moción uso do remanente de tesourería para programas de emprego. setembro 2015

1 de Abril de 2016

Tívose coñecemento, mediante o informe de liquidación do orzamento do Concello de Vigo, que existe remanente positivo na liquidación do orzamento municipal de 2014, por un valor de 74.324.280,18 millóns de euros.

De este remanente consta como consignado 4.767.246,17 millóns para diversas modificacións de crédito, máis de 10 millóns para amortización anticipada de débeda, 3.438.677,38 para compromisos de obras no estadio de Balaidos, e no último pleno, 3.438.677 millóns para sufragar custes dos contratos de limpeza viaria e recollida de Lixo.

Isto segue supoñendo unha existencia de máis de 51 millóns de euros de remanente que compre empregar, ao entender do noso grupo municipal, con prioridade social e de mellora das condicións de vida dos vigueses e viguesas.

Para a MAREA DE VIGO, o principal problema que ten Vigo é o desemprego, e polo tanto o Concello ten que realizar todos os esforzos para paliar esta lacra social na medida das súas posibilidades.

O Ministerio de Facenda e as entidades locais acordaron, na reunión celebrada o día 16 de abril de 2013, no seo da Comisión Nacional da Administración Local, permitir aos Concellos que tivesen superávit no anterior exercicio (2012), destinar este remanente a gasto corrente e investimento. O acordo contemplaba a modificación do artigo 32 da Lei de Estabilidade Orzamentaria, onde se contempla que “o superávit destinarase a reducir endebedamento” para permitir destinar o superávit a gasto corrente e investimentos.

Este é o obxectivo principal que pretende a MAREA DE VIGO, crear emprego, por enriba de calquera outra cousa, e por tanto, do déficit e a débeda. Para salvar ás persoas e non aos bancos, cómpre destinar todos os recursos posibles a plans que palien a situación de desemprego que están a sufrir máis de 28.441 veciños e veciñas de Vigo. Xa non deben existir escusas, nin de leis nin de vontade política, para non pór a disposición dos plans sociais de emprego toda esta cantidade económica para este ano 2015. Non é de recibo que se destine este diñeiro a amortizar débeda cando é moito máis urxente a situación de precariedade e pobreza que sofren miles de persoas.

Concellos en todo o estado destinaron o superávit para gasto corrente e investimentos co fin de crear emprego.

É o momento de afrontar medidas de calado e valentes, que cheguen de verdade á cidadanía e que revertan nesta, a través de plans sociolaborais que flúan en dúas direccións, a de crear emprego e a de mellorar o municipio en aspectos que beneficien a todos e todas.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal de MAREA DE VIGO propón ao Pleno do Concello os seguintes acordos:

  1. Destinar 5 millóns de euros do remanente da Liquidación do Orzamento Municipal de 2014 (que a data de hoxe ascende a 51 millons de euros) para plans sociolaborais de emprego.

  1. Contratar con estes plans ao maior número posible de veciños e veciñas do municipio en situación de desemprego.