setembro 2017. moción sobre a situación dos servizos de xuventude

30 de Agosto de 2017

 

Casa-da-Xuventude-1

As políticas para mozos e mozas sempre tiveron un oco importante nas programacións culturais e lúdicas, na prestación de servizos esenciais e mesmo nas partidas orzamentarias dos diferentes gobernos locais que pasaron pola nosa cidade. As situacións de desemprego e precariedade laboral, os problemas de dotacións educativas, ou mesmo de problemas sociais derivados da lacra das drogo-dependencias nos 80 e 90 obrigaron a dotar á cidade de programas e espazos informativos para evitar a cronificación da exclusión social xuvenil que ameazaba aos nosos barrios.

Curiosamente é nestas lexislaturas recentes nas que gran parte deste patrimonio e traballo multidisciplinar en políticas de xuventude está a ser desmantelado de xeito inexplicable. Fai una anos liquidouse o exitoso programa Súbete ao Castro, que xerou numerosas queixas de usuarios e que, pese ao anunciado polo concello, de ser substituído por outro programa análogo, non existiu nin existe programa parecido dentro da esclerótica programación xuvenil programada dende entón. Algunha dela foi pretendidamente derivada ao Auditorio Mar de Vigo pero resultou un rotundo fracaso e soamente tivo retorno positivo para algunhas empresas contratadas para tal fin.

Na casa da Xuventude actualmente seis traballadoras da empresa concesionaria que en 2013 gañou o concurso, realizan unha función imprescindible para o colectivo de mozos e mozas da nosa cidade: Punto de información xuvenil, xestión dos campamentos de verán, asesoramento laboral, tramite de becas, información de tempo libre e voluntariado, mesmo xestións administrativas de programas como o Camiño a Camiño que non é esencialmente un programa de mocidade.

A principios de a empresa notificou aos traballadores a apertura dun expediente de regulación de emprego de extinción dos seis contratos ao ter constancia por escrito do concello de que “o servizo se extingue e non vai a prorrogarse nin vai ser aberto un novo concurso para realízalo”. Dende o 31 de agosto no edificio da casa da xuventude so desempeñan traballos administrativos tres empregados municipais que teñen, ademais, que atender ao usuarios que anteriormente asistían as seis traballadoras da concesionaria, recursos que están sendo insuficientes e minguan de xeito evidente o nivel de servizo.

A xefa de servizo, unha técnica y un auxiliar administrativo non poden suplir o traballo de seis persoas formadas e con experiencia en servizo de atención á mocidade e desenvolvemento de programas xuvenís, tendo como resultado unha completa improvisación, onde toda a actividade que se viña desenvolvendo estase limitando a anotación nunha listaxe de todas as persoas que acoden alí para demandar calquera dos servizos que se estaban ofrecendo ata o 31 de agosto, xunto cunha solicitude cursada polo Goberno Municipal á FEMP para a subvención da contratación dunha persoa técnica, sendo estas as únicas accións vinculadas á Casa da Xuventude e Punto Xove que se están a levar a cabo desde o Goberno Municipal dende o 31 de agosto, descoñecéndose toda información sobre o futuro de tales servizos.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguinte

ACORDO

. Sacar a concurso de xeito inmediato a xestión dos servizos que se viñan desenvolvendo na casa da Xuventude e Punto Xove ate o 31 de agosto, establecendo no prego a subrogación do cadro de persoal que o viña desenvolvendo coa concesionaria anterior.
. Recuperar nas instalacións do Castro o programa SÚBETE AO CASTRO co seu espírito orixinario, recuperando tamén proxectos técnicos e programas que tiñan unha valoración importante por parte dos usuarios e usuarias