moción xaneiro 2017. polas persoas refuxiadas e rexeitamento acordo turquía/ue

30 de Xaneiro de 2017

(Esta moción e o seu contido a demanda da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas)

O día 9 de maio celébrase o día de Europa. A data conmemora o día no que Robert Schuman, Ministro francés de Asuntos Exteriores, leu a Declaración que leva o seu nome e que sentou parte das bases do que hoxe é a Unión Europea cinco anos despois da finalización da II Guerra Mundial.

“A paz mundial non pode salvagardarse sen uns esforzos creadores equiparables aos perigos que a ameazan” ou “Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que cren en primeiro lugar unha solidariedade de feito” son frases desta declaración.

Case 70 anos mais tarde, vivimos a peor crise de persoas desprazadas desde a II Guerra Mundial. Esta é unha crise de humanidade e de solidariedade. Unha barbarie. Unha sucesión de conflitos armados, guerras e inxerencias externas que ameazan con dexenerar aínda máis se non se toman medidas urxentes.

É a constatación dun modelo errado de xestión migratoria e dunha Europa vergonzosa, moi afastada dos seus valores fundacionais e da cidadanía á que representa.

Máis 60 millóns de persoas seguen saíndo das súas casas en países como Siria, Afganistán, Iraq, Palestina, Eritrea, Nixeria ou Somalia para fuxir da guerra, da fame ou da violencia sexual. Escapan de conflitos provocados por intereses xeoestratéxicos e económicos que promoven o espolio de riquezas e a venda de armas. O Mar Mediterráneo e as fronteiras europeas seguen sendo as fosas comúns nas que miles de persoas perden as súas vidas: máis de 4.000 en 2015; 400 a pasada semana. Seguimos vivindo con absoluto desconcerto a “perda” de máis de 10.000 nenos e nenas en mans das redes de trata. Tamén, os abusos sexuais de centos de mulleres refuxiadas.

Mentres tanto, os gobernos europeos actúan dun xeito inmoral que lembra perigosamente a tempos pasados.

O pasado mes de setembro a Unión Europea comprometeuse a acoller a máis de 120.000 persoas refuxiadas, 17.000 no Estado español. En cambio, no Estado español só se acolleron 12 persoas ata agora.

Todo isto contrasta coa vontade da cidadanía europea. As mobilizacións cidadás a favor dos dereitos da poboación refuxiada e desprazadas, así como os datos dos últimos Eurobarómetros, son boa mostra de que, de novo, a cidadanía está moi por encima de quen goberna (o 85% da cidadanía do Estado español e o 65% da cidadanía europea está a favor de axudar ás persoas refuxiadas segundo os datos do Eurobarómetro de febreiro).

O último, e máis infame, chega agora co acordo entre a Unión Europea e Turquía, o xa coñecido como acordo da vergoña. O acordo entre a UE e Turquía aproba a expulsión das persoas que chegan a Grecia a Turquía, sen importar a súa idade, a súa nacionalidade, as súas circunstancias persoais ou o motivo que lles obrigou a fuxir do seu país. O acordo é inmoral e tamén ilegal, a súa aplicación práctica vulnera a normativa europea e internacional e supón un risco para a vida de moitas persoas refuxiadas.

Tal é o caso que a propia Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) decidiu denunciar o acordo UE-Turquía ante a Comisión Europea, O Consello de Europa e O Defensor do Pobo Europeo pola vulneración dos dereitos das persoas refuxiadas.

Polo exposto, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguinte

ACORDO

A. Realización dun acto simbólico en rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía e en recoñecemento das persoas que perderon a vida nas nosas fronteiras baixando a bandeira a media hasta.

B. Instar ao Goberno a tomar as medidas necesarias, mostrando o mais firme rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía, co obxectivo de garantir:

1. Rutas legais e seguras sen condicións.
É necesaria unha alternativa humana, legal e responsable, baseada no reasentamento incondicional de persoas refuxiadas cun número de prazas suficientes e nunha vontade política dos países da UE para que o sistema de recolocación respecte os dereitos humanos.

2. O cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e lexislacións europeas en materia de asilo e refuxio. As persoas solicitantes de asilo teñen dereito a procedementos de asilo individualizados e con todas as garantías.

3. O respecto dos dereitos humanos nas fronteiras e garantía na protección das persoas, en especial ás menores e as máis vulnerables.
Una de cada tres persoas que están a chegar a Europa son menores, a maioría das cales se atopan sen escolarizar. Tamén as mulleres sofren de maneira especial esta crise ao estar expostas ao acoso, á explotación e á violencia sexual durante a viaxe e, tamén, ao chegar a Europa. A Convención dos Dereitos da Infancia é moi clara en relación coa protección especial que deben ter as menores refuxiadas ou que soliciten asilo.

C. Asumir as medidas recollidas nas demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas e instar a que os outros niveis de goberno tamén o asuman, sendo estas:

Facilitar o empadroamento das persoas refuxiadas que cheguen ao municipio e facilitar os trámites ás persoas que xa o solicitaron.
Poñer a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc.
A posta en marcha programas de formación dirixido ao persoal das administracións públicas que atenden en distintos servizos a persoas migrantes e refuxiadas.
Interlocución entre as diferentes administracións: estatal, autonómica e local. Que as organizacións sociais e os concellos traballen conxuntamente, man a man, na posta en marcha de campañas de sensibilización dirixidas á poboación para combater os discursos racistas e xenófobos.
Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español e que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficinas de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.
Unha maior sensibilidade á hora de dar resposta ás persoas que poden acceder ao sistema de acollida porque está colapsado (en lugares como Madrid tárdase un mínimo de 4 meses en obter unha cita).
Recuperar os fondos de cooperación ao desenvolvemento e os programas de atención á poboación de orixe estranxeira previos aos recortes, o cal contribuirá a mellorar a situación nos países de orixe e a construír unha sociedade xusta e cohesionada.
Que se actúe sobre os problemas de orixe: adoptando medidas para loitar conta a desigualdade, reducir a pobreza e previr os conflitos armados nas zonas de orixe; cumprindo rigorosamente co Tratado de Comercio de Armas; e garantindo que as políticas comerciais, económicas e diplomáticas respecten os dereitos humanos e os recursos locais e que as empresas transnacionais non esquilmen os recursos dos países de orixe e cumpran as leis de transparencia e fiscalidade.
Fomentar que se revise en profundidade a política migratoria e exterior europea.