moción xuño 2017. por unha lei de identidade de xénero. asociación nós mesmas

27 de Xuño de 2017

O contido desta moción vén da moción rexistrada pola asociación  Nós Mesmas para a súa inclusión no Pleno do Concello de Vigo.

Durante os últimos anos aprobáronse diversas leis estatais e autonómicas para promover a completa equiparación legal e social de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade sexual ou identidade de xénero.

Galicia, coa LEI 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, foi das primeiras Comunidades autónomas en lexislar nesta materia. Porén, dita lei revelouse como insuficiente e descoñecedora de cal é a realidade das persoas trans, da multitude de trabas, problemas e das diversas formas de discriminación das que son vítimas na súa vida cotiá.

Á histórica visibilización e á loita das persoas trans adultas sumóuselle, nos últimos anos, a loita das familias de menores trans. Isto provocou, como non podía ser doutra maneira, que varias Comunidades autónomas aprobasen leis que recollen as demandas e necesidades das persoas trans. Por desgraza atopámonos que as persoas trans na nosa Comunidade autónoma seguen a estar discriminadas e co sentimento de que son consideradas cidadás de segunda categoría, ao non poder gozar dos mesmos dereitos que o resto das persoas.

O venres 3 de febreiro de 2017 varias asociacións LGTBI galegas rexistraron no Parlamento de Galicia un borrador para a Lei de Identidade de Xénero en Galicia, cun único obxectivo: instar aos distintos grupos parlamentarios a que se senten, debatan e consensúen cos colectivos implicados unha lei que dea unha resposta satisfactoria ás demandas das persoas trans.

Por todo iso, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguinte

ACORDO

.- Instar ao Parlamento de Galicia a aprobar unha Lei de Identidade de Xénero na actual lexislatura.