mocion setembro 2016. solución do pxom para as familias afectadas e redacción novo plan

29 de Setembro de 2016

O pasado 22 de setembro, curiosamente dous días antes da celebración do proceso electoral autonómico, o consello de goberno da Xunta de Galicia aprobou un decreto polo que se aprobaba definitivamente o Regulamento da Lei 2/2016, do solo de Galicia. O regulamento, tal e como figura no decreto, entrará a en vigor un mes a partir da súa publicación no DOGA.

Dito regulamento pecha o ciclo de aprobación dos mecanismos contidos nesta lei e pon en marcha de xeito análogo a homoxeneización dos conceptos urbanísticos en todos os concellos e unifica regulamentos estatais e autonómicos como o de planeamento e xestión e o de disciplina urbanística. Un regulamento polémico que para a Marea de Vigo artella mecanismos urbanísticos con menor control coa motivación dunha suposta necesidade de axilidade dos trámites administrativos.

Con este regulamento aprobado, os trámites de redacción e aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Urbana son modificados substancialmente así como as categorización dos solos rústicos e os urbanizables onde, por exemplo, suprímese a tradicional do solo urbanizable en solo urbanizable delimitado e solo urbanizable non delimitado.

O regulamento, por exemplo, establece a metodoloxía pola cal o PXOM pode xustificar a súa capacidade máxima residencial e polo tanto os desenvolvementos residenciais propostos, baseando o seu cálculo “nos factores determinantes e característicos de cada concello: crecemento da poboación, número de vivendas existentes, ocupadas e baleiras, tamaño medio do fogar e da vivenda, e outros que o redactor do plan considere de interese para a dita xustificación.”

Non é nin moito menos nin a lei nin o regulamento que a Marea de Vigo nin En Marea no parlamento de Galicia defendería, pero si vai definir (alomenos nestes próximos catro anos) os instrumentos que van regular a redacción e aprobación dun futuro PXOM para Vigo polo que, coa fin de non dilatar máis os traballos para dotarnos dun planeamento urxentemente, os traballos do novo PXOM deberán ser adaptados a esta nova realidade.

Esta nova lei e o seu regulamento permiten entre outras cousas a elaborar un documento estratéxico e un borrador do plan que, por exemplo, sexa concretado sen participación dos sectores sociais e cidadás que poidan ser parte activa do planeamento, mesmo fan do proceso de alegacións un mero trámite administrativo como se un PXOM fose un proceso público menor, algo que Marea de Vigo denuncia, pero que parece ser que non vai ser emendado por este goberno local na nosa cidade.

Namentres, centos de familias que ao abeiro do PXOM do 2008 solicitaran licencias de construción de vivendas unifamiliares, están agora atrapados nun planeamento do 93 que contiña criterios diferentes ao anulado e que agora son vixentes.

Polo exposto, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO

1. Acordar unha fórmula urxente de resolver estes casos de construción vivendas unifamiliares con licencia de edificación solicitada durante o período de vixencia do PXOM anulado sobre as posibilidades que ofreza o vixente do 93.

2. Constituír unha comisión informativa especial de Planeamento que de xeito monográfico siga os traballos de concreción e redacción do novo PXOM e que, ao mesmo tempo, permita ter un documento estratéxico e borrador participado e coñecido pola cidadanía viguesa. Esta comisión emitiría informes de seguimento tanto para o consello da xerencia de urbanismo como para o propio pleno.

3. Esixir á Xunta de Galicia que de acordo co artigo 60.1 da Lei do Solo de Galicia facilite toda a documentación solicitada por este Concello, de xeito coordinado entre os diferentes departamentos autonómicos.