moción subrogación traballadorxs aparcadoiros porta do sol e pza de portugal. decembro 2015

4 de Abril de 2016

Despois de deixar nunha situación de incerteza as sete familias das e dos traballadores do aparcadoiro da Porta do Sol o pasado 1 de outubro, cando atoparon pechada a porta do seu centro de traballo, atopámonos co cadro de persoal do aparcadoiro da praza de Portugal na mesma situación.

A empresa, tal e como a lexislación vixente indica no convenio colectivo de aplicación e no estatuto dos traballadores, en ambos casos, entregou a documentación referente ó cadro de persoal á entidade responsable de asumir o mesmo, e dicir, o Concello de Vigo; que fixo caso omiso das súas obrigas; agravando así a problemática causada a este colectivo ó non facerse cargo das e dos traballadores dos aparcadoiros.

Non se podía facer peor. No caso da Porta do Sol, rematada a prórroga da concesionaria, este concello non tiña nin aberto o proceso para a nova adxudicación, e no caso da Praza de Portugal, aínda se está agora no proceso de adxudicación, cando, neste caso, as prórrogas foron múltiples, tendo máis que tempo suficiente para prever esta situación.

E que as dimensións do problema non son pequenas, posto que, partindo da base de que este concello a través da concelleira responsable da área, Ángeles Marra, leu algunha vez o convenio colectivo aplicado ás e ós traballadores dos servizos que xestiona a súa área, é moi grave que, sendo conscientes do seu texto referente os prazos para o dereito á subrogación, estén xogando deste xeito coa vida destas persoas. Esperamos que non o utilicen como excusa a hora de facerse responsables; Posto que actualmente este Concello atópase demandado no xulgado do social pola problemática exposta.
Polo exposto, en base o convenio colectivo de aplicación, o artigo 44 do ET, o acordo plenario do 12 de xuño de 1996 onde se aprobou por unanimidade a imposición da subrogación en dereitos e obrigas coas novas adxudicatarias dos servizos municipais, a resposta da concelleira responsable á pregunta que lle fixo este grupo municipal no pasado pleno, e considerando que as e os traballadores destes servizos non deben ser quen de asumir os erros e malas xestións das entidades públicas responsables, ademáis de considerar que a solución a este problema é unha cuestión máis de vontades que de lexislacións aplicables, instamos a esta Corporación Municipal a adoptar o seguinte

ACORDO

Asúmase e garántase por parte desta Corporación Municipal que os cadros de persoal dos aparcadoiros da Porta do Sol e Praza de Portugal serán subrogados en obrigas e dereitos, conservando o adquirido durante os anos nos que levan traballando nos servizos, con independencia do tempo que se tarde nas novas adxudicacións en ambos aparcadoiros.