moción ttip. abril 2016

4 de Abril de 2016

A Comisión Europea iniciou a negociación cos Estados Unidos (EEUU) para o desenvolvemento do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (en inglés TTIP) en 2013. Desde entón, a UE e EEUU están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia, a soberanía e a debida protección dos dereitos humanos e a natureza, antepondo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.

O TTIP inclúe medidas para a protección dos investidores a través de Mecanismos de Arbitraxe InversorEstado (ISDS) que establecerán compensacións económicas dos
estados aos investidores cando se reduzan os beneficios futuros dunha compañía (aínda que isto implique a desprotección de dereitos laborais ou da natureza), e onde, ademais dos altos custos, as decisións son firmes e non poden ser apeladas.

Á cidadanía interésalle que os servizos públicos sexan eficientes para asegurar unha boa calidade de vida. O Tratado de Lisboa concede aos Estados Membros da UE a competencia para definir e organizar os servizos do interese xeral. En contraste con iso, os acordos comerciais implican a miúdo o risco de restrinxir as políticas públicas con “cláusulas freo”, especialmente no campo dos servizos públicos.

Calquera clase de acordo, incluíndo a contratación pública debe conducir a aumentar as garantías e non a reducilas. O TTIP non debe, á súa vez, pór en perigo os aspectos
progresivos da lei de contratación pública da UE, xa que estes permiten que se realicen as contratacións públicas, tendo non só en conta o prezo senón tamén outros aspectos como os ambientais e os sociais.

O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación dos mesmos ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos e compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades, así como promocionar a industria, emprego e iniciativas locais.

Deste xeito, as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social, e ignoran calquera lexislación continental, estatal, nacional, rexional ou local. As comunidades atópanse dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e as políticas de libre comercio e de protección do investidor.
Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para fornecer os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.

As cidades e os municipios europeos recoñecen a importancia do comercio de mercadorías e de servizos para o benestar da cidadanía. Con todo, a competitividade e o desenvolvemento económico non deberían ser os únicos criterios para determinar os acordos comerciais tales como o TTIP. Así mesmo, os aspectos ecolóxicos e sociais teñen que ser considerados en calquera negociación comercial bilateral.
As Administracións Locais:

● ao estar preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de inxerencia e de
resposta respecto do que planea o TTIP, se non queren ser corresponsables de
poñer ás persoas e ao planeta en perigo.

● sendo as canles adecuadas para promover os servizos públicos e a industria e
emprego locais, esfórzanse para a súa promoción como resposta ao interese común.

● están obrigadas a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e,
conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección
da cidadanía.
As colectividades locais desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este Tratado e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:

● o comercio e o investimento soamente poden contribuír ao ben común e conducir a
intercambios económica e socialmente beneficiosos se respecta as necesidades
humanas en todo lugar, e non se basea no beneficio dos especuladores financeiros
e das empresas multinacionais.

● a eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a
eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia.

● a apertura máxima dos servizos e as compras públicas á competencia produce
efectos contraproducentes en canto á súa accesibilidade, a súa calidade e o seu
custo.

● os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.

● só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles, permite
asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas partes, en estreito nexo
co exercicio real da democracia.

● o control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á
creación de novos servizos públicos, así como para favorecer a industria e emprego
locais.
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal da Marea de Vigo somete á consideración do Pleno do Excmo. Concello de Vigo os seguintes

ACORDOS:

1. Declarar ao Municipio de Vigo como “ Municipio oposto ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (en inglés TTIP)”, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social.

2. Solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno de España o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles.
3. Solicitar do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España a suspensión das negociacións do TTIP e outros acordos comerciais similares, coa finalidade de conseguir que:

● mecanismos como o ISDS ou similares non sexan incluídos neste nin en ningún outro Tratado.

● se defenda a actual política reguladora da UE e dos seus estados membros, de xeito que non se perdan competencias en materias de lexislación social, protección ao consumidor e medio ambiente.

● o Tratado non se limite a obxectivos meramente económicos e que lle dea a mesma importancia e consideración aos obxectivos sociais e aos ambientais.

● se termine a actual falta de transparencia das negociacións, se faga pública toda a información e se abra un debate público na UE e nos seus respectivos parlamentos nacionais.
● os servizos públicos e a propiedade intelectual sexan excluídos do Tratado.