novembro 2017. moción pola adhesión á rede de cidades libres de trafico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución e pola adopción de medidas abolicionistas.

28 de Novembro de 2017

MOCIÓN POLA ADHESIÓN Á “REDE DE CIDADES LIBRES DE TRÁFICO DE MULLERES, NENAS E NENOS DESTINADOS Á PROSTITUCIÓN” E POLA ADOPCIÓN DE MEDIDAS ABOLICIONISTAS.

“…cando a xente se mobilizou en favor da abolición da escravitude nos séculos XVIII e XIX non tiña a ilusión de que dita reforma fixera o mundo perfectamente xusto. A súa reivindicación era máis ben a de que unha sociedade con escravitude resultaba totalmente inxusta. (…). Foi o diagnóstico da escravitude como unha inxustiza intolerable o que fixo da súa abolición unha prioridade arrolladora…” Amartya Sen: “A idea da xustiza”

Segundo a UCRIF, a trata de persoas para fines sexuais provocou o ano pasado a identificación en España de case 14.000 vítimas, o que se considera, unha terceira parte das mulleres captadas por redes u organizacións, un negocio que move 5 millóns de euros ao dia no territorio español. Non debemos esquecer que estas cifras son, con seguridade, moito maiores, dada a invisibilidade inherente á prostitución. “Un problema en casa, oculto entre luces de neón”.

As cifras do horror da trata afectan a millóns de persoas, maioritariamente mulleres, nenas e nenos, en contextos de pobreza e de falla de oportunidades. Este “comercio”, a escala mundial, establece por tanto, uns vínculos perversos entre países pobres como provedores de corpos, e países máis ricos como consumidores dos mesmos. As cifras son tan altas que chegan a incidir no PIB dun pais a partir de actividades de ocio sexual ou turismo sexual. Actualmente, a prostitución é o negocio máis lucrativo despois do tráfico de armas e antes do tráfico de drogas, aportando unhas ganancias de entre 5 e 7 billóns de dólares, mobilizando a unhas 4 millóns de persoas.

A trata é un acto criminal, e os mecanismos para afrontalo, só poden ser coercitivos e punitivos, mais cando falamos da prostitución no seu conxunto, e dicir, a acción de venta e aluguer de corpos de mulleres para uso sexual, é imprescindible incidir na demanda, e modelar un novo tipo de cultura que desmonte a necesidade do sexo como ocio deshumanizado, sen responsabilidade sobre o uso dos corpos alleos.

A intervención para a súa erradicación ten que ser a través de políticas transversais onde , por unha banda faise imprescindible visibilizar as accións das mafias e sancionar o consumo, mais, tal e como se ten comprobado naqueles países abolicionistas, é necesaria tamén a aplicación de medidas a favor das mulleres, medidas que conten con alternativas, acompañamento, e ferramentas económicas para a supervivencia e saída da grave situación que están vivindo.

A través dos altofalantes mediáticos do libre mercado dentro do concepto económico neoliberal e a globalización estanse condicionando conceptos de ocio e consumo onde o sexo non pasa de ser un consumo máis, e os corpos das mulleres, unha mercadoría.

É preciso recoñecer o problema dentro dos nosos propios códigos culturais, asumindo a prostitución como explotación sexual, saíndo así da nosa voluntaria ignorancia como sociedade e implicándonos no problema. A prostitución existe nas nosas rúas, xunto ás nosas casas, e os seus “clientes”, os prostituidores, a nosa veciñanza. Como sociedade, colectivamente, debemos ser conscientes deste sistema escravista que existe nos nosos días, e dentro da mesma sociedade que se considera a si mesma que está nun “sistema certamente democrático”.

A prostitución non é algo “normal”, “necesario”, “o oficio máis vello”, “evita violacións”, “é sinónimo de liberdade de facer cos nosos corpos”…..non, a prostitución non é unha relación sexual senón unha forte relación de poder, onde o prostituidor paga por sexo ás mulleres prostituídas, é unha posición de dominio, sometemento, abuso e posesión, posesión do “obxecto” polo que pagas.

As persoas victimas de trata e prostitución, son persoas desposuídas da súa humanidade e cosificadas como mercancía. Aproveitadas polos traficantes para o seu uso e abuso, e por todo aquel que o desexe, participando e perpetuando o negocio da escravitude, máis vixente que nunca en pleno século XXI onde se nos enche a boca falando en termos de “cidadanía”.

Debemos aceptar polo tanto a relación existente entre a prostitución e o sistema económico, así como a relación entre a prostitución e o patriarcado, cando esta resulta ser unha clara expresión de subordinación e dominación das mulleres, lexitimando implicitamente unha manifestación de violencia machista.

Regular a prostitución, tal e como versan as teorías regulamentaristas, lexitimaríaa como un soporte de control patriarcal e subordinación sexual das mulleres, cun efecto negativo non só sobre as mulleres e nenas que están dentro senón sobre o conxunto das mulleres como grupo, xa que consolida unha definición machista onde as mulleres teríamos a función de estar ao servizo sexual dos homes.

Se regulamentamos a prostitución, integrándoa na economía de mercado, estamos dicindo que é unha alternativa aceptable para as mulleres e, polo tanto, se é admisible, non sería preciso erradicar as causas nin ás condicións sociais que posibilitan e determinan que as mulleres sexan prostituídas. A través deste proceso, reforzaríase a normalización da prostitución como unha «opción para as pobres».

A prostitución é un xeito de explotación que debe ser abolida e non unha profesión que hai que regulamentar. O que as persoas prostituídas teñen que soportar equivale ao que noutros contextos correspondería á definición aceptada do abuso sexual e violación reiterada. O feito de que se pague unha cantidade de cartos pode transformar ese abuso nun «emprego», ao que se lle quere dar o nome de “traballo sexual”? converter aos prostituidores en clientes e aos proxenetas en empresarios? queremos regular para as demais, para as nosas fillas, irmás o que non queremos para nós?

Por iso defendemos claramente a postura do movemento abolicionista que busca ir á raíz dun problema que afecta aos dereitos humanos. Dereitos esenciais que están fóra de discusión: os de toda persoa a non ser abusada nin utilizada sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio de ningunha compensación económica. De aí que o foco debamos dirixilo ás persoas que demandan, a “clientela”, os prostituidores. Porque sen demanda, a oferta desaparece.

Cambiar o destino das persoas que padecen a prostitución pasa por entender un sistema económico xusto e sostible que incorpore a igualdade real a ambos sexos. Cambiar o seu destino pasa por perseguir ás mafias e non favorecer a súa instalación no noso país con leis permisivas e con modelos económicos que permiten proxectos do estilo “Eurovegas” nas nosas cidades. Cambiar o seu destino pasa por transformar a mentalidade dos prostituidores e daqueles/as que os xustifican, non só con normativa disuasoria senón cunha educación que cambie a imaxe da muller como obxecto sexual. Cambiar o seu destino pasa porque os dereitos das mulleres deixen de ser dereitos de segunda.

A nosa cidade non é allea a esta situación, de feito, existen numerosos locais onde, e segundo as asociacións que traballan día a día axudando ás mulleres explotadas sexualmente, estanse dando situacións de trata de mulleres e prostitución; lugares sobre os que sería moi clarificador saber con que tipo de licenza contan para este tipo de “actividade”, xa que algúns deles parece que incluso poden ter licenzas tan estrañas como pode ser de “tablao flamenco”.

O noso municipio debe implicarse activamente, hoxe máis que nunca, nesta loita pola igualdade entre homes e mulleres apostando pola abolición da prostitución, compromiso que pode comezar hoxe uníndose á Rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución, e a aplicación de medidas abolicionistas que conteñan alternativas de saída da prostitución así como todas aquelas orientadas á prevención e educación en igualdade, ferramenta fundamental para a erradicación desta lacra social.

Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea de Vigo presenta ao Pleno para a súa aprobación se procede os seguintes

ACORDOS:

1. Este Concello súmase á Rede de cidades libres do tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución.

2. Deseñarase unha campaña periódica para sensibilizar á poboación sobre a equivalencia da prostitución á explotación sexual das mulleres e polo tanto, unha forma máis de violencia de xénero.

3. Esixirase ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a aplicación real da Lei de Trata, perseguindo o tráfico de mulleres e persoas, e aos proxenetas e mafias que campan impunemente nos “clubs” e outros establecementos.

4. Esixirase ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a aplicación real e completa do Plan Integral de loita contra a trata de mulleres e nenas con fins de explotacións sexuais (2015-2018).

5. Priorización e dotación orzamentaria para as subvencións dos programas que teñan por obxecto non meramente a redución de danos da poboación en situación de prostitución senón que se ofrezan alternativas de saída.

6. Instarase ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a que estableza normativa que impida que os medios de comunicación, tanto impresos como audiovisuais, se lucren coa explotación sexual das mulleres ofertando servizos sexuais en anuncios ou publicidade, así como o impedimento deses medios ao acceso de cartos públicos, xa sexa en forma de subvención, convenio ou contrato coas administracións.

7. Introdución nas ordenanzas municipais de publicidade exterior a prohibición de inserción de anuncios de publicidade de locais de prostitución tanto nas vallas publicitarias nas rúas como nos taxis, etc. (Pódese utilizar como exemplo a realizada no Concello de Sevilla)

8. Formación específica para o persoal do Centro de Información á Muller cara a máxima eficacia á hora de detectar casos de trata e explotación sexual ás mulleres.