moción urxente xullo 2015. hospital público 100%

31 de Marzo de 2016

A Consellería de Sanidade adxudicou un contrato de 1.300 millóns de euros á Sociedade Concesionaria do NOVO HOSPITAL DE VIGO S.A. para proxectar, construír e explotar os servizos do hospital. O proxecto público custaba 400 millóns.

O novo hospital segundo a consellería tería 1.465 camas que engadidas ás 422 do Meixoeiro e as 117 do Nicolás Peña farían un total de 2.004 camas.

A realidade é ben distinta, o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e no Nicolás Peña a 68, polo que disporemos 1.260 camas, é dicir 744 camas menos das prometidas e anunciadas.

A cambio dun hospital novo privatizado e recortado en tamaño e servizos, pechan o Hospital Xeral, o Cíes, o Rebullón e os Centros de Especialidades de Coia e Doblada, mantendo o concerto con Povisa.

Como consecuencia teremos menos sanidade pública e máis negocio para a sanidade privada. Farán negocio con todo incluíndo un novo copago, o parking de pago para usuarios e traballadores, sen teren articulado un sistema de transporte público, en condicións de equidade, que sexa unha alternativa real ao uso do vehículo privado.

Coa privatización e recorte de camas, desaparecen e precarizan moitos postos de traballo e como consecuencia darase un peor servizo á cidadanía.

Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

  • Demandar da Xunta de Galicia a posta en marcha dun hospital 100% público, para o conxunto da cidadanía da Área Sanitaria de Vigo, con tódolos servizos, incluído o Laboratorio Central, e coa capacidade e recursos materiais e humanos suficientes para dar resposta ás necesidades presentes e futuras da nosa área sanitaria.

  • Demandar das autoridades competentes no transporte, a adopción de medidas que permitan establecer unha rede de transporte público especifico para o acceso aos Hospitais da nosa área sanitaria, especialmente ao Novo Hospital. Esta rede ten que garantir un sistema de transporte coordinado e intermodal, máis alá dos concellos onde residan as usuarias e usuarios, sexa na área metropolitana ou fora dela.

  • Apoiar, como Corporación Municipal a manifestación convocada pola Xunta de Persoal do SERGAS e co apoio de SOS Sanidade Pública, que se celebrará o día 3 de setembro, data na que pechará o Hospital Xeral, ás 8 da tarde desde diante das urxencias do H. Xeral, na rúa Pizarro en Vigo.