moción xaneiro. pola retirada do proxecto de modificacion da lei de saúde de galicia

31 de Xaneiro de 2018

Moción para solicitar a retirada do proxecto de modificación da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia e en apoio ás mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS  Sanidade Pública para tal fin.

A Lei de Saúde de Galicia do ano 2008, estableceu as normas polas que se ten que rexer o Sistema Sanitario Público de Galicia. Esta Lei contempla unha Sanidade Pública, Universal, Gratuíta e de Calidade, tal e como manda o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Constitución do Estado Español. Agora a Xunta pretende cambiar esta Lei mediante un proxecto que:

1.- Reduce a participación social na xestión e control do sistema

Cambia a composición dos órganos de participación e súas funcións dos mesmos. Esta modificación faría imposible o control previo e a aprobación do Plan Galego de Saúde, os contratos de servizos, os concertos co sector privado, subvencións, memorias anuais, orzamentos, prestacións sanitarias e carteiras de servizos.

Tamén modifica a composición e funcións do Consello de Saúde de Área e crea un novo Consello Asesor de Pacientes, deixando pendente a regulación da súa composición e funcionamento, responsabilidade que traslada ás Xerencias de Área sendo a propia Consellería de Sanidade quen elixirá ademais quen poderá participar no mesmo. O Proxecto e suprime o artigo 25 (apartado 5.d) que establecía que “ o Consello e Saúde debería coñecer os contratos de servizos sanitarios, concertos e subvencións na área sanitaria”.

2.- Reduce as Áreas Sanitarias e mantén as Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS)

Reduce as actuais Áreas Sanitarias de 11 a 7 coa intención de equiparar as mesmas ás Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIS), creadas para suprimir as Xerencias de Atención Primaria (AP) que foron absorbidas polos hospitais. De este xeito a AP quedou sometida á hospitalaria perdendo orzamento e autonomía, polo que o sistema sanitario volve ao modelo curativo (reparación do dano) en detrimento da promoción e prevención, moito máis racional e eficiente para a saúde da poboación.

3.- Desmantela e recorta os recursos dos hospitais comarcais, que achegan a atención hospitalaria á poboación rural afastada dos grandes hospitais.

Preténdese eliminar as Áreas Sanitarias de Monforte, A Mariña, Barco de Valdeorras e o Salnés, polo que os hospitais das mesmas pasarían a depender dos hospitais das Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS) de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo. As áreas dos hospitais comarcais se transforman en Distritos Sanitarios que son estruturas territoriais de menor rango, capacidade de xestión, orzamento e recursos.

4.- Mantén e consolida a selección das/os traballadoras/es sanitarios por libre designación, en lugar de por coñecemento, mérito e capacidade demostrada en probas, exames e concursos.

Esta decisión perpetúa a arbitrariedade e o “enchufismo” na contratación do persoal sanitario, en detrimento da calidade da atención, da equidade e da xustiza.

5.- Consolida a privatización de formación, investigación e innovación do sistema sanitario público galego. Mantén e amplía a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, parasitada por laboratorios e empresas tecnolóxicas e fondos de investimento internacional. Deste xeito o SERGAS financiará e poñerá os seus centros, profesionais, equipamento e pacientes ao servizo da experimentación de laboratorios, multinacionais e fondos de investimento, que farán grandes negocios cos resultados da mesma: O SERGAS pagará a investigación e as multinacionais comercializaran os resultados. Preténdese por o Sistema Sanitario Público ao servizo do desenvolvemento empresarial, en lugar de garantir a saúde da poboación.

Debemos ser conscientes de que está en xogo a Sanidade Pública que ata agora protexeu o ben máis importante que temos como é a saúde. O sistema Sanitario Público e algo que conseguimos entre tod@s coa democracia. Si deixamos que o privaticen, as xeracións futuras non nolo perdoarán.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede as seguintes propostas de

ACORDOS:

1.- Instar á Xunta á retirada do Proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde

2.- Instar á Xunta a apertura dun proceso de debate e negociación participativa para:

– Manter e reforzar os hospitais comarcais para garantir a asistencia sanitaria a toda a poboación en condicións de igualdade.

– Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, que recupere a súa autonomía e capacidade resolutiva, para promover e previr a saúde da poboación.

– Desenvolver e potenciar a formación, investigación e innovación con recursos públicos.

– Potenciar a Participación Social, sen exclusións, en todas as estruturas do sistema sanitario.

– Garantir a equidade de acceso ao sistema dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade.

3.- Apoiar explicitamente a mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela pola retirada do Proxecto de Modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia.