moción por un programa de recostrución económica da cidade trala crise do coronavirus. abril 2020.

28 de Abril de 2020

Rubén Pérez Correa e e Oriana Méndez Fuentes concelleiro e concelleira do Grupo Mixto (Marea de Vigo), presenta para o seu debate en Pleno, e aprobación se procede, a seguinte

MOCIÓN INSTANDO AO PLENO DO CONCELLO DE VIGO A APROBAR UN PROGRAMA DE RECONSTRUCIÓN ECONÓMICA E SOCIAL NA CIDADE DE VIGO TRALA CRISE PROVOCADA POLO CORONAVIRUS.

Coa poboación aínda confinada e coas diferentes administracións públicas establecendo marcos normativos e medidas excepcionais cun alcance aínda por determinar, o certo é que a pandemia mundial provocada polo COVID-19 vai ter unhas consecuencias inéditas na economía a todas as escalas xeográficas: mundial, europea, estatal e mesmo local. Non hai precedentes na tipoloxía deste reto ao que nos enfrontamos nas crises anteriores e a fractura social (incluso nas relacións internacionais) que pode abrir pode ser tan profunda que a súa solución exténdase no tempo máis aló das consecuencias epidemiolóxicas.

Este grupo municipal foi claro na súa intervención do pasado Pleno do 16 de abril: Non é tempo de debates oportunistas, de confrontar dende a calculada visión do aproveitamento político-electoral da crise. É tempo de escoitar, propoñer e aprobar medidas e propostas que axuden a que as consecuencias desta crise non apuntalen as eivas sociais e económicas que aínda arrastrábamos da crise financeira larvada dende 2008.

É o que nos corresponde a cada unha e un de nós como representantes institucionais lexítimamente electos e electas pola cidadanía. Todos os grupos aquí presentes temos grupos parlamentarios no Congreso e no Parlamento para reclamar e analizar as medidas doutras administracións, pero o que nos toca neste Pleno é analizar as medidas que tome o Concello de Vigo; felicitarnos das que consideremos acertadas e, polo menos nesta fase, plantexar as que consideramos que se poden implementar.

Non queremos, polo tanto, facer unha exposición de motivos que se interprete como un debate profundo dos culpables das múltiples situacións que hoxe vive a sociedade viguesa e o resto do mundo, servindo como argumento para non abordar medidas concretas e reais. Medidas que están a ser implementadas en múltiples concellos, moitas delas ponderadas pola Marea de Vigo para trasladalas a nosa cidade, tal e como fixemos dende o inicio da crise de xeito constante.

Por este motivo, e para que a cidadanía viguesa visualice unha leal cooperación dende a discrepancia, seguro ideolóxica e seguro fundamentada, entre os diferentes grupos que conformamos este Pleno; propoñemos un debate serio sobre as seguintes medidas que consideramos necesario implementar. Outras moitas, xa trasladadas a este Goberno, foron tidas en conta, feito que agradecemos entre outros motivos porque abre unha inusual xanela de cooperación entre oposición e Goberno que debemos coidar en futuros debates que van ser necesariamente abordados dende discrepancias colectivas.

Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede o seguintes:
ACORDOS:
1. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a aprobar un PLAN DE RECONSTRUCIÓN ECONÓMICA da cidade que tome como referencia o superavit do 2019, os remanentes de tesourería e as modificacións necesarias do actual orzamento municipal. Para tales empregos terá que ser determinante a próxima modificación ou interpretación da Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira, por desgraza aínda en vigor e, que bloqueou o gasto público desde 2012 ata 2019, restrinxindo a capacidade de gasto das administracións públicas. Dito plan, tería que ter cando menos 20 millóns de euros repartidos nas numerosas áreas susceptibles de ter que ser reforzadas pola situación actual. A prioridade dos recursos debería sen para en primeira instancia un programa que complete ao catálogo de servizos sociais da cidade con aumentos das axudas de emerxencia (cando menos duplicar o importe actual) e políticas de vivenda en forma de parque municipal de vivenda de emerxencia.

2. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a avaliar a modificación inmediata orzamentaria de 5 millóns de euros procedentes de partidas que a estas alturas enténdense como de dificil execución (parte do orzamentado nas festas de Vigo, o consignado ao contrato de promoción turística, etc..) para un programa de axudas ao sector do comercio local, hostalaría, pequenas empresas e autónomos da cidade. Programa a complementar con outros 5 millóns cando o Goberno do Estado libere, como foi anunciado recentemente, os novos usos do superávit de 2019.

3. O Pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno local a implementar un programa de inxección económica directa ao tecido cultural da cidade (segundo o IGE en Vigo hai 190 empresas culturais das que 113 son persoas físicas, 46 sociedades limitadas e varias cooperativas e outras formulacións legais) que evite os erros de pretender que produzan gratuitamente durante o confinamento ou a moratoria de apertura de teatros, centros culturais, locais de música, etc…que temos visto nestes días. Dito programa contaría xa con máis de 300.000 euros do asignado orzamentariamente a O Marisquiño, parte subsancial do que non poida ser executado do programa de festas de Vigo polas limitacións de aforo e as cancelacións de artistas internacionais. Un programa que coloque a cultura de Vigo como a primeira cidade cultural de Galicia e que recoñeza o carácter profesional da producción artística e cultural.

4. O Pleno do Concello insta ao Goberno local a declarar de xeito inmediato a suspensión notificada da recadación executiva e dos servizos municipais que, con esta fórmula, eviten a xeneración de ERTES nestes servizos. Do mesmo xeito iniciarase unha negociación con VITRASA para a retirada do seu en base á reducción de aforos nos autobuses, aumento das limpezas diarias nos mesmos, e a concrección dos termos de “servizo público esencial” que eviten a continuación do devandito ERTE e a non adecuación dos mesmos aos artigos 22 e 23 do RDL 8/2020.

5. O Pleno do Concello insta ao Goberno local a esixir a tódalas concesionarias municipais a garantir EPI´S e material de traballo seguro, especialmente a servizos sensibles como o de atención domiciliaria, transporte colectivo, etc… esixindo ás concesionarias que reporten fichas de seguridade e características dos elementos de protección que se están a empregar: tipoloxía de mascarillas, dos líquidos de limpeza, frecuencias, EPI´S etc…
Igualmente, para a execución de servizos que impliquen acudir a domicilios, coma no caso do SAD, facilitar o estacionamento en zonas de carga e descarga para o persoal durante o tempo do servizo.

6. O Pleno do Concello insta á Concellería de seguridade a garantir nos servizos de bombeiros e policía local mascarillas FFP2 (actualmente estas conviven nos servizos con cirúrxicas), luvas e productos de limpeza para os vehículos que cubran todos os efectivos e servizos.

7. O Pleno do Concello insta ao Goberno local a considerar como inicio de trámite administrativo vinculado á remisión á Xunta de Galicia do borrador e documento estratéxico do futuro PXOM de Vigo aquela data que sexa compatible coa volta á normalidade da cidadanía e que lle permita ao tecido asociativo da cidade, nomeadamente o movemento veciñal, realizar asembleas onde poidan decidir (por estatutos é así) as aportacións e suxerencias ao proceso inicial do Plan.

8. O Pleno do concello insta ao Goberno local a suspender todas as obras públicas municipais non esenciais e non relacionadas co subministro de servizos básicos durante o periodo de confinamento da poboación e paralizar de xeito inmediato todas aquelas de carácter privado que emitan ruído superior a 90 decibelios.

9. O Pleno do concello insta ao Goberno local a usar todos os recursos propios; maquinaria, conductores, etc… do parque móbil municipal antes que acudir a contratación de servizos privados que poidan ser asumidos polo persoal do parque para a desinfección da vía pública e espazos públicos.

10. O Pleno do concello insta ao Goberno local a reorientar todo o plan de emprego do 2020 e as axudas á contratación no tecido asociativo da cidade en políticas que axuden a reconstrución social, económica e cultural da cidade. Que permitan unha inserción real do previsible aumento de desempregados e desempregadas da cidade en áreas de futuro e consolidación laboral.
En Vigo, a 23 de abril do 2020