moción redacción novo pxom e outros acordos. febreiro 2016

4 de Febreiro de 2016

A anulación por parte do tribunal supremo do PXOM aprobado en 2008 pola falla de motivación da inaplicación do non sometemento do mesmo á AAE (Avaliación Ambiental Estratéxica) pon de manifesto a enésima improvisación do urbanismo da nosa cidade e o sometemento de procedementos legais e de tempos ás necesidades electorais ou propragandísticas dos diferentes gobernos de unha e outra cor á fronte do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia.

Mais aló de futuribles consecuencias tanto xudiciais como económicas que esta anulación poida traer á cidade de Vigo, a realidade é que proxectos transcendentes para a cidade ou para actores económicos ou institucionais aos que o PXOM anulado daba cobertura, quedan en suspenso ou mesmo en grave perigo de non conseguir sacalos adiante ou aprazalos “sine die” establecendo o clásico “peloteo” entre Xunta e Goberno de Vigo que leva estando presente dende case unha década.

A Xunta de Galicia nunha absoluta improvisación pretendeu durante o proceso de aprobación da lei do solo de Galicia (en trámite de emendas xa superado) promover unha modificación expres do artigo 144 para permitir aprobar de xeito urxente baixo o criterio de “interese xeral” calquera tipo de proxecto urbanístico que non tivese amparo nun PXOM e sen exposición pública e proceso de alegación análogo, algo que AGE dixo por activa e por pasiva que deixaba nunha manifesta inseguridade aos proxectos que, contidos no PXOM anulado, se considerasen importantes (plan parcial de ampliación do polígono de Balaídos, Cidade da Xustiza, estación intermodal).

Finalmente o PP aprobou en solitario a lei do solo e en vez de articular a modificación do artigo 144 como anunciara inicialmente, artellou un proxecto de lei chamado “de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese” que admitido a trámite pola mesa do parlamento o pasado 16 de febreiro será debatida no parlamento e con toda seguridade, aprobada. Este proxecto de lei sigue considerando “prescindibles o período de exposición pública e alegación”, e introduce o criterio de que se contén expropiacións será o concello o “expropiante e beneficiario das mesmas”, algo que entra en contradicción, por exemplo, co criterio do convenio subscrito entre Zona Franca e o Concello de Vigo para a ampliación do polígono de Balaídos, proxecto sobre o que a Marea de Vigo xa se proununciou en contra por entender que hai alternativa.

Sí hai un avance neste proxecto de lei importante con respecto á improvisado intento de modificación expres do artigo 144 da lei do solo xa que, como xa dixo AGE na súa oposición á proposta de modificación, ten que haber trámite ambiental. Neste caso, este proxecto de lei así o considera ao indicar que “se polas súas características o proxecto estivese comprendido dentro do ámbito de aplicación da avaliación do impacto ambiental establecido pola norma vixente, a Consellería competente por razón de materia remitirá tamén o proxecto ao órgano competente para os efectos da tramitación do correspondente procedemento.”. A Xunta “autoenméndase” con respecto a disparatada idea de modificación do artigo 144 e desde Marea de Vigo o valoramos como positivo.

Este proxecto de lei, de todos xeitos, para a Marea de Vigo, non vai establecer en todo caso as garantías xurídicas necesarias para procesos de expropiación mesmo xenera incerteza no que sexan expropiacións de vivendas ao non existir prazos de alegacións.

En datas recentes, Marea de Vigo mantivo contactos con Zona Franca e a dirección da PSA en Vigo que informaron sobre as necesidades urxentes da planta de Balaídos, que quedan “indefensas” ante a anulación do PXOM no que corresponde as capacidades de cambios dentro do perímetro actual da fábrica, feito que é a verdadeira prioridade e que non ten nada que ver coa ampliación da mesma cara Matamá que tiña que ser, en todo caso, recollida nun plan parcial no PXOM anulado, que, despois de máis de 7 anos de vixencia do mesmo, non existía.

Polo exposto, instamos a esta Corporación Municipal a adoptar os seguintes

ACORDOS

1. Instar á Xunta de Galicia a artellar os mecanismos legais e de carácter supramunicipal que permitan as modificacións necesarias no actual emprazamento da fábrica da PSA-PEUGEOT-CITROËN que é a única urxencia real e que permite á compañía estar en posición competitiva dentro do grupo para optar a un novo modelo, seguir tendo dúas liñas de produción e manter, xa que non existe outro compromiso de emprego que o incremente, os postos de traballo existentes na empresa.

2. Instar a PSA a responder ao esforzo que esta cidade fai e crear emprego directo na fábrica xa que dende 2010 perdéronse máis de 5.000 postos de traballo no centro coincidindo esta perda de emprego con anuncios importantes de novos modelos como os que agora voltan a facerse públicos.

3. Iniciar xa sen máis demoras a contratación pública, ou mesmo asumir a mesma dende a xerencia de urbanismo do Concello de Vigo, para a redacción dun novo PXOM que defina modelo de cidade acorde a realidade actual e previsións futuras, participativo e democrático.