marea de vigo afirma que o alcalde do psoe minte cando fala do gasto social en vigo.

23 de Outubro de 2018

Marea de Vigo afirma que o alcalde do PSOE minte cando fala do gasto social en Vigo.

Marga L. Barreiro: “Vigo non chega nin á media das cidades galegas en gasto social por habitante, cun gasto de 64 euros fronte aos 105 da Coruña; estes son os datos reais, por moito que o alcalde pretenda inflalos”.

Vigo, 23-10-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo vén de coñecer os datos sobre as liquidacións orzamentarias municipais das sete grandes cidades galegas do ano 2017, nos que, a tenor de non contar aínda coas liquidacións de Santiago de Compostela ou Ourense, os datos sacados do Ministerio de Facenda en canto ás liquidacións dos orzamentos do 2017 nas sete grandes cidades galegas son claros: Vigo, xunto a Pontevedra, lideran á baixa o gasto social ( 64,83€ Vigo e 54,84€ Pontevedra) fronte aos 82,29€ de Ferrol, os 89,29€ de Lugo ou os 105,94€ da Coruña, cidade que ademais duplicou o gasto en comparación co exercicio do ano anterior, ao aplicar políticas activas contra a pobreza.

Marea de Vigo esíxelle ao goberno de Abel Caballero rigorosidade á hora de falar de gasto social, xa que, “alén do uso electoralista, que resulta cando menos inaceptable, basearse ademais en datos falsos, é unha actitude que non debería ter un alcalde, por resultar ruín e totalmente enganosa cara á veciñanza” afirma Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo insiste en que “en lugar de xogar cos datos de xeito interesado, o Goberno local de Abel Caballero debería observar os Servizos Sociais da cidade, así como a situación de saturación na que se atopa o persoal de Benestar Social (cuestións que ademais nin dependen exclusivamente da Xunta nin do gasto que se decida facer, tal e como amosan os datos doutras cidades). O que ten que facer o goberno local é aplicar políticas reais contra a pobreza e a exclusión social, adicando orzamento, introducindo medidas efectivas, escoitando aos colectivos sociais nas súas denuncias e por suposto, non mentindo e sendo rigoroso cando fala do gasto social” conclúe Marga L. Barreiro.