moción uso sanitario do xeral. novembro 2015

4 de Abril de 2016

A Marea de Vigo, despois de reunirse co colectivo de afectad@s polo peche do Hospital Xeral,( aínda que afectad@s por ese peche nesta cidade somos toda a veciñanza), e escoitando a información concreta que estas persoas nos facilitaron como por exemplo o despedimento de varias empregadas e empregados, tanto do aparcadoiro que está preto do hospital como de varios establecementos ( unha floristería , unha ortopedia, cafeterías, etc.) tendo algúns destes negocios mesmo que pechar, chegouse á conclusión de que, como xa era de esperar, o afastamento do NHV do centro está a dar como resultado que Vigo conte con moita menos xente nas súas rúas que viña dos concellos da contorna, o que conleva unha perda moi importante de movemento comercial.

Calculan en 600 os postos de traballo que xeran os arredor de 200 locais que rodean o hospital e que agora están en perigo ou que xa tiveron que pechar.

Xa sabemos que esta realidade non é inocente e que non pasa isto de casualidade, o NHV non se fixo para facilitar a vida das persoas que teñen que utilizalo senón que se fixo co ánimo de favorecer aos comercios ( entre outros lucros) que alí se pensan instalar, xa se decatan disto quen se manifesta en contra da súa xestión ” isto é un hospital non un centro comercial”.

Existe a posibilidade de que se produzan desperfectos ou roubos no edificio, como está a pasar no edificio do Colexio San Rosendo no que xa tiveron que acudir os bombeiros en tres ocasións, sucedeu tamén que xa entraron a roubar no laboratorio do hospital, polo que ven a urxencia de pór un servizo de vixilancia na zona.

O edificio podería acoller centros de atención primaria, planificación familiar ou alta resolución, servizos de urxencias extrahospitalarias, rehabilitación ou cirurxía maior hospitalaria.

Este uso, serviría para garantir a superviviencia dos establecementos comerciais dos arredores, mellorar a actividade económica da cidade e evitaría o deterioramento urbano da zona, que por certo, segundo este colectivo está bastante abandonado, non facéndose remodelacións importantes dende hai alomenos 30 anos.

Polo tanto, solicitamos se tome o seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a que manteña o uso sanitario do Hospital Xeral de Vigo, co obxecto de mellorar os servizos da cidade e reactivar a actividade na zona e a esta corporación municipal a que asuma as competencias que ten o respecto, tomando as medidas que poidan resolver a problemática da mellor forma posible para que a veciñanza de Vigo non se vexa afectada por esta situación.