moción privatización celadoras/es eoxi. outubro 2015

4 de Abril de 2016

Na EOXI de Vigo unha empresa privada asumiu o traslado interno e a xestión auxiliar de todo tipo de produtos farmacéuticos, mostras biolóxicas, hemoderivados, historias clínicas e documentación sanitaria, así como almacenaxe e distribución de material sanitario, traslado de instrumental médico e cirúrxico dende a central de esterilización, entre outras moitas. Isto supuxo, dadas as incidencias rexistradas, un risco importante, xa que se trata de tarefas claves para o funcionamento das Institucións Sanitarias.
Todas estas funcións foron realizadas polas celadoras e celadores cunha eficacia máis que probada ao longo dos anos, adaptándose para iso ao avance tecnolóxico e aos novos sistemas de almacenaxe e distribución.
De súpeto, todo isto cambiou, apostando por un modelo de xestión onde en vez de prevalecer os criterios de calidade asistencial na atención aos usuarios, prevalece o beneficio económico duns poucos, como estamos comprobando, non só o colectivo profesional sanitario, senón todos os usuarios e usuarias do Sistema Sanitario de Galicia.
Para o colectivo de Celadoras e Celadores isto suporá a desaparición de moitos postos de traballo a favor dunha empresa privada que se lucra a custa de crear emprego precario, sen que lles importe que estes traballadores (TIGAS), que carecen de formación no ámbito sanitario, desenvolvan unha tarefas que son cruciais para o funcionamento das Institucións Sanitarias e , polo tanto, para a saúde d@s pacientes. Traballadores e traballadoras, por outra parte, que nos merecen o máis absoluto respecto, e teñen plena liberdade para anotarse nas nosas listaxes de contratación, seguindo os criterios de xustiza e equidade.
Que podemos dicir das máis de 1000 persoas, coas súas correspondentes familias, que forman parte das Listaxes de Contratación desta categoría profesional? Pois que esta privatización encuberta, e o feito de que o SERGAS vexa a categoría de celador/a como un saco sen fondo no que reconverter a outras categorías que xa foron privatizadas, suporá, sen dúbida, abocar a estas persoas que levan anos traballando e formándose como celadores/as, a engrosar as listaxes do INEM.
A curto prazo o intrusismo dos TIGAS supón a perda de traballo para persoas que teñen recoñecida unha adecuación do seu posto de traballo por motivos de saúde, moitas relacionadas con enfermidades profesionais, coa conseguinte limitación da súa capacidade para realizar estas tarefas. Tamén para aqueles celador@s que accederon á condición de Persoal Estatutario fixo a través da quenda de discapacidade, tal e como recolle o decreto 206/2005 de Provisión de Prazas do Servizo Galego de Saúde.
É dicir, OS GRUPOS MÁIS VULNERABLES, os que en teoría estan mais protexidos polas leis son os que teñen un risco evidente de desaparecer.

Isto supón, ademais, unha profunda desestructuración da nosa profesión.
¿Que vai facer o sergas con todas estas persoas? ¿Vainas despedir ou xubilar directamente? ¿é así como se aforra en sanidade?
Todo o que está a acontecer, este claro atentado contra o noso traballo e dignidade, levounos a realizar un PECHE, así como outros moitas medidas de protesta: recollida de sinaturas dos usuari@s, concentracións, implicacións de outros colectivos profesionais, difusión nos distintos medios de comunicación…
Accións todas encamiñadas a concienciar á poboación da situación que estamos padecendo, e tamén do que isto implica na calidade asistencial.
O colectivo de Celadoras e Celadores loitan, polo tanto, para seguir realizando as súas funcións, dentro dun SISTEMA SANITARIO PÚBLICO E UNIVERSAL. Loitan por reverter esta situación, tratando de que prime o benestar do paciente sobre intereses particulares de empresas que buscan o seu propio beneficio.
Dada a indefinición da Dirección da EOXI de vigo sobre a delimitación de funcións, decidiuse seguir realizándoas, xa que dende o punto de vista Estatutario son competencia propia desta profesión, solicitando para iso o apoio do resto do persoal Sanitario (médicos, enfermeiras, TCAEs, técnicos superiores, etc), conseguindo un grao de colaboración máxima.
Estas medidas de presión deron os seus froitos. Por unha parte atopouse o apoio do resto do persoal sanitario, e por outro o apoio maioritario dos usuarios e usuarias, que se plasma na recollida de miles e miles de sinaturas, co que se demostra a súa confianza e sensibilidade co colectivo, e de paso o seu descontento xeneralizado co funcionamento do novo Hospital.
Ademáis esta loita provocou que celadores e celadoras de toda Galicia e incluso de outras CCAA mostrasen o seu apoio e solidariedade, sumándose ao peche e participacón en distintos actos de protesta.

Por todo isto, solicitamos se tome o seguinte

ACORDO:

Solicitar do goberno da Xunta de Galiza:
Parar a privatización do colectivo de celadores e celadoras que se está impoñendo na sanidade galega e de xeito moi evidente no hospital Álvaro Cunqueiro.