moción sobre aumento violencias machistas. novembro 2022

24 de Novembro de 2022

Excmo. Sr D. Abel Caballero Álvarez

Alcalde-Presidente do Concello de Vigo

Oriana Méndez Fuentes e Rubén Pérez Correa, concelleira e concelleiro do Grupo Municipal Mixto (Marea de Vigo), presentan para o seu debate en Pleno e aprobación, se procede, a seguinte

MOCIÓN POR UN COMPROMISO TOTAL DO CONCELLO DE VIGO NA CONSTRUCIÓN DUNHA CIDADE LIBRE DE VIOLENCIAS MACHISTAS EN TODOS OS ESPAZOS, PÚBLICOS E PRIVADOS.

Pasaron xa algúns días do 25 de Novembro, Día Internacional pola Eliminación das Violencias Machistas, e comezou a apagarse o foco mediático sobre esta cuestión. Non obstante, cómpre permanecer alerta e actuar en consecuencia: son 470 as vítimas contabilizadas polo Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo, un 17% máis que no mesmo período do ano anterior. E, ademais do escenario alarmante que describen os datos, cómpre atender tamén a esa onda violenta da extrema dereita que quere impornos o odio e a regresión, como demostrou a intervención dunha deputada fascista no Congreso dos Deputados contra a Ministra de Igualdade, Irene Montero. Unha intervención inaudita no hemiciclo que debe alertarnos do nivel de indecencia coa que a extrema dereita actúa nas institucións democráticas e no espazo público.

Segundo os datos globais de violencias machistas, cronifícanse e aumentan os casos de violencias de todo tipo. Ademais, un contexto de crise inflacionaria nos produtos básicos e na vivenda favorece escenarios de incerteza social que son caldo de cultivo para numerosas violencias. Porque as desigualdades e a precariedade, tanto no laboral como no social, seguen afectando máis ás mulleres.

A violencia machista, violencia que vai máis aló da violencia no seo da parella ou ex-parella, abrangue toda a violencia que se exerce sobre as mulleres polo feito de selo e tamén sobre os seus fillos e fillas: o 27% das mulleres sufriu nalgún momento violencia machista, verbal ou física.

1.165 mulleres foron asasinadas no no Estado español dende o 1 de xaneiro de 2003, data na que comezan a contabilizarse os asasinatos de mulleres vítimas de violencia de xénero, e 35 no que vai de ano. Os feminicidios cometidos fóra da parella ou ex-parella foron 19 no que vai de ano. O número de menores que quedaron orfos por esta violencia ascende a 24 en 2021 e a 361 desde 2013, data na que se inclúen os datos como vítimas de violencia de xénero.

Os casos activos de violencia de xénero no Estado, segundo VIOGEN (sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero), son 74.488 a 31 de agosto, un 10,96% máis que en 2021. O número de mulleres que viven coa protección policial por risco de violencia machista ascende a 42.657, o que supón un 17,84% máis que o ano pasado. O número de vixilancia por medios telemáticos (pulseiras) activo a finais de agosto é de 2.935, un 20,09% máis que en 2021. As chamadas ao 016 en agosto foron 10.415, un 33,83% máis que no mesmo período de 2021. O servizo telefónico de atención a vítimas de violencia de xénero (Atempro) rexistrou 872 chamadas no mes de agosto, o que supón un incremento do 7,26% con respecto a 2021.

Ademais, o sistema VIOGEN tamén inclúe casos activos de menores con sistema de vixilancia de violencia de xénero, que a 31/01/2022 ascendían a 5.691.

Se atendemos aos casos de Vigo: no primeiro semestre de 2022, superouse o número de denuncias con respecto aos tres anos anteriores. Case tres mulleres maltratadas denunciaron diariamente. Son 470 as vítimas contabilizadas polo Xulgado de Violencia contra a Muller de Vigo: un 17% máis que no mesmo período do ano anterior. E, ademais, dende xaneiro a xuño de 2022, os datos dos que dispomos rexistraron xa 28 denuncias por violencia de xénero continuada no entorno de parellas ou ex-parellas, tendo en conta ademais que son consideradas as máis custosas para as mulleres por levaren, precisamente, padecéndoa longo tempo.

A violencia machista non é un problema privado, é un problema estrutural, unha violación dos Dereitos Humanos. Por iso, as institucións non poden tolerar a negación ou a invisibilidade desta cuestión porque iso implica deslexitimala e perpetuala. As institucións, comezando pola máis próxima, o Concello, debe deseñar políticas dotadas de recursos para dar respostas reais ás nosas veciñas.

Por todos estes motivos, é urxente poñer en marcha e afondar nas actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar medidas e políticas igualitarias nesta situación de crise multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental reconsiderar os nosos servizos públicos que, feridos de morte, non poden atendernos nin garantir os nosos dereitos e protexer a nosa vida. Precisamos unha aposta clara pola ampliación dos recursos e a reestruturación do público e do común.

Estamos a vivir un colapso de servizos legais, sociais e sanitarios precarios e recortados xa antes da crise do Coronavirus. Cómpre resolver con urxencia o acceso, ampliación de prazos, dereitos e medidas de protección das mulleres que obteñan a acreditación como vítimas de Violencia de Xénero. A vixencia de dous anos para todas as accións (sen estimar tempos diferentes para diferentes accións) non abonda con que unha muller reconstrúa a súa vida e poida acceder aos diferentes recursos previstos pola lei, en materia laboral, formativa (como oposicións) e outras medidas de apoio social e laboral.

E, finalmente, preocúpanos que, segundo un estudo elaborado polo Centro Reina Sofía de Adolescencia e Xuventude do FAD, a porcentaxe de mozos (de 15 a 29 anos) que negan ou restan importancia á violencia de xénero segue a medrar e un de cada cinco (20%) nega que exista. En 2019, esta porcentaxe foi do 12%. Algo preocupante xa que vai acompañado de que un 18,1% dos nenos e un 12% das nenas normalizan mirando o móbil da súa parella, unha forma de control que máis sofren as mulleres en parella. Ademais, 3 de cada 10 rapaces consideran que unha parella limita a liberdade e o 28% deles cre que os celos son unha proba estándar de amor. Unha realidade que require unha educación sexual afectiva que permita superar os mitos do amor romántico e establecer relacións máis saudables e horizontais.

Polo exposto, o Grupo municipal mixto (Marea de Vigo) presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes:

ACORDOS

PRIMEIRO: Instar ao Goberno municipal a reforzar as medidas contra as violencias machistas, aumentando necesariamente o orzamento destinado á sensibilización e loita contra as violencias de xénero.

SEGUNDO: Instar ao Goberno municipal á instalación de “Puntos Violetas”, cumprindo o aprobado no Pleno do Concello a iniciativa deste grupo municipal. Constitúen unha ferramenta fundamental para ofrecer, no espazo público de Vigo, información, acompañamento e primeira atención a calquera muller que poida vivir un episodio de violencia machista.

TERCEIRO: Instar ao Goberno municipal a desenvolver protocolos de actuación concretos, especialmente contra as violencias machistas en celebracións multitudinarias no espazo público e tamén contra os acosos e as agresións sexuais en espazos de ocio nocturno privados.

CUARTO: Instar ao Goberno municipal a avaliar, mediante un informe de impacto de xénero, os programas de recuperación económica para a cidade, co obxectivo de incluír os factores de corrección necesarios para evitar o aumento dos desequilibrios de xénero existentes.

QUINTO: Instar á Xunta de Galicia o aumento dos recursos económicos destinados á loita contra as violencias de xénero nos orzamentos de 2023, chegando a destinar cando menos o 1% do total dos orzamentos.

SEXTO: Instar á Xunta de Galicia a ampliar a rede de Centros de Información ás mulleres para garantir a cobertura territorial, especialmente desatendida nas comarcas que carecen deste servizo ou na nosa cidade, onde é insuficiente; así como a aumentar a dotación dos medios humanos e materiais.

SÉPTIMO: Instar ao Pleno do Concello de Vigo a condenar os gravísimos insultos e ataques machistas vertidos nestes meses en sede parlamentaria contra a Ministra de Igualdade, Irene Montero, e o resto de mulleres que están a desempeñar o seu traballo no Ministerio de Igualdade e organismos de el dependente.

En Vigo, a 24 de novembro do 2022.