACORDOS

1. Contribuír, nas competencias que lle son propias a este Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.
2. Incluír a educación na diversidade afectivo-sexual e familiar nos programas de formación que poña en marcha este Concello, tanto para alumnos de centros escolares como para o persoal funcionario ou técnico do municipio.
3. Impulsar nos centros educativos do municipio a creación e posta en marcha de Titorías de Atención á Diversidade Afectivo-Sexual.
4. Que tanto o 17 de maio, día internacional contra a LGTBIfobia, como el 28 de xuño, día do Orgullo LGTBI, se ize a bandeira do arco da vella no Concello da localidade; como símbolo do compromiso pola igualdade real e pola visibilidade do colectivo.
5. Retirada inmediata de toda subvención ou axuda económica ás entidades públicas ou privadas (políticas, sociais, relixiosas…) que coas súas actuacións ou declaracións fomenten o odio ou a discriminación cara as persoas LGTBI.
6. Condear a discriminación, violencia, persecución e criminalización das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (así como do resto de persoas que loitan en defensa dos seus dereitos), e as lei anti LGTBI, que se levan a cabo en calquera lugar do mundo.
7. Poñer en marcha todos os mecanismos posibles de colaboración co resto de administracións galegas para facer efectivo o cumprimento da ‘Lei 2/2014, do 14 de abril, de Igualdade de Trato e Non Discriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais de Galicia’.
8. Instar ao Goberno Galego a un maior desenvolvemento da ‘Lei 2/2014, do 14 de abril, de Igualdade de Trato e Non Disciriminación de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais de Galicia’ , en colaboración co movemento asociativo e demais colectivos neste ámbito da Comunidade Autónoma, de cara a dotala de ferramentas e compromisos contra todo tipo de discriminación e violencia contra o colectivo.
9. Instar ao Goberno central para que se inclúa e garantan o proceso da reasignación de sexo no catálogo de prestacións xerais da Seguridade Social e das lesbianas e mulleres bisexuais nos programas de reprodución asistida.