moción xaneiro 2019. moción pola urbanización do vial de pereiró.
Por Marea de Vigo


A situación das beirarrúas e o entorno do treito inicial da PO-330 (Avda de Castrelos) é unha clara mostra da desigualdade entre os barrios da nosa cidade en canto ao estado das infraestruturas e a dotación de mobiliario urbano, como é o caso da iluminación pública.
Esta situación, entre outros factores, ten moito que ver coas competencias das diferentes administracións que actúan nesa zona e os moitos anos que a definición ou a toma de responsabilidades das mesmas está demorando, mantendo á veciñanza e aos/ás comerciantes a vivir nun barrio onde polas noites apenas hai luz porque non hai espazo para colocar un farol, ou a beirarrúas tan estreitas que nin unha cadeira de rodas nin un carro de bebé poden pasar por elas.
A Asociación de Comerciantes de Pereiró (ACOPE) leva máis de 5 anos denunciando esta situación, e solicitando, tanto na Xunta coma no Concello de Vigo, a realización das xestións necesarias para clarificar as competencias de cada Administración sobre os terreos que ocupa o treito inicial da PO-330 (Avenida de Castrelos) para que sexa posible executar as obras de urbanización que precisa o barrio. A propia asociación xa se ten reunido co Goberno local de Vigo, e este ten asumido compromisos cara a darlle unha saída cara a corrixir as deficiencias, mais, ao non estar aínda cedido o vial cara ao Concello, as obras non poden realizarse.
É preciso por tanto que, por unha banda, a Xunta comece xa a redacción do convenio para a cesión do vial, e o Concello se comprometa a levar a cabo, de ser necesarias, as expropiacións que correspondan, deixando de escudarse ambas administracións nestas cuestións, que só amosan unha clara falta de vontade, ningunha das dúas Administracións implicadas teñen feito acción ningunha que implique solucionar o problema, mantendo este barrio en condicións lamentables.
Marea de Vigo tamén quere incidir na idoneidade dos fondos EDUSI para a súa aplicación neste ámbito, cumprindo os requisitos en materia de mobilidade sostible, accesibilidade nos barrios, así como outras fórmulas de inversión sostible que conteñen estes fondos europeos.
Polo exposto, e en base o artigo 35.2 do Regulamento Orgánico do Pleno, instamos a esta Corporación municipal a tomar os seguintes
ACORDOS:
1 – Instar á Xunta á cesión do vial ao Concello e á sinatura dun Convenio para a urbanización completa nunha sola actuación.
2 – Adicar unha parte dos fondos EDUSI nesta actuación , por cumprir correctamente cos requisitos en canto á accesibilidade no barrio.
3 – Realizar un estudo de mobilidade para os viais da zona ante a alta densidade de tráfico actual xerado por ser unha vía de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro.