outubro 2017. moción pola anulación da lei de fomento de iniciativas empresariais (lei de depredación de galicia)

25 de Outubro de 2017

A Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, que o Partido Popular aprobou o pasado martes 17 no Parlamento galego tramitada por unha pola vía de urxencia para esquivar o período de consultas públicas previo, lonxe de ser unha proposta lexislativa para a planificación e dinamización económica do tecido empresarial e produtivo, e para artellar unha actividade empresarial sustentábel; supón un grave ataque ao patrimonio natural, ao territorio e aos dereitos de participación e consulta ambiental da cidadanía e tamén das administracións locais.

Esta lei, que contou con ducias de emendas dos grupos parlamentares (curiosamente tamén do grupo parlamentar propoñente o PPdG) reduce garantías nos trámites ambientais, rebaixa o réxime de protección do patrimonio, mingua a participación da cidadanía e dos concellos nos trámites ambientais e de autorización previa de proxectos e, en resumo, constitúe unha norma flexibilizadora, liberalizadora e desreguladora das políticas mineiras, enerxéticas e forestais en Galicia en favor dos intereses privados das grandes operadoras do mercado en ditos sectores.

O feito de que sexa o grupo parlamentario do PPdG o que presentou esta proposta de lei para evitar o proceso participativo previo necesario nunha lei destas características xa amosa a intencionalidade da propia lei: simplificar nunha norma xeral aspectos esenciais das normativas que regulan tanto os trámites ambientais dos sectores mineiro, eólico e forestal, como a ordenación do solo industrial de Galicia. Aspectos que por exemplo deixarían a protección dos espazos da Rede Natura en papel mollado ou os criterios ambientais para a planificación de polígonos industriais.

No caso da nosa cidade significaría por exemplo, que coa pretendida escusa de ser competitivos co norte de Portugal, o solo industrial abarataríase nun proceso simplificado de expropiación de terreos particulares e de creación de novos polígonos nunha cidade sen aínda ordenar o solo industrial existente e mesmo poderíase legalizar algún existente.

Do mesmo xeito, e coa realidade dos incendios forestais que vimos de padecer na cidade de Vigo, comportaría a expansión dun modelo forestal baseado na liberalización e amparo dos monocultivos madeireiros e de biomasa que incrementa o risco de incendio, e mesmo facilitaría as expropiacións “exprés” coa escusa das necesidades da industria extractiva forestal ou de proxectos como o latente parque eólico do Galiñeiro con diversas denuncias de colectivos de defensa ambiental ao considerar as áreas de reserva e as áreas de conservación, así como as súas franxas paralelas, como áreas posibles de desenvolvemento eólico.

Especialmente grave para a Marea de Vigo é o feito de que facilita os procesos de expropiación forzosa e reduce a autonomía municipal ao facer máis sinxela consideración de determinados proxectos industriais como estratéxicos, con menor control urbanístico, declaración de utilidade pública, e de incidencia supramunicipal. O artigo 16 da norma reduce de 50 a 20 millóns de euros o volume de investimento mínimo necesario para que un proxecto sexa declarado estratéxico, e de 250 a 100 os postos de traballo directos creados, ou que simplemente precisen dunha especial necesidade de solo, non dispoñible coa oferta existente. Reduce tamén os prazos de consulta ao Concello de Vigo, dificultando aínda máis o traballo de técnicos municipais, que xa sofren as consecuencias dun cadro de persoal forzadamente minguado polas disposicións do Goberno do Estado e o inxente traballo para ter unha ordenación urbanística na nosa cidade.

Ameaza o patrimonio cultural dos nosos montes; fai prevalecer o aproveitamento industrial fronte aos tradicionais e comunitarios; permite a corta xeneralizada onde antes precisaba permiso; e suprime a necesaria autorización de Medio Ambiente para os aproveitamentos madeireiros en zonas protexidas e reducindo de facto os niveis de garantías de protección ambiental das zonas e espazos protexidos, inclusive os da Rede Natura.

O novo réxime relativo á xestión, mantemento e conservación das áreas empresariais supón, en primeiro lugar, un desapoderamento de competencias municipais na materia, ao limitar e condicionar as potestades do planeamento respecto das entidades urbanísticas de conservación, das que, recentemente, vimos de aprobar en Vigo unha ordenanza reguladora, e, en segundo lugar, e como efecto derivado, o traslado á facenda municipal de custos de mantemento de ditas áreas.

En resumo, esta lei aprobada pola Xunta de Galicia aposta por un modelo extractivo de escaso valor engadido e despreza un modelo económico social e natural sustentable. O espolio do nosos bens naturais común é o espolio do noso futuro. O sacrificio de garantías ambientais e dereitos sociais é unha hipoteca para as vindeiras xeracións.

Polo exposto, instamos a esta Corporación municipal a tomar o seguintes

ACORDOS

1.- Demandar do Parlamento galego a anulación da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, por ser contraria aos principios de sustentabilidade e protección do medio ambiente, da paisaxe e do patrimonio cultural, por alentar un modelo social desigual e inxusto, e por limitar o dereito das administracións locais e da cidadanía para participar na toma de decisións sobre proxectos empresariais de especial transcendencia económica e social.

2.- Instar á Xunta de Galicia a planificar, programar e executar alternativas políticas e económicas sustentables que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Galicia, xeren rendas ecolóxicas e sociais, que impulsen iniciativas económicas locais creadoras de emprego de calidade e que respecten a autonomía local nos aspectos que a lei comporta.

3.- Dar traslado do presente acordo ao Parlamento de Galicia, Grupos Parlamentarios e Goberno da Xunta de Galicia.