moción por un referendo sobre o modelo de estado e outros acordos complementarios.
Por Marea de Vigo


O pasado 3 de agosto, a Casa Real comunicaba a intención do rei emérito Juan Carlos I de Borbón de abandonar o territorio do estado español ante a polémica xerada polo que considera “acontecementos pasados da súa vida privada”, episodios que deron lugar ao inicio de investigacións penais primeiramente en Suíza, e despois a iniciativa da Fiscalía do Tribunal Supremo español, debido á súa condición de aforado.
O ex-xefe do Estado estaría presuntamente implicado en delitos de corrupción, branqueo de capitais e evasión fiscal continuada e de enormes dimensións, que só poden comprenderse pola práctica sistemática de amplos sectores do poder político, institucional e mediático de mirar cara outro lado en todos os asuntos que teñen que ver coa Casa Real e a monarquía.
Ao contrario do que eses sectores interesadamente nos queren facer crer, as actividades do rei emérito distan, e moito, de ser un caso puntual e privado. A sucesión de acontecementos evidencia que a Casa Real acumula toda unha serie de actos ilícitos que sitúan á monarquía española moi lonxe do seu pretendido comportamento “exemplar”, tan manido como falso.
O caso Nóos custoulle unha condena de prisión ao daquela Duque de Palma, Iñaki Urdangarín, por desvío de fondos públicos e fraude fiscal. O curmán do ex-monarca, Álvaro de Orleáns, actuou de testaferro e parece estar implicado no cobro de comisións multimillonarias pola venda do Banco Zaragozano. O propio Felipe VI figura como segundo beneficiario do patrimonio irregular amasado polo seu pai, sendo coñecedor como mínimo dende marzo de 2019. Ante estas circunstancias, o actual Xefe do Estado Felipe VI permanece calado.
Que a Xefatura do Estado sexa un cargo hereditario, no que ademais os varóns gozan de prioridade na liña sucesoria, é unha anomalía democrática e un anacronismo feudal sobre o que a cidadanía nunca tivo opción de decidir: a monarquía é unha institución imposta polo franquismo tras case 40 anos de ditadura iniciada cun golpe de estado á República.
A experiencia amosa, polas continuas inxerencias dos monarcas en cuestións políticas, que a súa principal función é manter o statu quo herdado do franquismo, o inmobilismo e os privilexios da aristocracia e os poderes fácticos.
O debate sobre o modelo do Estado é rapidamente cercenado: calquera reforma ambiciosa do noso sistema de goberno, como a articulación territorial, a redistribución da riqueza, a radicalidade democrática ou a propia monarquía como institución, choca coa existencia dunha Constitución Española inamovible, blindada para estas cuestións pero vulnerable a modificacións exprés como a do seu artigo 135 para priorizar o pago da débeda sobre a protección dos dereitos da cidadanía.
A complicidade dos partidos dinásticos do réxime do 78 coa monarquía, incluíndo a actual Presidencia do Goberno, resulta escandalosa. Non só se infantiliza á cidadanía furtándolle a posibilidade de decidir sobre unha institución imposta pola vía das armas, senón que se colabora activamente na opacidade, a falta de transparencia e o mantemento dos privilexios de quen utilizou os recursos públicos e o ben común no seu propio beneficio.
O Código Penal ofrece máis proteción á Casa Real ca a calquera outra institución ou cidadá a través do delito de inxurias á Coroa. Pola contra, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos mantén unha liña xurisprudencial clara, en virtude da cal os ordeamentos xurídicos non poden outorgar unha proteción especial e cualificada aos cargos e institucións que se consideren máis importantes, senón máis ben todo o contrario.
O descrédito da monarquía xa se converteu nun clamor popular, porque pon en cuestión o propio funcionamento da democracia e da xustiza. Cómpre tomar medidas que permitan á cidadanía recuperar a confianza nas institucións e poderes públicos.
Por todo iso, o Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes ACORDOS:
1. Esixir a celebración dun referendo no que a cidadanía decida sobre a continuidade da monarquía como depositaria da Xefatura do Estado.
2. Condenar a fuxida do rei emérito cando está a ser investigado pola Fiscalía do Tribunal Supremo.
3. Instar ao Goberno do Estado e ao Congreso das Deputadas a que inicien unha investigación parlamentaria polas accións realizadas por D. Juan Carlos de Borbón dende o ano 2014, momento no que deixou de manter a súa condición de inviolabilidade xurídica.
4. Instar ao goberno do Estado a derrogar o delito de inxurias ao rei e á Casa Real recollidos nos artigos 490.3 e 491 do CP, igualando a proteción penal da honra desta figura e institución coa resto da cidadanía.
5. Esixir, de probarse os delitos que se investigan, o reingreso as arcas públicas do patrimonio adquirido ilegalmente polo rei emérito.
6. Instar a todas as administracions, a comezar polo Concello de Vigo, a retirar calquera honra ou titulo honorífico que ostente Juan Carlos de Borbón.