moción protección patrimonio. novembro 2016

23 de Novembro de 2016

(Esta moción recolle a proposta feita polas/os traballadoras/es de arqueoloxía, sobre a conservación dos xacementos arqueolóxicos catalogados)

Dentro dos límites territoriais do Concello de Vigo existen máis de 170 xacementos arqueolóxicos catalogados, e polo tanto, suxeitos a protección legal e urbanística. A Lei 5/2016, de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia establece unha correspondencia de colaboración entre a administración autonómica e as corporacións locais, para adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se viran ameazados (art. 3.2) Deste xeito, os concellos teñen a súa responsabilidade á hora de conservar os bens arqueolóxicos presentes dentro dos seus territorios

Pero, a maiores de calquera consideración legal, a administración local ten que achegarse ao patrimonio cultural abordándoo como unha gran oportunidade, non como un problema que ten que resolver vía lexislación e regulamentos.

O patrimonio é unha arma cargada de futuro. Vigo non pode permitirse o luxo de desdeñar o seu patrimonio cultural –e dentro del o patrimonio arqueolóxico-, xa que é unha gran oportunidade para a cidade.

O actual modelo económico de Vigo claramente aposta polo sector industrial, e esta infraestrutura socioeconómica da cidade está exposta a vaivéns conxunturais: calquera industria, calquera sector produtivo pode quebrar. O noso patrimonio cultural non. É unha materia prima de carácter público, que se pode transformar nun produto cultural (entendéndoo non só dende unha óptica económica, senón tamén social, educativa, didáctica,…), que supoña unha alternativa e/ou complemento ao tecido económico tradicional da cidade .

Para elo, é necesario en primeiro lugar conservar os nosos bens, para en fases posteriores, abordar a súa recuperación.
Nos últimos anos, dende o Concello de Vigo se están a desenvolver iniciativas de valorización do patrimonio municipal (Castro de Vigo, vila romana de Mirambell, áreas etnoarqueolóxicas,….). Estes traballos, á vez que poñían fin a tempos de esquecemento e degradación, supoñían o inicio dunha nova etapa de ennobrecemento e revalorización do noso patrimonio.

O estancamento dos recursos das administracións destinados á recuperación do patrimonio cultural por mor da actual conxuntura económica non pode derivar nun abandono da recuperación do noso patrimonio arqueolóxico. Quizais non é o momento de seguir creando infraestruturas culturais, pero si é ineludible asegurar a conservación dos bens arqueolóxicos existentes, creando de paso unha conciencia social da importancia do noso patrimonio. Así, propoñemos a creación dunha brigada de limpeza e intervención sobre os bens arqueolóxicos municipais, que se encargaría de acometer a limpeza de elementos vexetais, entullos e sucidade superficial dos xacementos arqueolóxicos de Vigo. Ademais, tería un valor engadido xa que velarían ante calquera agresión que se puidera estar a acometer nos xacementos –non podemos esquecer que a maior parte deles están no rural-.

Se propoñen unha serie de actuacións sobre a proposta de creación da brigada que as levaría a cabo, que detallamos a continuación:

A brigada encargaríase de actuacións de limpeza e conservación non intrusivas nos xacementos arqueolóxicos, xa foran producidas por axentes antrópicos ou por degradación natural. Dentro das súas competencias poderían estar:
– Limpeza vexetal mecánica, de carácter manual. Usando o material axeitado (desbrozadoras, rastrillos, sachos,…), eliminarían a cuberta vexetal que impide a súa perfecta contemplación, previndo ademais o efecto nocivo dos incendios forestais sobre os bens arqueolóxicos. En casos especiais nos que existira un problema grave de conservación, poderíase contar co apoio dos técnicos dos xardíns históricos do Concello.
– Limpeza no xacemento e no seu entorno, eliminando materiais fora de contexto tales como entullos, refugallos, acumulacións de terras,….
– Puntualmente poderían acometerse traballos de acondicionamento no entorno dos xacementos –sen incidir directamente neles-, encamiñados a mellorar o seu aspecto e a percepción polo público (reparación e acondicionamento de valados, accesos, sinalizacións, …).
En todos os casos, a rigorosidade e a meticulosidade estarían sempre presentes. Actuaríase baixo os preceptos do Decreto 199/97, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, e cada unha das actuacións quedaría reflectida en fichas sistematizadas elaboradas ao respecto: documentaríase o antes, os procesos de limpeza e conservación, e o aspecto final.

ACORDO

Creación dunha brigada municipal dependente da área de patrimonio histórico que cumpra cos obxectivos anteriormente expostos.