marea de vigo ante a sentenza sobre a pass vigo

7 de Febreiro de 2020

MAREA DE VIGO CONSIDERA QUE A SENTENZA SOBRE A PASS VIGO DEIXA CLARO QUE O SISTEMA DA DEVANDITA TARXETA É UNHA INUTILIDADE E SOAMENTE A ENTRADA NUN SISTEMA DE TRANSPORTE METROPOLITANO É O FUTURO.

Rubén Pérez: “Non había que ser moi ‘lumbreras’ e coñecer un pouco dos sistemas de transporte en todo o estado para saber que o da tarxeta só para persoas censadas era imposible e soamente serviu para distribuír a cara de Abel Caballero en todos os buzóns de Vigo e que Vitrasa, co gasto de todo, xustificase máis amortización de diñeiro pendente co que condicionar o futuro concurso”.

Vigo 07-02-2020. Para o Grupo municipal da Marea de Vigo, a obtención da tarxeta sempre ten que ser universal como nas grandes cidades do estado, e posteriormente aplicar bonificacións a colectivos vulnerables en canto a recursos económicos ou situación sociocomunitaria. “En vez disto – matiza o voceiro – nun alarde de personalismo delirante, Caballero artellou un sistema ridículo de tarxeta cidadá, tanto que, por exemplo, pretende utilizar o mesmo sistema incluso para o lixo, cando o único motivo para implantalo noutras cidades é para que as persoas usuarias obteñan rebaixas no imposto do mesmo. Isto non existe en Vigo, convertendo nunha obvia inutilidade o sistema anunciado a bombo e prato por Caballero para os contedores de lixo orgánico”.

A sentenza que anula o sistema ligado ao empadroamento para a obtención da PassVigo, segundo a Marea de Vigo, “lévannos ao punto de inicio, cando existía unha tarxeta verde que se entregaba de xeito indiscriminado e se sufragaba exclusivamente polo Concello de Vigo, coa nula colaboración económica por parte da Xunta”.

Marea de Vigo segue a considerar polo tanto que a única solución vén, ou ben do recoñecemento do convenio asinado pola Xunta e o Concello no 2015 ou ben pola sinatura dun novo convenio entre ambas administracións. Deste xeito a Xunta asumiría a maior parte do billete das persoas non empadroadas en Vigo e o Concello de Vigo seguiría facéndose cargo da bonificación das persoas empadroadas (80% Xunta e 20% Concello), evitando as inxustizas que se están dando por exemplo con Concellos como o de Cangas, que paga parte da bonificación do transporte de ría, podendo ser empregado por unha viguesa ou vigués aínda que o Concello de Vigo non participe no transporte metropolitano que así o permite.

Rubén Pérez explicou hoxe que “é correcto facer desde o Concello de Vigo unha bonificación ás persoas empadroadas, e é perfectamente lexítimo; hai moitos concellos, incluso gobernados polo PP que así o fan, mais contando sempre coa alternativa do transporte metropolitano ou da existencia dunha tarxeta accesible a todo o mundo sexa empadroado ou non como se fai en Madrid, Barcelona, Xixón, etc.. O problema é que aquí non hai esa alternativa, non interesa nin a PP nin a PSOE unha área metropolitana funcionando, non lle interesa a Vitrasa e ao grupo Avanza un trasporte urbano de pasaxeiros/as de Vigo operando metropolitanamente, e por suposto a Caballero veulle de marabilla que a súa foto empapelara xornais e buzóns de todo Vigo. Iso si, pagado por todos os vigueses e viguesas coas subas de billete de transporte que logo xustifica a empresa privada Vitrasa por aumento de gastos de explotación”.

Por desgraza, agora o resultado da batalla xerada entre o goberno de Abel Caballero e a Xunta de Galicia fixo imposible a existencia dun sistema metropolitano de transporte, e as consecuencias son que o Concello de Vigo, salvo recurso que tombe a sentenza, terá que facerse cargo do 100% das bonificacións, con independencia do empadroamento.

“Finalmente, todo isto só serviu para enviar unha carta do alcalde a todos os domicilios vigueses, para imputar máis gastos pendentes de amortización no contrato con Vitrasa, e en definitiva, condicionar deste xeito o futuro do transporte cuxa concesión remata o próximo ano” conclúe Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.